O CD Lugo deu un paso máis na súa pelexa pola permanencia, cun fundamental triunfo no feudo do Victoria FC. O segundo consecutivo para as da beira do Miño. As santiaguesas comezaron mellor, aproveitando as imprecisións iniciais e os nervos das albivermellas. O cadro de Joaquín Blanco sufriu para superar a presión dun rival que perdoou dúas ocasións claras. A boa actuación de Sara propiciou que a vantaxe local fose dun só tanto ao tempo de lecer.

O equipo lucense mellorou aos poucos, co paso dos minutos. Igualou o encontro no inicio da reanudación pero o empate non remataba de chegar. Lonxe de virse abaixo, o CD Lugo insistiu. E nun exercicio de coraxe remontou o partido con dous goles no tramo final. O domingo xogarase a permanencia en 90 minutos ante o Umia.
O PM Friol sumou un punto nun partido con alternativas. O cadro de Ángel Buján e Geluco Villar golpeou primeiro. E a súa falta de puntería impediulle sentenciar ao Sárdoma. As da Reigosa cansáronse de fallar oportunidades. Salientando unha pena máxima e un gol anulado por fóra de xogo.
O conxunto vigués mantívose con vida para ferir gravemente ás friolesas no segundo acto. O Sárdoma aproveitou dúas perdas locais para remontar. O PM Friol quedou noqueado, desapareceu do campo tralo segundo gol visitante. Por sorte, volveu a tempo para rescatar un empate no tramo final.


o PM Friol B, virtualmente descendido na primeira a expensas dunha posible carambola
O PM Friol B encaixou un novo revés, que deixa ao cadro de Geluco Villar virtualmente descendido. O Orzán fíxose cos tres puntos nun encontro no que se adiantou no ecuador da primeira metade. As coruñesas sentenciaron na reanudación. As da Reigosa só asinaron o gol da honra no tempo de prolongación cun tanto de Iliana.

Agora, o filial friolés precisa rezar, e moito, para manterse na Primeira Galicia. A carambola que se require sería antolóxica. O PM Friol B debe gañar os seus dous partidos de Liga restantes. E ver como o Victoria FC B non puntúa máis. Así mesmo, require que o EFB Amistade logre só tres puntos dos seis que quedan por xogarse. Nesta rocambolesca situación, os tres equipos citados chegarían á cifra de 29 puntos. Salvándose o PM Friol B nese triplo empate (sempre e cando descenda soamente un club galego da Terceira RFEF: Umia ou CD Lugo. Se baixasen os dous, o PM Friol B estaría descendido).
Tamén habería outra posible combinación, aínda máis difícil. Deixar ao EFB Amistade atrás na táboa e empatar a 29 puntos co Victoria FC B. O ‘golaverage’ particular quedaría empatado. E tocaría tirar da diferenza de goles xeral, onde as santiaguesas contan cun ‘-6’ e o PM Friol B cun ‘-31’. Así que precisarían mellorar en máis de 25 goles esa diferenza particular con só dúas datas por celebrarse. Unha utopía que deixa ás nosas languidecendo na táboa.

O San roque asalta a zona de play off con dez xogadoras e o chantada segue fóra do descenso na segunda galicia
O San Roque entra en zona de play off de ascenso tras gañar ao descendido ED Os Miúdos e beneficiarse da derrota do Abellá no campo do Carral. O equipo de Quiroga sobrepúxose ao feito de xogar con só dez futbolistas. Tirou de orgullo e maniatou a un ED Os Miúdos que só tirou unha vez a porta. Sofía Lage engadiu un ‘dobrete’ ao tanto inicial de Saray para un San Roque que puido golear.
O Chantada regresou de baleiro da súa visita ao potente Mos B. As do Sangoñedo mantiveron milagrosamente o 0-0 ao intermedio. Custoulles entrar en partido e viron como o filial do Mos erraba varias oportunidades claras.
O plan funcionaba á perfección e o Mos B comezaba a frustarse ante a defensa baixa do Chantada. Porén, no mellor momento visitante; dous erros defensivos consecutivos deixáronlle en bandexa o triunfo ás pontevedresas. O Mos B sentenciou posteriormente cun auténtico ‘chicharrazo’ desde fóra da área. O Chantada perdoou o gol da honra nun man a man e nun longueiro de Eva. As de Jorge González seguen fóra dos postos de descenso directo.

