O Trío de Ases do Cantón só deixou unha vitoria nesta xornada. Foi a do Lemos, que conseguiu vencer por 0-2 ao Choco cun penalti parado de Pablo Losada incluído. O gran partido foi o derbi provincial da Terceira, que rematou en táboas entre Lugo B e Racing Villalbés. Tamén empatou o Pol ante o Victoria, mentres que o outro equipo da súa liga, o Burela, caeu ante o Sigüeiro. Viveiro e Sarriana caeron ante os líderes da súa liga.
Borja Míguez pon as táboas no derbi
O derbi entre o Lugo B e o Racing Villalbés saldouse cun empate por 1-1 que, pese a que non contentou a ninguén, deixa boas situacións clasificatorias. O Lugo B encargouse na primeira metade de levar o peso do encontro a través da posesión e das chegadas polas bandas. Nunha desas, Noah puxo un centro que se rematou envelenando e que obrigou a Santomé a facer unha gran estirada para evitar o tanto do filial albivermello. Os de Juan Rodríguez optaron por aguantar e presionar durante os priimeiros intres.
No minuto 50, o encontro cambiaría debido a que Ibe sacaría petróleo dun balón en longo e forzaría un penalti que el mesmo acabaría marcando, rematando cunha xeira de 617 minutos sen encaixar gol de Santomé. O encontro parouse no minuto 68 froito dunha falta na que Arao Camala sufriu unha lesión que, a falta de diagnóstico, parece de gravidade. O Racing Vilalbés pasou a producir no balón parado e, nun gran pase á espalda da defensa, Borja Míguez resolveu no minuto 88 un man a man ante Candal para poñer o empate no marcador.
O Lemos logra a única vitoria da xornada
O Lemos consigue unha vitoria importante ante o Choco por 0-2 que lle permite manterse na persecución do Atios xunto ao Pontevedra. A primeira parte tivo igualdade no xogo, pero non no resultado. No minuto 18, Iker recuperou un gran balón e serviullo en bandexa de prata a Fito para que definise a pracer. Os redondeláns tiveron unha boa oportunidade que lle serviu a Pablo Losada para quecer antes do que se lle veu na segunda metade.

O porteiro monfortino demostrou a súa habilidade nos penaltis, xa que detivo un lanzamento desde os 11 metros e o posterior rexeite para que o Lemos mantivese a vantaxe no marcador. Os de Edu Rodríguez axustaron para armarse máis en defensa e atoparon a sentenza no minuto 79. Un contra lanzada por Youness foi o agasallo para Luis para que fixese o segundo tanto e certificase a vitoria.
Cuadrado dá un punto no último minuto ao Pol
Ata o engadido tivo que loitar o Pol para facerse cun punto no Municipal ante o Vitoria. Nun encontro onde ambos propuxeron, a primeira parte non contou con grandes ocasións. No minuto 66, Alberto abriu o marcador para o Vitoria e a partir de aí, o Pol foi a polo empate con ocasións de todas as cores, pero na que ningunha tiña o resultado desexado. Non foi ata o último minuto onde Cuadrado rematou un saque desde o curruncho para poñer o definitivo 1-1.
Os lucenses non puideron cos líderes
A xornada non foi positiva en liñas xerais para os lucenses. A Sarriana caeu na Ribela ante o Oviedo Vetusta, que se puxo líder da categoría, por 0-1 nun encontro no que aos de Dani Giménez lles faltou pegada para poder igualar o duelo. Agudín foi quen de marcar pasada a media hora de encontro cun disparo ao pau longo no que Fernando non puido facer nada. Pese a combinar moi ben, a Sarriana non puido rematar as xogadas con goles.
O Viveiro, pola súa parte, perdeu ante o Compostela por 3-1, pero houbo un momento no que parecía que a sorpresa se podía dar. No minuto 44, Esquerdeiro rematou unha transición para adiantar aos de Alberto López. Aguantaron ata o minuto 70, onde Maceira e Cañi, dous vellos coñecidos da provincia, comezaron a conectar para que, no minuto 80, o encontro pasar do 0-1 ao 3-1 final. Ayoub, porteiro do Viveiro, acabou xogando coma xogador pola lesión de Lansade.
O que non caeu ante o líder da súa categoría foi o Burela, que neste caso perdeu ante o Sigüeiro por 1-0. Os de Oke saíron dormidoos e, no minuto 8, Óscar Remuiñán aproveitouno para abrir o marcador para os locais. Os mariñáns voltaron ao encontro dominando e con ocasións, pero non conseguiron acabar con goles. O encontro variou de mando no xogo varias veces, pero ningún dos dous equipos conseguiu nin sentenciar nin empatar.


