#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Corgo culmina unha gran temporada co ascenso

Tres anos despois, o Corgo retorna á Segunda Futgal logo dunha espectacular temporada. Os de Abel Rochela venceron ao Relámpago Taboada con claridade e culminaron o seu gran obxectivo: lograr o ascenso e saír campións de grupo. O Rubián deu un paso de xigante para facerse coa outra praza de ascenso directo logo de vencer ao Río Sil e aproveitar o pinchazo do Taboada B na súa visita a Quiroga.

No grupo norte, o Mondoñedo goleou ao Roupar e certificou o título ligueiro, mentres que o Catro Roldas queda ás portas do ascenso directo logo de vencer no derbi ao Rioaveso. Un empate no partido fronte ao Roupar levaría aos de Román directamente á Segunda Futgal. Cazás, Rioaveso e Pol B prometen emoción ata o final para facer con dúas prazas no play off de ascenso.

Chega o Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.

GRUPO NORTE

O Mondoñedo golea sen piedade no campo do Roupar (0-9). Encontro sen historia. O líder impuxo a súa condición e malia que o Roupar aguantou o primeiro tramo de partido sen encaixar recibiu tres goles no tramo final do primeiro tempo. Polo, en dúas ocasións, e Javi foron os autores dos tantos . O bo comezo do segundo tempo dos de David Lorenzo veuse abaixo co cuarto gol dos mindonienses, obra de Rivas, un dos máis destacados dos de Nico. A partir de aí, os visitantes xogaron a pracer e lograron unha goleada que completou Javi cun hat-trick, Oli e Noceda.

O Catro Roldas vence no derbi ao Rioaveso e acariña o ascenso (0-2). Os visitantes lograron tres puntos de ouro para queda ás beiras do ascenso á Segunda Futgal no derbi de Paraños. O Rioaveso afrontou o partido con baixas e saiu ao campo cun bloque medio baixo co que Asier Lozano tentou tratar de minimizar as fortalezas do rival. Os de Coto tiveron a posesión, pero non eran quen de xerar ocasións de gol fronte a un Rioaveso que defendeu moi ben o balón parado. Alberto Rey e Santi tiveron as máis claras no primeiro tempo. No segundo tempo os locais notaron máis o cansanzo e o Catro Roldas atopou máis espazos. Nunha falta preto da frontal chegou o primeiro gol do partido, obra de Santi que efectuou un lanzamento maxistral. Pouco despois, nunha gran xogada colectiva, Dopico serviu e Santi rematou só no segundo pao acadando o segundo tanto.

O Muimenta venceu ao Cazás para seguir optando ao ascenso directo (3-2). Saiu moito mellor ao campo o conxunto local e xa aos dous minutos contou cunha gran ocasión de gol. Pouco despois Julio abriu a lata para os de Fran Veiga. Reaccionou de contado o Cazás logo dun claro penalti que transformou Pali. Non lle sentou ben o tanto ao Muimenta que tivo uns minutos de dúbidas, pero que solventou antes do descanso cun gol de Seijas, tamén de penalti, tras unha man na área visitante. No segundo tempo, o Cazás saiu na procura do empate, pero nunha contra Seijas fixo o terceiro cunha gran volea. Os xermadinos buscaron recurtar direfencias e lográrono por medio de Penedo ao rematar unha falta lateral. O Cazás puido empatar nun remate ao longueiro de Pali.

O Abadín vence no feudo da Comercial e pelexará pola terceira praza (1-3). Non puido comezar mellor o encontro para o Abadín, cun gol de Bufy nada máis sacar do medio do campo. Logrou empatar a Comercial por medio de Soto Spuch, pero Vigo volveu a poñer por diante ao Abadín só dous minutos máis tarde logo dun erro do gardameta local. A Comercial non lle perdeu a cara ao partido e levou o peso do partido en varias fases do mesmo. No segundo tempo Ferre sentenciou para os visitantes.

