#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

O Lourenzá busca sorprender ao Ribadeo no Pepe Barrera

A sexta xornada de Primeira Futgal achéganos un derbi mariñán entre o Ribadeo e o Lourenzá con moito en xogo para ámbolos conxuntos e cun aliciente especial, o enfrontamento de Yago Cruña, recente fichaxe do Ribadeo, diante do seu ex equipo os último anos. Será o domingo ás 17 horas no Pepe Barrera coa arbitraxe de Diego Seco Barreira.

O Ribadeo atópase na quinta praza da clasificación con dez puntos, a cinco do liderado que comparten uns intratables SD Chantada e Residencia. Os de Diego Bermúdez suman pleno de puntos como local tras vencer no Pepe Barrera a Xove Lago e Outeiro de Rei, mentres que lonxe do seu feudo amósase con máis dúbidas ao sumar só unha vitoria en tres encontros, a acadada diante do Taboada. Os dous encontros nos que o Ribadeo non gañou foi na visita ao Sangoñedo que se saldou con derrota e na pasada semana sumou un punto no campo da Milagrosa.

Enfronte estará un Lourenzá situado na zona baixa da táboa clasificatoria con tres puntos, os acadados na segunda xornada ligueira en Santa Cruz diante do Xove Lago. Ben é certo que dúas das derrotas tiveron lugar ante os dous líderes da categoría, chegando a tutear á Residencia en moitas fases do encontro. Malia todo, os de Rubén Acebedo precisan sumar e non renuncian a facelo no Pepe Barrera.

No Ribadeo serán baixa por lesión o central Mario e o atacante Luis Pernas, mentres que no Lourenzá non serán da partida o sancionado Xoel e os lesionados Paulo e Yago.

Falamos do encontro con dous dos grandes protagonistas do mesmo. Yago Cruña, recente fichaxe do Ribadeo tras o seu paso fugaz polo Viveiro, que se enfrontará ao seu equipo de sempre, e Jorge, o capitán dos de Santa Cruz.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Yago Cruña (Ribadeo FC)

Co Lourenzá enfronte. «Vai ser un partido moi especial, porque é o equipo do meu pobo e pasei alí moitos e bos anos, con xente á que lle teño moito aprecio. Teño un gran respecto polos seus xogadores, afección e directiva e deséxolles o mellor, sobre todo a partir deste partido (risas). Xogar contra os meus amigos é unha sensación estrana, pero tamén moi bonita. Sigo tendo un gran apego polo club e por todo o que representa para min«.

A chegada ao Ribadeo. «Acabo de debutar e estou moi contento coas sensacións e coa acollida do equipo. Temos un grupo con moita ilusión e cun obxectivo claro, que é loitar polo ascenso. Sabemos que a categoría é moi complicada, onde se non estás ao cento por cento calquera che pode gañar, pero confiamos no noso traballo para estar arriba ao final«.

O paso polo Viveiro. «Estiven moi agusto, tanto cos compañeiros como cos adestradores, pero decidín marchar porque non estaba tendo oportunidades para demostrar o que lle podía aportar ao equipo. Foron uns meses nos que aprendín moito, pero necesitaba xogar e sentirme útil. Por iso din o paso e fichei polo Ribadeo, xa que apostaron moi forte por min e vin que é un proxecto ilusionante. Agardo devolver no campo toda a confianza que me deron«.

Jorge (Lourenzá)

Mala xeira. «É certo que ultimamente está costándonos puntuar e os resultados non son os que agardabamos. Estamos traballando ben, pero precisamos pulir uns pequenos detalles para poder sumar. Precisamos ser máis contundentes en defensa e máis eficaces en ataque. Debemos estar concentrados durante os noventa minutos de xogo«.

