#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O campión de inverno está en Guitiriz

Está sendo un inverno atípico. Aínda que oficialmente levemos dúas semanas con el, é ben sabido pola cultura popular que o inverno comeza moito antes: cando as noites chegan a media tarde e cando o día tarda en espertar. O deste ano está sendo, ata o momento, un período de poucas choivas e marcado por unha seca que semella comeza a ir a menos. Por iso, este ano o «título» de campión de inverno non o leva ningún factor meteorolóxico, pero si se atopa nun lugar que serve como referencia para analizar o tempo que vai, Guitiriz. Alí, está unha das estacións meteorolóxicas encargadas de marcar os datos do tempo e serve como referencia á comarca da Terra Chá. Non sabemos se nos seus datos deste inverno, inclúe o equipo de fútbol da vila que se emerxeu como o gran dominador da Segunda Galicia grupo norte no primeiro tramo da competición.

A falta dunha xornada para rematala primeira volta, o conxunto adestrado por Delfín Romero avantaxa en seis puntos ao seu inmediato perseguidor, o Pol; tamén situado nos postos de ascenso directo á Primeira Galicia. «As sensacións son moi boas, estando aí arriba sempre son. O xogo do equipo está sendo bo e contamos cun gran grupo humano. Baixamos un pouquiño nos derradeiros partidos do ano, cústanos máis marcar, pero seguimos sacando os partidos adiante», comenta orgulloso o adestrador.

Colleron o liderado na cuarta xornada e dende aquela non o soltaron. Son, xunto co Sober da Terceira Galicia, o único equipo imbatido do fútbol lucense no que vai de campaña. Gañaron once encontros e só empataron tres. A chave deste bo inicio está clara para Delfín: «A implicación dos xogadores. O grupo humano, non hai unha discusión nin un problema. Os que fan os equipos son os xogadores«. A temporada pasada o grupo guitiricense xa estivo loitando polo ascenso ata as últimas xornadas e este ano co equipo que había o seu preparador tamén contaba con estar arriba: «Sabíase que había bo equipo, coa incoporación tamén de Javi ´Tanketín´ que xogaba en Terceira. O ano pasado xa dera moi bo rendemento. Non contaba que saíran os resultados que están saíndo, pero si que iamos estar intentando estar cos cinco ou seis primeiros clasificados«.

Javier Ferreiro López ´Tanketín´é un dos máximos goleadores da categoría con 11 goles. Superado por Xende (Chantada B), Montoya (Iberia) e empatado con Kevin (SD Becerreá) e Alberto Buján (Friol)

Agora comeza o ano 2018 e a próxima fin de semana prodúcese o retorno a competición, con 16 xornadas por diante o pensamento de Delfín Romero está claro: «Agora que estamos aí, si que é un obxectivo seguir aí. Sería unha pena perder esa situación«. Non obstante, por detrás os demais clubes tamén tentarán apretar a clasificación ata o final. «O nivel dos outros equipos aumentou moitísimo este ano. Hai que ver o Pol o que fichou, o Cabreiros ten moi bo equipo, tamén o FolgueiroO equipo do Vicedo foi o que máis me chamou a atención, de feito, marca moitísimos goles. De medio campo para arriba ten un equipazo», apunta o técnico do equipo guitiricense.



Para comezalo ano haberá cita co Alfoz no Suso Cruz, onte están contando co apoio dunha afección ilusionada. «Co parón hai equipos que se resetean e van a mellor e outros que afloxan. Para os equipos que van ben non son bos os paróns porque son ós únicos os que que lles pode ir peor. Esperemos que non no noso caso». Que chova o que queira, porque, este ano, o campión de inverno xa é seguro que vai ser a SD Guitiriz.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *