O Burela, unha das vitorias do fútbol lucense esta semana

O fútbol da Mariña logra dúas vitorias chave

A fin de semana para o fútbol lucense da 2ª RFEF, 3ª RFEF e Preferente estivo marcada polo doblete de vitorias na zona da Mariña. O Viveiro gañou pola mínima ao Atlético Arteixo cun gol de penalti de Rolle, mentres que a Marosa viviu un festín de goles no que o Burela conseguiu facerse cos tres puntos ante O Val. Outro que non hai quen o pare é o Racing Villalbés, que venceu por 0-4 ao Montañeros para sumar a súa cuarta vitoria consecutiva. Lemos e Pol sumaron un punto máis nas súas visitas e Polvorín e Sarriana perderon.

Festival goleador na Marosa

O Burela conseguiu unha vitoria de gran valor para conseguir o seu obxectivo da permanencia por 4-3 ante O Val nun encontro que foi un auténtico festival para todos os que acudiron á Marosa. Adri Kun adiantou aos seus no minuto 5, pero Manuel Pol igualou no 10 desde os once metros. Adri Kun, que comezou a tempada nun grandísimo estado de forma, fixo o segundo tanto do encontro nunha xogada individual no minuto 25 e o Burela tivo opcións para poñerse con máis vantaxe.

Despois do tempo de lecer, os visitantes voltaron empatar por medio de Manuel Pol e, no minuto 54, Castellano adiantou ao Val no marcador. O Burela voltou a ter grandes oportunidades e nunha falta lateral, Jairo Campo remata no segundo pau para igualar o encontro. A catro minutos do final do tempo reglamentario, un centro de Xoel Ferro foi perfecto para que Jairo López marcase e puxese o cuarto tanto do encontro e lle dese a vitoria aos seus nunha definición do tolo que pode ser o fútbol.

Tres puntos que se quedan no Marcos Gómez

O Viveiro conseguiu unha vitoria de gran importancia ante un rival directo como o Atlético Arteixo por 1-0 no Marcos Gómez nun encontro no que os de Alberto López mantiveron unha gran orde defensiva que lles permitiu non percibir unha gran sensación de perigo. O control foi importante para que o Viveiro puidese xerar oportunidades a partir da banda dereita, sobre todo cunha de Cora que Hevia tivo que evitar cunha gran intervención.

Na segunda parte, unha man dentro da área dun defensor do conxunto coruñés rematou en penalti. Rolle foi capaz de meter o primeiro gol no minuto 75. Tonini e Julio estiveron preto de sentenciar o encontro con dúas boas oportunidades. Nos minutos finais, o Viveiro mantivo a orde no bloque baixo para que o Arteixo non xerara ningunha ocasión clara de gol que puxese en risco a vitoria dos da Mariña.

Non hai quen pare ao Racing Villalbés

Catro son as vitorias consecutivas que xa ten o conxunto de Juan Rodríguez, pero catro tamén foron os tantos cos que lle gañaron ao Atlético Coruña Montañeros en San Pedro de Visma. O encontro estivo marcado polo rigor defensivo e eficacia, algo que demostraría Javi Varela tras rematar unha falta lateral que colgou Herrero, que dous minutos despois nunha xogada semellante lograría marcar sen que ningún compañeiro rematase o seu saque.

O Montañeros provocou que os chairegos tiveran que facer axustes nos primeiros intres do segundo tempo e a tranquilidade volveu no minuto 70 cando, nun contragolpe, Pablo Trigo forzaría un penalti. O mesmo Trigo puido convertilo en gol e, 3 minutos despois, volvería facer o mesmo nunha pena máxima que conseguiu provocar Javi Rey. Unha felicidade pola vitoria que se multiplicou coa primeira titularidade de Vérez na súa volta ao fútbol despois da súa longa lesión.

Empates que deixan diferente sabor de boca

O sabor de boca non foi positivo para o Lemos, xa que a sensación de superioridade dos de Edu Rodríguez non se viu reflectida nunha vitoria final ante o Moaña. Na primeira parte, un erro na saída de balón fixo que Javi Salvador abrise o marcador. O Lemos dominou co seu fútbol na segunda parte con grandes oportunidades e Fito marcou no minuto 71. A vitoria estivo moi preto con moitas ocasións e dous goles anulados, pero só puido ser un empate.

Pola súa parte, o Pol empatou sen goles na súa visita ante o Betanzos. A primeira parte non tivo ocasións de gran perigo para ningún dos dous equipos, pero na segunda o control do balón foi para os de Labrada, que o intentaron con bos disparos de Álex Pérez, David, Marco e Julio. Preto do final, Javi Liz tivo que exercer de salvador cunha boa parada nun man a man para darlle un punto ao Pol ante un rival dunha gran entidade.

Derrotas ante históricos do fútbol galego

O Lugo B marchou do estadio Vero Boquete de San Lázaro cunha gran sensación de rabia tras perder por 3-2 ante o Compostela nun encontro onde os erros lastraron un gran encontro dos de Dani Galán. Os de Secho marcaron dous goles, Armental e o ex do filial albivermello Maceira, xusto despois de que Ibe e Aday case superasen a Cobo. Parapar fixo o terceiro no 66, pero Samu Vázquez e Ibe, de penalti, recortaron distancias e o acoso e derribo dos últimos minutos estivo a piques de darlle un merecido punto polo seu fútbol ao Lugo B.

Pola súa parte, a Sarriana acusou ás súas imprecisións ao longo do seu encontro ante o Coruxo, que acabou gañando na Ribela por 1-2. O primeiro golpe chegou por parte Xavi Sola no minuto 34, pero só dous minutos despois, Hugo Villaverde inventou unha xenialidade para facer o tanto do empate. Antes do descanso, Gandarillas poñería o segundo tanto dos vigueses. Na segunda parte, Arona tivo as mellores oportunidades para igualar, pero sen éxito.

Foto do Instagram do Burela

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *