Chega un novo Trío de Ases O Cantón e faino cunha xornada que nos deixou unha de cal e outra de area na Terceira RFEF. O Racing Vilalbés suma e segue. Venceu ao Somozas a domicilio e segue a dous puntos do líder, a UD Ourense. A Sarriana empatou no campo do Silva, mentres que o Polvorín e o Viveiro caeron derrotados. O filial caeu goleado no campo do Boiro e o Viveiro cedeu fronte ao Estradense.
Na Preferente, o Lemos sumou tres valiosos puntos na Pinguela diante do Ribeira. O Escairón empatou no campo do Galicia de Mugardos, rival directo pola permanencia e o Ribadeo sumou un punto no Pepe Barrera diante do Sigüeiro. O Pol perdeu na súa visita ao feudo do Sofán.
O Racing Vilalbés mantén o seu pulso polo liderado tras vencer no campo do Somozas (1-3)
Os de Alberto López seguen a dous puntos do líder, a UD Ourense, no que se prevé un gran duelo ata o final de temporada. A primeira metade resultou parella cun Somozas ben posicionado no campo que non deu moitas opcións de ataque aos chairegos. Nunha xogada por banda dereita de Anthony, este foi derribado na área e Cañi non errou desde os once metros.


Tras o descanso, o Racing Vilalbés sentenciou ao Somozas con dúas contras de manual. Javi Rey asistiu a Anthony que non errou diante do ex viveirense Casillas. Só dous minutos máis tarde, un omnipresente Anthony foi o que asistiu para que Cañi, cun tiro pegado ao pao sentenciara o choque. Nos últimos intres o conxunto local dominou e marcou o gol da honra xa co tempo cumprido por medio de Cambón á saída dun córner.
A Sarriana racha a xeira triunfal, pero suma un punto no campo do Silva (1-1)
Encontro de claro dominio da Sarriana, que desde o primeiro minuto levou o peso do partido. Ademáis, os de José Antonio Rodríguez tiveron ben controladas as accións a balón parado, punto forte dos locais. Malia todo, xusto antes do intermedio Fiuza fixo o gol do Silva tras rematar un centro lateral. Antes disto, Guitián e Boedo contaran con boas ocasións de gol.

A segunda metade seguiu un guión moi semellante á primeira, coa Sarriana tendo o balón e xerando ocasións de gol. No ecuador do periodo final, o colexiado sinalou penalti, primeiro a favor dos sarriaos en toda a temporada, que transformou Boedo. Nos últimos intres Boedo, Sané e Álex Millán contaron con boas ocasións de gol.
O Polvorín sae goleado do campo dun Boiro comandado por Pedrosa (5-0)
Partido que se decidiu na primeira media hora. O Polvorín entrou moi mal ao partido e aos seis minutos un penalti serviu para que o Boiro se adiantara no marcador. Pedrosa non errou desde os once metros. O tanto descentrou aos de Álex Ortiz, que recibiron tres goles máis en só vinte minutos, todos eles en accións de duelos e segundas xogadas nos que os lucenses non estiveron contundentes. Sylla fixo o segundo e o ribadense Pedrosa os dous seguintes.
No segundo tempo os albivermellos tiveron o balón e xogaron en campo contrario, pero o encontro xa estaba moi condicionado polo resultado adverso. A falta dun cuarto de hora para o final, nunha contra Mario Prol fixo o quinto e definitivo gol.
O Viveiro volve de baleiro da súa visita ao Estradense (2-0)

Non puido sumar o conxunto mariñán no complicado feudo do Estradense, cuarto clasificado. O conxunto local levou o peso do partido fronte a un Viveiro que estivo agazapado en campo propio. Tras un doble rexeite na área, o ex do Polvorín, Porrúa adiantou aos locais no marcador.
O Viveiro comezou ben o segundo tempo, pero o Estradense asestoulle o mazazo do segundo tanto, obra de Rulo tras un saque desde o curruncho. O Viveiro non lle perdeu a cara ao encontro e German gozou dunha gran ocasión para recurtar diferencias no marcador. Os de Adrián Benavides realizaron unha presióna alta na procura de roubar o balón preto da área rival, pero non foron quen de marcar un tanto que os metera no partido.