O Ribadeo. «Agárdanos un encontro moi complicado. Enfrontámonos a un dos máximos candidatos ao ascenso e contan con xogadores de moita calidade e encima xogamos no Pepe Barrera polo que contan cun plus ao seu favor. Debemos xogar concentrados, unidos e minimizando os erros que vimos comentendo. Facendo iso seguro que temos oportunidade de gañar ou cando menos empatar, xa que tamén contamos con futbolista de calidade«.

O futuro do Lourenzá. «É certo que coa retirada de Garrafín, baixa moi importante non só no futbolístico, senon tamén polo que representaba no vestiario, son o xogador máis veterán. Vexo un futuro moi prometedor para o club. Aparte de ter un equipo moi novo e de calidade, contamos co apoio das escolas deportivas que gracias ao traballo que fan ano tras ano conseguimos sacar moi bos xogadores e actualmente contamos con varios xuvenís en dinámica do primeiro equipo. Con todo o traballo que hai detrás hai Lourenzá para longo en Primeira«.

A AXENDA PARA O FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE . . .

Terceira RFEF Feminina

PM Friol – SD O Val (Sábado ás 18:30 horas na Reigosa): invictas ata o momento, as de Isabel Martín buscarán seguir coa súa boa xeira diante dun cadro ferrolán que suman dous puntos menos na táboa.

Primeira Galega Feminina

Antas – Lóstrego B (Domingo ás 16:30 horas no Castro Seoane): partido na zona alta da clasificación. As da Ulloa, que suman sete puntos de nove posibles, buscarán superar a un conxunto que suma pleno de vitorias.

Segunda Galega Feminina

Milagrosa – Dumbría (Domingo ás 17:30 horas no Luis Gorgoso): logo de caer na última xornada, as de Héctor Expósito buscarán recuperar a senda da vitoria diante do Dumbría situado na zona morna da clasificaicón.

Terceira RFEF

Lugo B – Estradense (Sábado ás 16 horas na Cheda): o filial albivermello colleitou a primeira derrota do curso e recibe a un rival nun gran momento de forma. Un triunfo dos de Dani Galán outorgaríalle praza de play off.

Racing Vilalbés – Arousa (Sábado ás 17 horas na Madalena): os de Juan Rodríguez xa enderezaron o rumbo con dous triunfos consecutivos. Reciben na casa a un dos grandes favoritos para acadar o ascenso, invicto ata o momento.

Preferente Futgal

Lemos – Valladares (Domingo ás 18 horas na Pinguela): logo de catro empates consecutivos, os monfortinos queren sumar tres puntos diante dun Valladares situado na zona alta, pero con dúas derrotas nos últimos tres encontros.

Primeira Futgal

Foz – Iberia (Domingo ás 12 horas no Martínez Otero): derbi mariñán no que o Iberia buscará rachar a súa xeira negativa no difícil campo dun Foz que non cae desde a primeira xornada ligueira.

Segunda Futgal

Alfoz – Folgueiro (Domingo ás 17:30 horas no Municipal): dous invictos fronte a fronte. Os de Chinchón, que xa recibiron no seu feudo ao Xermade e ao Riotorto, fano agora co líder. Os do Vicedo anotan catro goles de media por encontro e convertíronse en firmes candidatos ao ascenso.

San Roque – Antas (Domingo ás 16:30 horas no Polvorín): o cadro local, líder con todos os puntos posibles en xogo no peto, recibe a un rival invicto que aspira a achegarse aos capitalinos.

Terceira Futgal

Abadín – Mondoñedo (Domingo ás 17 horas no Municipal): co capitán Regueira recén casado, os locais buscarán sumar os primeiros puntos do curso diante dun Mondoñedo que quere manter a boa imaxe ofrecida na primeira xornada. Un Derbi do Fiouco de lúa de mel.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

O Lourenzá busca sorprender ao Ribadeo no Pepe Barrera

Só catro equipos acadan o pleno ao

O Lourenzá busca sorprender ao Ribadeo no Pepe Barrera

Álex Boedo (Sarriana): «O clube é unha

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *