O Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia tráenos o ascenso do Catro Roldas no grupo norte. O conxunto chairego retorna á Segunda Futgal dez anos despois e fíxoo logo dun encontro cómodo diante do do Roupar e acompaña así ao Mondoñedo, campión do grupo. Agora o interese neste grupo céntrase en que equipos disputarán o play off de ascenso. Dúas prazas están claras. Muimenta será terceiro e Abadín cuarto. O Cazás tamén está clasificado de xeito matemático e manterá o quinto posto sempre que non perda por máis de dous goles diante do Rioaveso no seu enfrontamento directo. Este último precisa unha vitoria para asegurar a sexta praza na pugna pola última posición na promoción co Pol B. Co golaverage gañado polo filial, os de Luis Romay entrarían no play off se vencen ao Muimenta e o Rioaveso cae derrotado.
No grupo sur está todo por decidir, salvo o ascenso e o campionato do Corgo. Os de Abel Rochela venceron ao Rubián e aprazaron a festa destes, que precisan gañar na casa ao Incio para asegurar o ascenso directo. Un por por detrás está o Taboada B que agardo o tropezo do Rubián e un triunfo diante do Relámpago para festexar o ascenso directo. O filial no peor dos casos será terceiro, o Quiroga cuarto e o Incio quinto. Queda por dilucidar quen ocupará a derradeira praza de promoción. Piringalla e Río Sil están igualados a puntos, pero os capitalinos parten co golaverage particular gañado. Os de Jony Lombardía reciben na casa ao Bóveda e un triunfo garántelles un posto no play off. O Río Sil recibe ao Corgo ao que terían que vencer e agardar un tropezo da Piringalla. Serviríalles o empate en caso de derrota do cadro laranxa.
GRUPO NORTE
O Mondoñedo acada o campionato tras derrotar a un gran Pol B (2-3). Os locais comezaron mellor e froito do dominio adiantáronse cun gol de Xabi, que culminou unha gran acción por banda de Balado. Custoulle ao Mondoñedo entrar no partido, sobre todo despois da lesión de Nacho. Pero os de Nico foron quen de empatar nunha xogada na que os de Luis Romay non estiveron atinados en defensa e que rematou co gol de Diego Rivas. O dominio do Pol B continuou e tivo ocasións para marcar. O segundo gol chegou xusto antes do intermedio cun gran lanzamento desde fóra da área de Rui. O segundo tempo comezou dunha maneira semellante e o gardameta Alberto evitou o terceiro tanto dos locais. Os trocos do técnico visitante, tanto de xogadores como tácticos, melloraron ao Mondoñedo que logrou empatar por medio do pichichi Javi. O encontro fíxose máis brusco e o Mondoñedo saiu beneficiado. Novamente Javi acadou o tanto da vitoria no tempo engadido nunha acción na que o Pol B reclamou fóra de xogo.
O Catro Roldas golea ao Roupar e instaura a festa na Canteira (5-0). O club vilalbés de Román veceu con comodidade ao Roupar e logrou o ascenso na penúltima xornada. Logo de varios intentos e unha reestructuración practicamente total do cadro de xogadores nas últimas temporadas, retornan á Segunda Futgal. A pesar do que había en xogo, o encontro da Canteira non tivo intriga e os locais resolveron o choque no primeiro tempo con catro goles a balón parado. David Orosa marcou de penalti ao cuarto de hora e ao pouco Pepe rematou a gol dentro da área. O central de Lourenzá aproveitou, á media hora de xogo, un rexeite na área pequena para asinar o dobrete. Noutra xogada embarullada, David Orosa atinou para meter o pé e facer o cuarto. Noveno tanto do central que é o máximo goleador do equipo. O Roupar, malia estar o encontro decidido non se veu abaixo a pesares de ter só dous cambios. No segundo tempo defendeu mellor e contou coa boa actuación do seu gardameta Mario. Na recta final Josito pechou o marcador á contra. Estouraron os fogos de artificio en Román ao tempo que os compañeiros homenaxearon a Miguel Paz ‘Forlín’ que puxo fin a catorce anos vestindo a camisola amarela. O destino quixo que David Lorenzo, técnico do Roupar, lle tocase vivir desde o outro lado un ascenso que él tamén pelexou desde o banquiño do Catro Roldas en varias temporadas.


O Muimenta pelexará o ascenso desde a terceira praza tras vencer ao Celeiro en Trasvías (0-3). Os visitantes foron superiores ao Celeiro e impuxéronse grazas ao seu acerto no balón parado. Os de Fran Veiga contaron con boas ocasións antes de que Jesús marcara logo de que Javi Morán rematara ao pao. O Celeiro apenas inquedou a portería rival e Lorigados fixo o segundo tanto nada máis comezar o segundo tempo. Seijas fixo o terceiro e sentenciou o choque e puido ampliar diferencias nos últimos intres con dúas boas ocasións.
