O fútbol lucense consolídase no cumio
-
Eros López | 10/11/2025
- 0
- 5min de lectura
O fútbol lucense do Trío de Ases O Cantón firmou unha xornada que, pese a que non houbo un gran número de vitorias, hai que considerala como moi positiva. Só foron capaces de gañar un Burela de promoción e un Viveiro que aumentou a tranquilidade, mais o resto dos equipos lograron empates moi importantes. A Sarriana superou con éxito o reto dunha semana convulsa, mentres que o Racing Villalbés foi un muro para o Compostela. Lugo B, Pol e Lemos tamén igualaron con sensacións dispares.
O Burela firmou unha vitoria ante o Puebla por 1-0 que o mete nos postos de promoción de ascenso á Terceira RFEF. O encontro tivo unha parte para cada un, sendo o Burela quen dominou nos primeiros 45 minutos na que acumularon boas chegadas, sobre todo cun remate de Diego Chao que estivo moi preto de transformar. Pola parte do rival, Chiño estivo moi preto de adiantar ao Puebla pero o seu disparo foi fóra
O partido foise equilibrando co paso dos minutos ata que Adri Kun inventou unha xogada individual coa que conectou con Yago, que rematou de cabeza para facer o tanto da vitoria. Aí comezou o asedio rival, onde as oportunidades case fan que todo rematase en empate, pero un Kiko salvador foi capaz de intervir ata en cinco ocasións para manter á Marosa como un fortín no que o Burela suma de tres en tres.
O Viveiro inaugurou a matinal do domingo do fútbol lucense cunha gran vitoria ante o Silva por 0-1 que lle da marxe na loita pola salvación. O encontro foi moi igualado e táctico desde o comezo, o que propiciou que ningún dos dous equipos xerasen oportunidades. Só puideron achegar algo de perigo a través da estratexia. Un córner no minuto 43 fixo que Cora, cun remate no primeiro pau anotase o que, á larga, sería o tanto decisivo do encontro.

Na segunda parte, o Silva quixo tomar máis riscos, pero a boa organización do equipo dirixido por Alberto López e un Ayoub que estivo colosal en todo momento mantiveron o resultado favorable para os mariñáns. Incluso estiveron preto de sentenciar con dúas oportunidades para Lansade e Rolle, pero Minibugy puido deter a ambos.
O Racing Villalbés fixo unha oda á loita e á resiliencia para conseguir empatar por 2-2 ao Compostela. O encontro foi de poder a poder, pero nun erro dos chairegos no minuto 11, Maceira abriu o marcador para o favorito da categoría. Os de Juan Rodríguez comezaron a mostrar toda a súa forza e, no minuto 30, Herrero conectou con Make para que o centrocampista puidese empatar o encontro, o que alimentou a sensación ao descanso de que os de Vilalba eran superiores no campo.
Na segunda parte, o guión mudou e foi o Compostela quen amosou todo o seu talento nos primeiros instantes do encontro. No minuto 63, unha xornada desafortunada entre os irmáns Varela remata cun autogol de José. Pero os chairegos, pese a que os santiagueses tiñan toda a artillería no campo, non cesaron no seu empeño e tiveron premio. No minuto 94, o Racing Villalbés acadou o empate tras un penalti que transformou Pablo Trigo.
A Sarriana finalizou a semana do cambio de adestrador cun empate por 1-1 na casa do Marino de Luanco. Foi Iván Noé quen exerceu de técnico, con Dani Giménez a carón do banco, nun partido no que foron de menos a más e onde levaron o control do encontro. Todo pese a que un erro na saída de balón propiciase un golazo pola escuadra de Dani Saez. Na segunda parte, a Sarriana tivo varias oportunidades para igualar antes de que Santi Gegunde atopase a Villaverde para igualar no minuto 69.
O Lemos voltou á senda dos empates nun encontro sen goles ante o Portonovo (0-0) nun encontro onde os pontevedreses foron superiores aos monfortinos no control de xogo. Os de Edu Rodríguez tiveron dúas boas oportunidades na segunda metade por medio de Fito que non chegaron a converter. Pese a que non deron a súa mellor versión, o Lemos mantense nos postos pola promoción de ascenso unha semana máis.
O Lugo B tamén se move nos postos altos da táboa tras a súa igualada ante o Cambados por 1-1. O encontro iniciou da peor forma posible co gol de Seydou no minuto 3 á saída dun córner. Ao filial albivermello costoulle xerar boas oportunidades pola súa falta de profundidade. Non foi ata o minuto 89 no que os lucenses conseguiron empatar o encontro. Aday atopouse un balón na frontal e mandouna cara a escuadra para sumar un punto.
Por último, o Pol segue na súa xeira sen atopar a vitoria, que xa dura seis encontros onde só sumaron 4 de 18 puntos posibles. Neste caso, dominaron por completo ao Sofán, pero só puideron conformarse co 1-1. Desde a primeira parte, os chairegos tiveron o control e casi materializan con varias grandes oportunidades, pero foi o Sofán quen se adiantou cun gol de Fabián. O Pol volcouse foi Omar quen, nun disparo con varios rebotes, puido igualar o encontro e manter un punto no Manuel Luna.
Foto do Instagram da SD Burela.
