O Atlético Escairón leva semanas acaparando os titulares da sección patrocinada por Salvatierra Abogados. Á súa boa clasificación na fase regular sumouse o ascenso á Preferente diante da SD Chantada e, este pasado domingo, os do Saviñao alzáronse co título de Copa da Preferente e Primeira.
O Escairón medíase, de novo, a unha SD Chantada á que xa lle arrebatara o ascenso quince días atrás. Os de Traste chegaron á Medela —escenario neutral e privilexiado— con moita ambición e ganas de resarcise do ocorrido na final anterior, pero os de Iván González deron mostras unha vez máis da súa solidez e o gran estado de forma no que remataron o ano.
O choque comezou cos chantadinos moi activos e, froito da súa insistencia, chegou a ocasión máis clara. Pablo enviou un lanzamento ao longueiro para desesperación da bancada. O duelo continuou co dominio posicional do cadro vermello, pero os «Atléticos» tamén enviaron un balón ao pau: Moncho rozou o disparo de Damián que despois impactou coa madeira. Co 0-0 inicial e pese as opcións de ambos conxuntos, chegou o tempo de lecer.
A expulsión de nodar decantou a balanza a prol do escairón
Na reanudación, o guión foi o agardado: a SD coa posesión e o Escairón coa intención de facer dano en transicións. Os nervios comezaron a ganar protagonismo e as ocasións se reduciron en ambas áreas, con moita disputa e intensidade, propias dunha final. Porén, unha das accións determinantes tivo lugar no minuto 82′. Unha falta cometida por Nodar traduciuse na súa expulsión, na que o colexiado mostrou o cartón vermello a instancias dun dos seus asistentes.
Cun xogador máis, os do Saviñao volcáronse na procura do gol que evitase a prórroga e, xa no minuto 95‘, Vilachá rematou un centro lateral que se colou no fondo das mallas defendidas por Moncho, 1-0. O gol fixo que os chantadinos se volcasen na procura do empate, pero Julito aproveitou unha transición na última xogada do partido para poñer o definitivo 2-0 e desatar a tolemia entre os seareiros desprazados á Medela.
Co campionato de copa, o Escairón pon punto e final a unha temporada sobresaínte que continuará a vindeira campaña na Preferente, mentres que a SD Chantada completou un ano espectacular, aínda que quedou coa mel nos beizos nas dúas finais que disputou. De seguro que o ano próximo volven ser unha das entidades «modelo» no fútbol provincial, ao igual que voltaremos nos cos nosos «Máxicos».