Os erros defensivos condean ao Pol no campo do Sofán (4-2)
O encontro comezou da peor maneira para os chairegos. O dianteiro local aproveitou un claro erro defensivo dos locais para facer o primeiro tanto cando só ían vinte segundos de partido. O Pol non se veu abaixo co gol e non tardou en igualar por medio de Cuadrado. O killer lucense anotou un auténtico golazo cun lanzamento pola escadra. O Sofán marchou ao descanso por diante grazas a unha acción individual de Paulo, que se desfixo dos seus defensores e batiu a Marcos.
Tras o intermedio o encontro tivo unha fase dun xogo parello que se desfixo cun gol a balón parado que rematou de cabeza Álex Sánchez. Pouco despois, de novo Cuadrado, desta vez desde o punto de penalti recurtou diferencias. Os de Manolo García buscaron o empate a través do xogo directo, pero a defensa do Sofán amosouse segura. Co tempo cumprido, un centro lateral de Raúl envenenouse e supuxo a sentencia.
O Lemos suma tres puntos vitais nun gran encontro fronte ao Ribeira (1-0)
Moi bo encontro o realizado polo Lemos na Pinguela fronte a un difícil rival como é o Ribeira. Os de Edu Rodríguez foron quen de contrarrestar as virtudes do rival durante boa parte do encontro. No primeiro tempo os monfortinos, a través dunha presión moi alta, xeraron tres ou catro ocasións moi claras de gol.
Tras o descanso, Adri Díaz e Armesto contaron con grandes opcións de gol que non foron quen de aproveitar. Nunha recuperación de Aissa, este conecta con Armesto que asistiu a César e o de Carballedo fixo o único tanto do encontro. No último cuarto de hora, cando as forzas dos locais xa fraqueaban, o Ribeira, cun fútbol directo, buscou o empate sen éxito.
O Ribadeo rescata un punto no desconto diante do Sigüeiro no Pepe Barrera (1-1)
Os mariñáns sumaron un punto agónico fronte ao terceiro clasificado da Preferente. Os de Luchi manteñen dous puntos de marxe sobre os postos de descenso directo tras a vitoria do Val. O Ribadeo realizou un bo partido e controlou ao rival sen que lle xerara perigo. Nunha xogada aillada que partiu dun saque de banda os visitantes lograron adiantarse por medio de Goris. Os ribadenses dispuxeron de varias chegadas á área rival sen xerar excesivo perigo.
No segundo tempo, o Ribadeo xogou en campo contrario e someteu ao Sigüeiro, que se adicou a defender as acometidas locais. As chegadas á área rival eran constantes, pero os de Luchi non eran quen de concretar as mesmas. O colexiado non sinalou penalti nunha acción moi protestada polo locais, pero si o fixo no minuto 94, co encontro xa esmorecendo. Álex Meitín transformouno e rescatou un punto para os do Pepe Barrera.
O Escairón suma un punto que sabe a pouco no campo do Galicia Mugardos (2-2)
Partido entre rivais directos por evitar o descenso. Os de Brais Prados realizaron un gran primeiro tempo e foron quen de adiantarse no marcador grazas a un tanto de Julito, que recolleu un rexeite na área e de tiro cruzado superou ao gardameta. Os do Saviñao chegaban con perigo á portería rival e gozaron de dous man a man que non forn quen de concretar.
No segundo tempo, o Mugardos deu un paso adiante o logrou empatar nun lanzamento de Pastur que sorprendeu a Macía. O Escairón volveu a poñerse por diante nunha acción de fútbol directo que rematou, tras unha boa prolongación, Vilachá. Moi preto do final, tras un saque de banda, Moi recolleu o balón e cun forte disparo cruzado estableceu un empate que non lles serve a ningún dos dous conxuntos.