#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

O CD Lugo B, nun gran momento, recibe a un intratable Racing Vilalbés

Partido dos grandes o domingo ás 12:30 horas na Cheda. O CD Lugo B, moi preto dos postos de play off, recibe ao Racing Vilalbés, segundo clasificado e que acumula case tres meses sen coñecer a derrota. Un derbi por todo o alto, que terá como xuiz ao compostelán Gustavo Vidal.

O CD Lugo B é sétimo na clasificación a só un punto do Arousa, equipo que xogaría promoción de ascenso de rematar hoxe o campionato. O filial albivermello é unha das sorpresas agradables da Terceira RFEF, e liderados polo pichichi Aday Alcalde, sumaron dez dos últimos doce puntos en xogo. Os de Dani Galán só caeron nun encontro na Cheda, diante do Silva, pechacancelas da cateogoría.

Pola súa banda, o Racing Vilalbés pasa por ser o conxunto máis en forma da categoría. Os chairegos son segundos na clasificación e non perden desde o pasado 26 de outubro, cando o fixeron na Madalena fronte ao Somozas. Os de Juan Rodríguez veñen de sumar os últimos doce puntos en xogo e non encaixaron un só gol nos seis partidos precedentes. De feito, son o conxunto menos goleado da categoría con oito tantos encaixados nos dezaseis encontros disputados e só un lonxe da Madalena. Xunto co líder, a SD Compostela, son o único conxunto invicto a domicilio.

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos tivo lugar na derradeira xornada da pasada liga. O día 11 de maio de 2025 víronse as caras na Cheda CD Lugo B e Racing Vilalbés e o encontro rematou sen goles.

Falamos con Dani Galán, adestrador do CD Lugo B, e Juan Rodríguez, técnico chantadino do Racing Vilalbés.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Dani Galán (CD Lugo B)

A primeira volta. «Considero anecdótica a posición clasificatoria. Foi un ano con moitos cambios e unha pretemporada atípica con moitos xogadores a proba e non tivemos o equipo feito ata xa entrada a competición. A verdade é que logramos un grupo moi bo, con calidade, traballo e ambición de mellorar. Reitero o anecdótico da clasificación, pero reflexa o traballo realizado. Ter vinteseis puntos é unha gran nova, xa que, temos encarrilado o gran obxectivo da permanencia. Foi moi importante comezar ben, xa que, somos un grupo moi novo, e se non chegaban os resultados podían surxir dúbidas. Estamos nunha situación moi cómoda para poder traballar con tranquilidade«.

O Racing Vilalbés. «Será un partido durísimo contra un rival en racha. Xunto a Compostela e Boiro o mellor equipo do último mes cun pleno de vitorias. É certo que nós chegamos nunha boa dinámica, polo que será un derbi moi bonito, no que ambos chegamos sen urxencias. Do rival pouco temos que descubrir. Son un equipo cuns números defensivos brutais e con xogadores moi veteráns e moitos anos traballando xuntos. Son moi rochosos e dominan á perfección a defensa en distintos bloques. Nós debemos mellorar na circulación de balón e non podemos cometer erros na saída. Somos conscientes que iso é clave para poder sumar«.

A proxección dos rapaces. «Nós estamos no club para traballar con eles e preparalos o mellor posible. Hai varios futbolistas en dinámica de primeiro equipo en canto a adestramentos, porque realmente o merecen. Na pasada xornada foron convocados Hugo García e Mateo. Para nós sería unha gran alegría que o maior número de xogadores tiveran a súa oportunidade no primeiro equipo. Ese é o gran obxectivo deste corpo técnico, que sexan competitivos e sexan de utilidade ás ordes de Yago Iglesias«.

Juan Rodríguez (Racing Vilalbés)

Juan Rodríguez, adestrador do Racing Villalbés

O mellor momento do equipo. «A nivel numérico é así. Encadeamos catro vitorias seguidas e oito partidos sen perder. A nivel de sensacións tameén medramos con respecto ao primeiro tramo de temporada. Conseguimos afianzar a solidez defensiva e ir medrando no plano ofensivo. Asimesmo medramos en canto a efectivos, xa que temos dispoñible a todo o cadro de xogadores, agás Sergio Otero. De nós depende manter a boa liña de traballo e a implicación amosada polos futbolistas desde o primeiro día. Debemos manter iso ata o final independentemente das xeiras que toque afrontar en cada momento«.