O Antas colleitou un insuficiente empate na súa visita ao Brexo Lema. As de Dani Abelairas foron de menos a máis, pecando de falta de contundencia en área rival.
As da Ulloa levaron o control do partido con numerosas ocasións, pero non estiveron atinadas de cara ao gol. O único tanto, de Nuria e de penalti, permitiu igualar a única chegada das locais.

Por último, a Milagrosa perdeu na casa ante o Orzán B. Tres erros capitalinos deixáronlle o triunfo en bandexa ás coruñesas nun duelo de poder a poder. Dous goles case consecutivos xusto antes do tempo de lecer tumbaron ás de Felipe Varela na Frigsa.
O Carballedo, única alegría nunha xornada chea de derrotas na terceira galicia
O Carballedo levouse o derbi lugués da Terceira Galicia cun solitario tanto de Sheila a cinco minutos do final. O partido foi moi parello e contou con poucas oportunidades de gol. As defensas impuxéronse aos ataques. Se ben é certo, que o CD Lugo B tivo o seu momento para marcar na primeira metade.
Na reanudación, as do Catro Ventos deron un paso adiante. Mostraron unha maior sensación de ameaza ao seu rival, lideradas por Mazaira e Alba Lobelle. E nunha mala cesión entre a defensa e a porteira do cadro albivermello, Sheila pescou o gol da vitoria. As de Sementa quedan a dous puntos da zona de play off de ascenso con dúas xornadas por disputarse.
O San Lázaro deixouse ir ante o Cruces. A escadra de Luchi realizou unha magnífica posta en escena, vencendo por 2-0 aos oito minutos de xogo. As da Ponte estiveron excelsas ata o ecuador do primeiro acto. A partires de aí, entraron as dúbidas e o Cruces pescou en río revolto.
As visitantes empataron pero Douaa (autora dun ‘dobrete’) volveu adiantar ás de Luchi. No entanto, non estaba o día para o San Lázaro. E o Cruces culminou a súa remonta no tempo extra, cun tanto en posible fóra de xogo.

O Arenteiro B sorprendeu a un Monte Forte coa pólvora moi mollada. Un despiste defensivo monfortino bastou para darlle os tres puntos ás do Carballiño. O equipo de Cristian Penas loitou, xerou e porfiou. Pero a pelota non quixo entrar en momento algún. E non foi por non insistir… Cuarta xornada consecutiva sen gañar para o Monte Forte.
A Comercial sufriu a súa segunda derrota seguida nun dos partidos máis duros desta campaña. O conxunto de Vicky presentouse con só dez xogadoras nunha praza tan difícil como é a do Taragoña.
O cadro lugués loitou ata quedar sen forzas. E malia ter algunha ocasión e incluso ver porta cun tanto de Lorena, a Comercial cedeu ante a superioridade local. Tamén ante a capacidade goleadora de Laura Gómez, autora dun póker.
Triunfos capitalinos nos dous partidos do día 1 de maio
O pasado 1 de maio celebráronse dous partidos que tiñamos anotados no noso almanaque: un de Copa e un aprazado ligueiro. No duelo copeiro, o San Lázaro accedeu a semifinais despois de superar por 7-0 ao Monte Forte. Dominio absoluto das da Ponte ante o equipo de Cristian Penas. A marcaxe individual sobre Eukene non obtivo o efecto desexado e as capitalinas nunca perderon o mando do encontro. Douaa, autora de tres goles, destacou no San Lázaro. Erea fixo o propio no Monte Forte.
Pola súa parte, o CD Lugo B sumou tres puntos máis ao seu casilleiro despois de vencer por un claro 5-0 ao EF Silleda no duelo adiado da data número 22. O filial albivermello rendondeu o tanto inicial de Ainara Silvosa nunha boa segunda metade.
Resultados da xornada
PM Friol 2-2 Sárdoma
Victoria FC 1-2 CD Lugo

Orzán 3-1 PM Friol B
Milagrosa 0-3 Orzán B
ED Os Miúdos 0-3 San Roque
Mos B 3-0 Chantada
Brexo Lema 1-1 Antas
Carballedo 1-0 CD Lugo B
San Lázaro 3-4 Cruces
Arenteiro B 1-0 Monte Forte
Taragoña 4-1 Comercial
San Lázaro 7-0 Monte Forte (Copa)
CD Lugo B 5-0 EF Silleda (aprazado)
