O Trío de Ases O Cantón deu unha xornada na que só o Lugo B acadou unha vitoria que lles permite manterse nunha loita pola promoción cunha lista infinita de candidatos. En canto os empates, hai diferencias de percepción entre o Racing Villalbés, o Viveiro, a Sarriana e o Lemos. Por último, a Preferente Norte non puido sumar ningún punto, xa que o Burela e o Pol, que cortou a súa xeira de vitorias, perderon.
O Lugo B saca a única vitoria da xornada
O Lugo B sacou unha vitoria moi sufrida da súa visita a Burgáns (0-1). Desde o comezo, o filial albivermello colleu o dominio do encontro, pese a que non atopaban a profundidade. Cando se aproximaba o descanso, os de Dani Galán comezaron a atopar o xogo polas bandas e iso permitiulles atopar dúas oportunidades moi claras para Fran Blas e Noah onde o porteiro venceu a guerra de ambos mans a man. No final, o Cambados estivo preto de dar un bo susto con varias xogadas importantes.
Na segunda metade, o control volveu ás mans do Lugo B. O bon para os lucenses é que, esta vez, si que tiveron recompensa no minuto 52. Un bo centro propiciou un rexeite no que Fran Blas só tivo que empurrala para poñer o mando no marcador. Pese a que tiveron moitas opcións, non conseguiron matar o encontro e o final do partido foi de puro sufrimento. Os balóns longos e os centros foron unha dor de cabeza que o Lugo B soubo sacar de enriba.
Un punto que sabe a moi pouco
Era un partido trascendental para a Sarriana na súa loita pola permanencia, pero tras o seu empate por 1-1 ante o Langreo e o resto de resultados deixou todo prácticamente igual a como estaba ao arrincar a xornada. Todo pese a que, no minuto 7, os de Dani Giménez levaron un mazazo co gol en contra de René. Os locais tiveron unha oportunidade moi clara nos pés de Vilán, pero non foi ata o minuto 41 cando Millán igualaría tras converter un penalti.

A Sarriana mantívose no dominio do encontro con máis oportunidades e con Berardozzi pola esquerda e Iago Díaz pola dereita poñendo centros continuamente. Aí apareceu Torre, o gardarredes do Langreo, que cunha parada a Edu nun man a man e outra espectacular a Keko nun saque de curruncho frustraría as opcións locais. A máis clara chegaría no minuto 70 cun balón raso ao segundo pau que Clavería mandou fóra por moi pouco.
A loita pola promoción segue activa
O Lemos non puido sumar de tres na súa visita ao Portonovo (1-1) para todo un duelo directo pola promoción de ascenso. A primeira parte foi moi equilibrada, pero o Lemos mostrou unha gran solidez defensiva que freou o ataque do seu rival. Na parcela ofensiva, Youness logrou varios disparos nos que Diego Dadín tivo que actuar.
Os monfortinos deron un paso adiante e esperaron ao seu rival cada vez máis arriba. Froito diso, Youness logrou facerse cun balón no centro do campo e superar no man a man ao porteiro para abrir o marcador. O Portonovo reaccionou e arriscaron máis ata que, no minuto 65, Juan Barbeito aproveitou unha xogada liosa para marcar o tanto do empate. Os dous equipos intentaron ir a polo encontro, pero tiveronse que conformar cun punto para cada un.
Empates na Terceira que suman en sensacións
O Racing Villalbés conseguiu sacar algo do histórico Vero Boquete de San Lázaro tras empatar por 0-0 ante o Compostela. Os de Juan Rodríguez foron a por todas desde o inicio, apretando alto a saída de balón dos de Secho para buscar as súas opcións. Co paso dos minutos, os picheleiros gañaron metros, pero o entramado defensivo chairego só permitiu unha oportunidade nun barullo na área despois dunha xogada de estratexia.
A punto estivo o Racing Villalbés de abrir a segunda metade cun gol tras un forte disparo de Manu Mosquera que deu no longueiro. O guión do encontro volvía a levar un guión semellante, co Compostela gañando metros ata que nos últimos minutos apretaron o acelerador. Aínda así, só Damián foi o único que fixo actuar a Santomé, polo que o 0-0 inicial mantívose ata o final do tempo reglamentario.
O Viveiro tamén empatou por 0-0 ante o Silva nun encontro importante na loita pola permanencia. Os de Alberto López tiveron o control inicial do encontro e estivo a piques de abrir o marcador cunha falta de Rolle que marchou ao longueiro e cun gran pase de Lansade que Vicente non chegaría a rematar. Na segunda, Trasi, Diego e Kablik estiveron moi preto de darlle a vitoria aos seus, pero non puideron sumar máis que a diferencia de goles favorable ao gañar na primeira volta.
A Preferente Norte marcha de vacío
A xeira do Pol chegou ao seu fin tras caer ante o Sofán por 2-0. Na primeira parte, os de Labrada puideron adiantarse cunha vaselina de Alvarito que marchou por pouco. Na segunda, o encontro cambiaría despois dun penalti moi discutido no minuto 64 que transformaría Mallo. O Pol foi arriba e tivo varias oportunidades para igualar o encontro, pero nunha contra no tramo final Mallo sentenciaría o partido e faría que os tres puntos quedasen no Carral.
O Burela mantense nos postos de descenso despois de caer por 3-1 ante o Puebla. Os mariñáns adiantaronse cunha contra no minuto cinco que convertiría Diego Chao, pero Bertua igualaría nunha segunda xogada só tres minutos despois. O propio dianteiro aproveitaría un erro defensivo dos de Julio Castro para adiantar aos seus antes do descanso. O Burela arriscou para ir a polo empate, pero no 75 chegaría a sentencia cun gol de Astray.