As claves do derbi. «É un encontro con certas connotacións especiais. Trátase dun derbi ao cal chegamos os dous equipos nunha situación bonita, polo que entendo que por ambos bandos haberá máis gañas de vencer que medo a perder. En segundo lugar enfrontámonos equipos con estilos de xogo diferentes, co cal creo que mantendo cada un a súa esencia, estará máis preto de gañar o que mellor saiba contrarrestar as virtudes do rival. E por último xogamos nun terreo de xogo ao que eles están máis acostumados no tocante a dimensións e superficie e ao que nos deberemos adaptar desde o comezo, ao igual que o terán que facer eles no encontro de volta. O CD Lugo B son un equipo moi traballado, moi atractivo de ver e do que agardo que nos plantexe un dos partidos máis esixentes da temporada«.

Expectativas de cara a segunda volta. «Como afeccionado non me gusta ler estas respostas cando as dan os adestradores, pero como adestrador creo que é no que nos temos que fixar: debemos ir semana a semana. En sete días, con dous resultados cambia todo nunha liga tan parella como esta. Nin cando estivemos cinco partidos sen gañar miraba cara abaixo nin agora o fago cara arriba. Gústame que os nosos afeccionados se ilusionen e aspiren a quedar o máis arriba posible. Ao final o mellor do fútbol é a ilusión que move en todos os que rodean aos equipos, e máis nestas categorías. Gústame que disfruten de momentos como o triunfo fronte o Arousa ou do empate in extremis diante do Compostela. Pero xogadores e corpo técnico debemos centrarnos en disfrutar do día a día, do traballo semanal e veremos onde estamos cando chegue o sprint final. Ese será o momento de saber a onde podemos chegar«.

A AXENDA

Terceira División Feminina

PM Friol – Tomiño (Domingo ás 17 horas na Reigosa): as locais queren seguir preto da primeira praza. Para iso precisan un triunfo diante dun Tomiño que busca engancharse ao grupo de cabeza.

Terciera Galega Feminina

San Roque – Monteforte (Domingo ás 18 horas no Polvorín): encontro importante para os dous conxuntos. Tres puntos para achegarse ao play off.

Preferente Futgal

Pol – Victoria (Domingo ás 12 horas no Municipal): os de Labrada queren plasmar con puntos a melloría en canto a sensacións. Tres puntos vitais para saír da zona de perigo fronte a un Victoria situado na metada da clasificación.

Primeira Futgal

SD Chantada – Taboada (Domingo ás 16:30 horas no Sangoñedo): derbi con obxectivos moi diferentes. Os locais, líderes queren seguir sumando para manter a distancia cos seus perseguidores. Enfronte un Taboada en praza de descenso ao que lle urxe sumar de tres.

Segunda Futgal

Folgueiro – Goiriz (Sábado ás 16 horas en Boa Vista): os locais, segundos clasificados, queren meterlle presión ao líder. Non o terán doado diante dun Goiriz que só conta cun punto menos e que é o equipo máis goleador do grupo norte.

Ferreira – Becerreá (Domingo ás 16:30 horas no Baliño): terceiro contra primeiro. Os de Pantón queren seguir recurtando diferencias apretando a zona alta da táboa. O Becerreá chega logo de sumar trece dos últimos quince puntos en xogo.

Terceira Futgal

Mondoñedo – Abadín (Domingo ás 16 horas no Viñas da Veiga): o Derbi do Fiouco chega nun momento clave da temporada. Os de Nico son líderes invictos, e veñen de deixar os primeiros puntos tras empatar no Pichón. O Abadín afronta o partido no seu mellor momento e un triunfo meteríao de cheo no loita polo ascenso directo.

Corgo – Taboada B (Domingo ás 17:30 horas no Muinicipal): o liderado do grupo sur en xogo. Os locais queren manter a primeira praza diante dun Taboada B que suma oito triunfos consecutivos.

O CD Lugo B, nun gran momento, recibe a un intratable Racing Vilalbés

A oitava vitoria consecutiva do Taboada B