Non teremos final lucense polo ascenso a Segunda Galicia. O CD Lugo B si estará na mesma despois de vencer pola mínima ao Cañiza. Porén, o Carballedo caeu con claridade na súa visita ao Lóstrego C. Os minutos nove e doce foron claves en ambas eliminatorias.

O CD Lugo B complicouse a vida ante o Cañiza despois dun inicio plácido. Ánxela adiantou ás albivermellas aos nove minutos. No 12, fixo o segundo para tranquilidade do filial capitalino. No entanto, o equipo de Joaquín Blanco e Pablo Bargados contaxiouse do ritmo do rival co paso do tempo. Relaxouse máis do que debía e foi a remolque o resto do encontro.
Emma recurtou diferenzas para o Cañiza pasada a media hora de xogo. E ao CD Lugo B tocoulle suar frío e conservar a vantaxe para acceder á gran final polo ascenso ante o Lóstrego C.

Iso si, no cadro lugués quedan coa sensación de que teñen moito que traballar para poder conseguir o obxectivo nos dous últimos partidos do curso. A bigoleadora Ánxela foi a líder da ofensiva lucense e a máis destacada do choque.



O Carballedo viu que a calor non era o maior dos seus problemas en Gondomar. As de Sementa atopáronse cun Lóstrego C doutra categoría. Un rival moi superior e coas ideas máis que claras. O equipo pontevedrés abriu a lata aos nove minutos de xogo. Tres máis tarde xa gañaba por 3-0.
Co partido encarrilado, o Lóstrego C tivo a tranquilidade para manexar o encontro ante un batallador e inferior Carballedo. As lucenses encaixaron dous golpes máis antes do tempo de lecer.

O sexto e definitivo tanto chegou nunha reanudación na que as Guerreiras fixeron gala do que son. Un conxunto con maiúsculas, que non baixou os brazos ata o asubío final a pesares do resultado.
Jesi destacou nun cadro de Sementa que asinou unha tempada de notable alto. O partido de Paula tamén é digno de mención.
Resultados da xornada
CD Lugo B 2-1 Cañiza
Lóstrego C 6-0 Carballedo
os chacotes, escenario da final de copa este domingo
Este domingo, a vila de Palas acollerá a final da Copa Deputación feminina 2024. Desde as 18.00 horas, Antas e PM Friol B loitarán por facerse co título en xogo. As de Dani Abelairas chegan á última rolda copeira despois de superar pola mínima ao San Lázaro. Pola súa parte, as de Geluco Villar lograron o pase á gran final na quenda de penaltis ante o CD Lugo B.