O CD Lugo deixou, despois de moitas semanas, os postos de descenso a Primeira Galicia. O cadro de Joaquín Blanco sumou tres puntos de ouro na súa visita ao Umia na Terceira RFEF. As albivermellas aproveitaron a súa boa posta en escena dentro dun encontro moi igualado. Presionaron alto, roubaron en campo contrario e atoparon o camiño do gol grazas a Goico. As capitalinas desperdiciaron oportunidades suficientes como para resolver o partido na primeira media hora.
No último tramo da primeira metade, o Umia comezou a atopar solucións para saír airosas da presión luguesa. Perfeccionou o plan nos vestiarios e aínda superou liñas con maior facilidade na segunda parte. Esta circunstancia obrigou ao CD Lugo a dar un paso atrás. A defender o resultado e buscar a sentenza á contra. Non chegaron máis goles, só moito sufrimento ata o asubío final do colexiado.
No outro partido de Terceira RFEF con intereses lucenses, o PM Friol non puido pasar do empate ante o Real Sporting de Gijón B. O cadro da Reigosa mostrouse bastante mellor en liñas xerais, tanto a nivel técnico como físico. De tódolos xeitos, foron as branquivermellas as que golpearon primeiro, cun tanto no ecuador da primeira metade.
A pesares da aceptable imaxe do cadro friolés (sobre todo a nivel de intensidade na segunda metade), os erros defensivos amarelos convertéronse nunha constante durante os noventa minutos. Aínda así, Lynda Muriel foi quen de salvar un punto. Un empate insuficiente, que deixa a cabeza da Liga un pouco máis lonxe.
O PM Friol B cae na casa e segue en descenso na Primeira Galicia
Pola súa parte, o filial do PM Friol perdeu na casa ante o O Val. Salazar puido cambiar o choque se chegase a marcar nunha oportunidade moi clara antes de que se cumprise o primeiro minuto de xogo. Foi un espellismo en medio do dominio do O Val. As naronesas crearon perigo con facilidade e fixeron o único gol do partido sobre a media hora de xogo.
Na reanudación, o PM Friol B topouse co longueiro e o O Val mandou un penalti alto. De todas formas, as visitantes non temeron unha remonta das da Reigosa. A falta de solidez defensiva friolesa lastrou notablemente a un incisivo filial amarelo.
O Antas, única alegría lucense na segunda galicia
O Antas rematou a primeira volta ligueira na Segunda Galicia con outros tres puntos. O mal plantexamento inicial dificultou unha primeira metade con moitas interrupcións e pouco xogo. Aínda así, un saque de esquina olímpico de Nuria situaba o 1-0 ao tempo de lecer.
Na segunda metade, os cambios de Dani Abelairas non atoparon o efecto desexado. O Antas non era capaz de controlar o partido ante un ED Os Miúdos que non lograba ver porta. De tódolos xeitos, María non quixo faltar á súa habitual cita co gol e puxo o 2-0 definitivo na última xogada do encontro.
O San Roque perdeu ante o líder en Montirón. O conxunto de Quiroga neutralizou por dúas veces (con goles de Raquel) as vantaxes logradas polo Pastoriza na primeira metade. Nos mellores minutos verdibrancos chegou un erro en saída de balón, xusto antes do descanso, que propiciou o 2-3 ao remate do primeiro acto. Tralo paso polos vestiarios, o San Roque acusou o esforzo físico realizado e cedeu ante as individualidades visitantes.
O Chantada viviu un domingo cruel en Teo. O Cacheiras aproveitou a súa única ocasión para impoñerse a un combativo equipo vermello nun duelo igualado. A pólvora mollada e as baixas das de Jorge González, pesaron demasiado.
A Milagrosa caeu ante o Abellá nun choque máis nivelado do que reflicte o 3-0 final. As de Felipe Varela recibiron os tres goles na primeira metade. O balón parado resultou decisivo. As capitalinas encaixaron dous tantos a pelota detida.
Catro vitorias e un empate nunha xornada case redonda na Terceira Galicia
Trece puntos de quince posibles foi o marabilloso botín colleitado polos nosos representantes na Terceira Galicia. O San Lázaro dominou por completo a un Vista Alegre que apenas xerou perigo. As de Luchi fixeron un gran exercicio de presión e creación de ocasións. De feito, o resultado debera ser máis avultado. Anita, a máis destacada do partido, marcou dous goles na capital galega.
O Carballedo superou pola mínima ao Rois nun encontro no que lle custou entrar en materia. As de Sementa foron de menos a máis. E cun par de cambios de posicións, todo empezou a carburar. Jenny adiantou ás ‘Guerreiras’ nunha falta lateral. A sorte esquivou ás visitantes e impediu aumentar a súa vantaxe antes do tempo de lecer. Na reanudación, o dominio carballedés resultou total. Jenny completou o seu ‘dobrete’ entre unha morea de oportunidades desperdiciadas polo Carballedo. O Rois fixo o gol da honra nun dos dous lanzamentos que realizou no segundo acto.
O CD Lugo B segue a tres puntos do primeiro posto despois de gañar con facilidade ao Arenteiro B. O cadro ourensán adicouse a minimizar danos ante o monólogo de balón que brindaron as albivermellas. As de Diego Rey e Pablo Bargados abriron a lata nada máis comezar e baixaron o ritmo progresivamente, a medida que a súa renda aumentaba. Ainara Silvosa asinou dous dos catro tantos capitalinos.
A Comercial segue escalando postos na táboa despois de gañar ao Pino cun tempraneiro gol de Noa. O equipo de Vicky mandou desde a posesión. Cansouse de tirar a porta pero a falla de puntería impediu un resultado máis cómodo.
O Monte Forte evitou o pleno lucense nesta data número quince. As de Cristian Penas adiantáronse pronto cun gol de Henar, autora dun hat trick na primeira metade. As monfortinas, que chegaron a manexar rendas considerables, deixáronse ir e pagaron caro a súa falla de solidez defensiva. Así como a ausencia de acerto de cara ao gol. Ao igual que na pasada xornada, o Monte Forte deixou escapar dous puntos no tramo final de partido.
Resultados da xornada
PM Friol 1-1 Real Sporting de Gijón B
Umia 0-1 CD Lugo
PM Friol B 0-1 O Val
Antas 2-0 Os Miúdos
San Roque 2-5 Pastoriza
Abellá 3-0 Milagrosa
Cacheiras 1-0 Chantada
CD Lugo B 4-0 Arenteiro B
Monte Forte 5-5 Taragoña
Comercial 1-0 O Pino
Vista Alegre 0-4 San Lázaro
Rois 1-2 Carballedo