O Pol B remonta catro goles fronte ao Celeiro e segue con opcións de play off (5-4). Un dos encontros máis tolos do que vai de campionato. O Celeiro fixo o mellor primeiro tempo da temporada e aproveitou varios regalos dun Pol B que non estivo nada atinado. Mora abriu o marcador e Nico con dous goles puxo terra de por medio no marcador. Xusto antes do intermedio Mora parecía que deixaba o partido visto para sentencia. No intemedio Luis Romay fixo tres trocos e o encontro cambiou radicalmente e en quince minutos empatou o encontro. Óscar Lozano fixo o primeiro e Balado, que atopou espazos na banda esquerda logrou os catro restantes nun segundo tempo espect3acular do extremo.

GRUPO SUR

O Corgo golea ao Relámpago Taboada e logra o ascenso (0-5). Tres anos máis tarde retorna o Corgo á Segunda Futgal logo dunha temporada que raiou a perfección dos de Abel Rochela. O Relámpago Taboada foi quen de defender ben as acometidas do rival ata o ecuador do primeiro tempo. O gol de Stalin para os visitantes foi determinante e os de Melendo non foron quen de conter ao líder. Brais e Jordi deixaron case que sentenciado o choque antes do descanso. Os locais apenas contaron con opcións de meterse no partido e Jordi e Kevin completaron a goleada para un Corgo que puido festexar o ascenso e o título.

O Rubián vence ao Río Sil e alcanza a segunda praza (2-0). Encontro que lle saiu redondo aos locais logo da derrota do Taboada B, gran rival por un posto de ascenso directo. Comezou o encontro con moito ritmo e con dominio visitante ata que co paso dos minutos o Rubián fíxose co dominio do choque. Manu e Gandoy contaron con dúas ocasións claras antes de que o primeiro marcara na última acción do primeiro tempo. O segundo tempo resultou máis trabado cun Río Sil apretando na procura do empate, pero dúas expulsións lastraron as opcións dos da Carqueixa. O Rubián volveu a facerse co dominio e Geri culminou a vitoria cun gran gol.

O Quiroga vence ao Taboada B e complica as opcións de ascenso do filial (2-1). Encontro parello e moi intenso o disputado no Municipal. Comezou mellor o cadro visitante que levou o control do xogo no periodo inicial e gozando dalgunha ocasión para adiantarse e mesmo reclamou un penalti que o colexiado non indicou. Co paso dos minutos o Quiroga mellorou e logrou adiantarse preto do intermedino nun centro lateral de Carlos. No segundo tempo, Pita igualou o choque, pero ao igual que no periodo inicial, os locais medraron no partido e nunha boa xogada entre Rubio e Ariel finalizou co gol deste último.

O Incio vence á Piringalla nun choque directo para afianzarse na promoción de ascenso (0-1). O debut de Roi no banquiño do Incio foi con vitoria, e ademáis nun encontro diante dun rival directo por entrar no play off. A Piringalla queda na sexta praza con dous puntos de marxe sobre o sétimo e o Incio con dous puntos máis acariña o seu billete para a promoción. Os visitantes realizaron un bo partido malia a escaseza de efectivos ao contar cun só troco. Kenny marcou o único tanto do partido e os do Carboeiro souberon manter a firmeza defensiva cando a Piringalla buscou o tanto da igualada.

O Carballedo acada o primeiro triunfo da temporada diante do Bóveda (4-2). Os locais tiveron que agardar ao tramo final da temporada para lograr a primeira vitoria. Os de David Guerra entraron moito mellor ao partido, con máis intensidade, e logrando boas ocasións para marcar. Os locais adiantáronse de penalti, da mesma forma que empatou o Bóveda. Na segunda metade o Carballedo levou o peso do partido, e malia que o Bóveda igualou por segunda vez a contenda, os locais impuxéronse fisicamente diante dun mermado Bóveda pola falta de efectivos.

O Corgo culmina unha gran temporada co ascenso

O Antas corta a súa boa xeira

O Corgo culmina unha gran temporada co ascenso

O Corgo culmina unha gran temporada co