#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Ferreira quere reencontrarse coa vitoria diante dun perigoso Monterroso B

O fútbol lucense non para no Nadal e aproveita para poñer ao día o grupo sur da Segunda Futgal. Este sábado 27 de decembro ás 17 horas no Baliño enfrontaranse o Ferreira e o Monterroso B, nun encontro que fora suspendido na segunda xornada ligueira. Arbitrará o colexiado Diego Seco.

O Ferreira chega a este encontro nun momento no que recuperar a confianza antóllase fundamental para os de Manu Rodríguez, logo de caer nos dous últimos encontros nos derradeiros minutos diante de Lemos B e Paradela. Ámbalas dúas derrotas alonxaron ao Ferreira a dez puntos da zona de play off e a trece do ascenso directo. É certo que a traxectoria dos de Pantón ata finais de novembro foi realmente boa acumulando dous meses sen perder, sobre todo como local, onde só caeu na penúltima xornada diante do Lemos B.

Enfronte estará un Monterroso B que se atopa no ecuador da clasificación. O cadro dirixido por Óscar Pampín, recén ascendido desde a Terceira Futgal, está a cumplir con creces o seu obxectivo de consolidarse na categoría e nutrir de xogadores ao primeiro equipo na Primeira Futgal cando este o require. Malia todo, o filial monterrosino suma catro xornadas sen coñecer a vitoria sumando só un punto no último mes.

O último enfrontamento entre Ferreira e Monterroso B no Valiño remóntase ao 26 de xaneiro de 2019 e rematou con triunfo local por un gol a cero, cun tanto en propia porta dos monterrosinos. Julio Corral dirixía aos de Pantón e Brais Vázquez ao filial da SD Monterroso.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Manu Rodríguez (Ferreira)

Derrotas amargas. «Foron foron dúas derrotas amargas, en dous encontros que tiñamos controlados no tramo final. Aí non demostramos esa experiencia para saber controlar os partidos nos últimos intres e amarrar os resultados. Se non logramos iso non podemos aspirar a estar máis arriba. Debemos saber controlar eses factores, pero somos conscientes que estamos medrando e o ascenso agora mesmo non é un obxectivo a curto prazo. Debemos pelexar por manternos o máis arriba posible ata o final«.

O Monterroso B. «Agardo un partido moi igualado no que o rival nos vai poñer as cousas difíciles. Non creo que xogar na casa nos beneficie especialmente, xa que nos estamos adaptando mellor ao céspede sintético, pero o primeiro que debemos facer é desquitarnos das dúas últimas derrotas. Temos que ser mellor que o rival, sobre todo nos minutos finais. É importante que teñamos o control do xogo e non deixar que sexa o Monterroso B quen o faga«.

Renovación nas últimas campañas. «Estamos creando unha base bastante sólida. Temos unha mistura de xogadores veteráns con outros que se mateñen desde a miña chegada fai tres temporadas, e tamén algún fichaxe novo. É importante crear unha base sólida para poder pelexar no futuro polo ascenso á Primeira Futgal. Creo que é algo que o club merece en todos os seus estamentos, desde a directiva ata os xogadores e tamén a súa masa social. Contamos cun gran ambiente de traballo e cuns xogadores de bo nivel que agardo que logren ese obxectivo«.

Óscar Pampín (Monterroso B)

A primeira volta. «Fago unha valoración moi positiva deste primeiro ano na categoría ata o momento. En ningún momento estivemos na zona baixa da clasificación e o equipo está traballando ben. É certo que podiamos ter algún punto máis que se nos escapou nalgún encontro que tiñamos de cara, pero teño que estar contento co rendimento do equipo«.

O encontro no Baliño. «Será duro e agardo que nos adaptamos ben ao céspede natural, que sempre nos costa. Debemos saír a polos tres puntos, sendo conscientes que enfronte temos a un gran rival que está na zona alta e que sabemos que é forte no seu campo que sempre é un candidato ao ascenso«.

Obxectivos. «Non é outro que os rapaces sigan sumando minutos no equipo filial, sexan xuvenís ou cadetes, que estén no noso ritmo de traballo e veñan convocados e conten con minutos. A partir de aí debemos buscar sumar o máximo número de puntos posibles para acadar a permanencia e non renunciamos a quedar o máis arriba posible«.

Foto de portada: Mariluz Fagín.

O Ferreira quere reencontrarse coa vitoria diante dun perigoso Monterroso B

A sétima vitoria consecutiva do Taboada B

O Ferreira quere reencontrarse coa vitoria diante dun perigoso Monterroso B

Jairo Campo deixa o fútbol para unirse