IMAXE DE PORTADA: Instagram Celta Barreiros
O día 3 de febreiro quedará marcado de por vida nos calendarios dos siareiros do Celta Barreiros. Con antelación, a falta de cinco xornadas para o final da liga regular e sen que collese a ninguén por sorpresa, o equipo dirixido por Rubén Acebedo celebrou o ascenso á Segunda Galicia tras superar á Comercial ‘B’.
Hai tan só catro meses que falamos con Rubén para coñecer os seus obxectivos de cara a temporada, alcanzados xa no mes de febreiro. Hoxe repetimos charla para coñecer de primeira man o ambiente que se vive estes días no Cascabeiro e as ambicións do club no futuro.
Futbolinlugo: Ano de conto de fadas para o teu equipo.
Rubén Acebedo: A verdade é que ninguén agardaba que fose tan bon. Moi ben.
Fil: Os números son espectaculares. 16 victorias en 17 partidos, con 50 goles anotados e tan só 10 encaixados.
RA: Nin o máis optimista, penso eu, contaba con estos resultados e estes números. Non hai nada máis que pedir.
Fil: Agora é o turno da Copa, sodes ambiciosos pese a enfrontarvos con conxuntos de maior categoría?
RA: Si, vimos de eliminar ao subcampión (Cospeito), así que estamos moi ilusionados. A min é un torneo que me gusta moito porque te xogas todo a un só partido e queremos chegar o máis lonxe posible. Este domingo xa temos un partido moi difícil contra a Piringalla, porque na liga regular só fomos quen de ganarlles por un gol nos dous partidos. En caso de pasar, estamos no lado do cadro do Racing Villalbés ‘B’, do Pastoricense… os equipos punteiros da Segunda.
Fil: Imos poñernos exquisitos. Que máis lle pedirías aos teus xogadores no campo de cara a que resta de ano?
RA: Xa o vimos falando desde fai tempo: non podemos relaxarnos e temos que seguir adestrando. Aínda temos a Copa por diante, e ademais aínda temos que sacar 4 puntos para acadar o Campionato de Liga. Ese é un obxectivo claro, pois fai 21 anos que o Celta Barreiros non gana unha liga, así que xa temos obxectivos para seguir adestrando ben. Fáltannos 4 puntos para ser campións.
Fil: Celébrase menos un ascenso cando se ve chegar desde tan cedo?
RA: Xusto lles falei diso na charla antes do partido contra a Comercial ‘B’. Evidentemente díxenlles que tiñamos que ganar o partido e competir ata o asubío final, pero lles dixen que non deixaran de celebrar se conseguiamos o ascenso, porque un nunca sabe cando vai volver ascender, ou se vai ascender. Nunca se sabe cando vai ser o último e non se pode deixar de celebrar.
«Fai 21 anos que o celta barreiros non gaña unha liga»
Fil: Hai catro meses falabamos dunha afección que non defraudou ao longo do ano.
RA: Si, de feito en Galdo contra o Celeiro había moitísima xente, tamén do Celeiro. Temos moita afección e moita xente que nos acompaña fóra da casa, nese aspecto estamos moi contentos.
Fil: Que equipos seguirán ao Celta no salto de categoría?
RA: Creo que vai subir directo o Casás, porque ten seis puntos de marxe e o golaverage co Goiriz. Na promoción penso que a cousa vai estar entre Goiriz e Catro Roldas: o Goiriz leva sen perder desde fai case unha volta, e o Catro Roldas foi un dos equipos que máis me gustou e, antes do Nadal, estaba sorprendido coa súa clasificación. Pero colleu unha dinámica moi boa e se lles vai quedar a liga curta, tanto a Goiriz como a Catro Roldas.
Fil: Xa estará acordada a renovación.
RA: Todo vai encamiñado, estou moi contento en Barreiros. A directiva ten un trato excepcional conmigo, non hai unha palabra mala que dicir sobre eles, e eles están contentos conmigo polo que transmiten, así que está todo de cara para que así se faga.
Fil: E a renovación dos xogadores? Buceará Rubén no mercado para seguir medrando na 24/25?
RA: Si, sobre todo nos postos de ataque. Este ano xa vimos coas lesións que podemos perder efectivos durante varios meses. A portería está cuberta, o lateral dereito non viría mal cubrilo algo, e o resto da zona de atrás estaría cuberta. Pero arriba si que teriamos que facer dúas ou tres fichaxes.