O fútbol feminino da provincia comezará o 2026 con moita enerxía e obxectivos moi ambiciosos. Sobre todo, hai varios casos nos que o ascenso a unha nova categoría pode estar preto. Os contextos son diferentes, desde equipos establecidos ata chegar a recén ascendidos que están a ser as revelacións da súa liga.
O PM Friol na Terceira Federación é un exemplo do primeiro caso, mentres que Milagrosa e Antas son do segundo. Ademais, na Terceira Futgal tamén hai varios lucenses no allo.
O PM Friol quere o campionato
O PM Friol está loitando moito no inicio de tempada na Terceira RFEF. Nun ano de reestruturación, debido ao cambio a que o grupo sexa só de equipos galegos, as xogadoras que dirixe Isa lograron situarse na segunda posición da táboa a só dous puntos das Celtas B. As súa primeira volta fíxolles dar un paso cara adiante e aspirar a ser as campioas do grupo galego.

Todo cun gran rendemento xeral que se traduce a ser dos equipos máis destacados no ámbito ofensivo. As áreas deciden, e o Friol logrou anotar 24 tantos en 12 encontros, o que lle fai ser o terceiro equipo da categoría que máis goles marca. E todo cunha protagonista moi destacada. A dianteira Yoleidis é a máxima goleadora con 9 goles en 12 encontros. Na súa cuarta tempada no club, é máis líder que nunca nun equipo que quere loitar por cousas grandes.
Non obstante o ascenso na Terceira Federación, a cuarta categoría do fútbol feminino estatal, vai estar moi caro. Tan só opta a el o campión de cada grupo. Para subir de xeito directo ten que ter o mellor coeficiente con respecto aos outros campións. Os restantes primeiros xogan unha final de ida e volta por escalar ata a Segunda RFEF.
O Antas podería repetir ascenso
O curso anterior, o Antas conseguía chegar á Primeira Galicia despois dunha tempada para o recordo. Máis de seis meses despois, o conxunto que dirixe Óscar Méndez volve a estar na loita por unha nova promoción.
Parece máis difícil, xa que se sitúan a sete puntos do Rosalía, líder da liga, e na sexta posición con 25 puntos. Con todo, agora mesmo na práctica serían equipo de play off.
O primeiro clasificado ascende directo e o segundo e o terceiro xogan a fase. Agora mesmo, dos equipos que ten por diante só podería participar na promoción o Atlético San Pedro. O Victoria CF B, o Lóstrego B e o Victoria FC B non poderían subir xa que os seus respectivos primeiros equipos están na categoría inmediatamente superior.
Desta maneira, a intención de facer grandes cousas no Antas está presente. Ademais de contar cun bloque moi consolidado e con algunha das xogadoras máis destacadas do fútbol provincial.

Máis preto pode chegar a telo a Milagrosa, xa que ata o momento atópanse dentro da loita polos postos que dan acceso á promoción de ascenso na Segunda Galicia. Coa súa terceira posición actual, estarían dentro do play off, algo que polo seu gran rendemento na primeira volta parece moi posible. Son cinco puntos de marxe co Dumbría, primeiro equipo fóra deses postos. Ademais, todo cun nome clave como é o de Irene Sante, a súa máxima goleadora con 18 goles.
O fútbol feminino quere dar un paso máis
Na Terceira Futgal, competición con máis equipos do fútbol feminino lucense, a loita tamén é grande. Tanto o PM Friol B como o Chantada están con 13 puntos. O filial está en ascenso directo, pero o conxunto chantadés fóra do terceiro posto, que é ocupado polo Bandeira. Preto con 9 puntos atópase o San Roque, que buscara aproveitar pinchazos para meterse na batalla. Na última división do futfem soben os dous primeiros clasificados e os catro mellores terceiros de cada grupo.