O Abadín iguala no Municipal cun Rioaveso que non pecha a súa clasificación para o play off (2-2). A primeira metade foi de dominio visitante. Os de Asier Lozano realizaron probablemente os mellores corenta e cinco minutos do que vai de liga. O dominio do Rioaveso tradúxose en goles. Mario e Noé puxeron en clara vantaxe ao ‘Machi’. O Abadín, malia xogar en inferioridade tras a expulsión de Pablo, logrou recurtar diferencias antes do descanso por medio de Rafael e tras o paso por vestiarios mellorou a súa imaxe. Malia todo, o Rioaveso mantivo a vantaxe no marcador ata o último suspiro, cando Rubi empatou a contenda. Os visitantes amosaron o seu malestar cun tempo de desconto demasiado prolongado, resultado moito máis longo do que o colexiado indicou nun principio.
O Cazás golea á Comercial e xogará a promoción por segundo ano consecutivo (4-0). Os locais saíron ao campo coas ideas claras. Sabían que unha vitoria aseguráballes o pase ao play off e nun cuarto de hora deixaron o choque visto para sentencia con catro goles. Dani en propia porta, Bellas cun lanzamento desde o lateral da área, Mateo tras empurrar un bo centro de Rubén e Jose, tras unha gran xogada indiviudal foron os goleadores. O Cazás puido ampliar as diferencias antes do descanso, pero a falta de acerto impediuno. A Comercial fixo trocos no descanso e coa entrada de xogadores máis habituais amosou unha mellor faciana. Os de Manuel Prieto realizaron un bo segundo tempo e contaron con varias ocasións de gol para maquillar o marcador.

GRUPO SUR
O Corgo non afrouxa e impide a festa do Rubián (2-0). Os de Senén López non aproveitaron o empate do Taboada B e xogaranse ámbolos dous o ascenso directo na derradeira xornada. Os locais trocaron dez futbolistas con respecto ao último once e saíron coa idea de ter a posesión do balón. Durante a primeira media hora realizaron un bo fútbol. Xoia abriu o marcador tras unha boa xogada combinativa, xusto antes de que o Rubián dera un paso á fronte e levara o peso do partido no último tramo do primeiro tempo, aínda que sen xerar ocasións de gol. No segundo tempo o Corgo contou con boas ocasións, nas botas de Sebas, Rubi e Xoia. A falta dun cuarto de hora para o final, Raúl sentenciou tras un bo servizo de Rubén.
Taboada B e Piringalla asinan un empate que deixa mellor sabor de boca nos visitantes (2-2). Reparto de puntos que contenta máis a unha Piringalla que depende de si mesmo para xogar o play off de ascenso. O Taboada B terá que agardar un pinchazo do Rubián para ascender de xeito directo. Comezaron mellor os visitantes que xeraron boas ocasións de gol e lograron adiantarse cun gol de falta de Samu. O Taboada B mellorou tras o descanso e asediou a portería rival. Malia todo foi a Piringalla a que fixo o segundo, novamente por medio de Samu de falta. Pita recurtou diferencias tras unha gran xogada de Abdu e preto do final Sergio igualou o encontro.
O Quiroga sumou a terceira vitoria consecutiva diante do Bóveda e será cuarto (0-2). Os locais foron quen de conter ao Quiroga nos primeiros intres de partido. Un tanto en propia porta dun defensor descentrou ao Bóveda e o Quiroga fíxose co dominio. O segundo tempo non tivo demasiada historia e parecía que o marcador non se movería, pero apareceu Zorrín para levantar á grada dos asentos cun golazo desde preto da liña de banda en tres cuartos de campo que se colou pola escadra.
O Incio certifica a súa presenza no play off logo de derrotar ao Relámpago Taboada (2-1). Os locais non tardaron en poñer o marcador en clara vantaxe cos goles de Valenzuela e López na primeira media hora de xogo. Este feito propiciou certa dose de relaxación que aproveitou o cadro visitante para recurtar diferencias grazas a un tanto de Fran. No segundo tempo, o Incio tivo o encontro controlado e mesmo dispuxo dunha pena máxima para ampliar diferencias.
O Río Sil golea no campo do Carballedo, pero non depende de si mesmo para xogar a promoción (0-6). Os erros defensivos dos locais fixeron que o Rio Sil deixara o encontro visto para setencia no primeiro tempo. Adri e Kylian, este en dúas ocasións, golearon antes do descanso. O Carballedo non aproveitou as súas chegadas á portería rival, entre outras cousas, grazas ao acerto do gardameta Saúl. No segundo tempo Kylian completou outro hat-trick e Julio con dous tantos completou unha goleada que puido resultar excesiva para os méritos feitos polo Carballedo.
Comercial: Carlos (extremo), Soto Spuch (medio), Jawad (medio)
Cazás: Rubén (medio).
Taboada B: Nico (medio), Abdu (extremo), Pita (extremo).
Piringalla: Samu
Bóveda: Brais (Central), Rodripa (medio)
Quiroga: Zorrin (dianteiro), Cebolas (lateral)
Carballedo: Hugo (medio), Brais (defensa).
Río Sil: Kylian

