O Burela celebra a súa vitoria en Dumbría

O Burela firma a única vitoria da xornada

Non foi a xornada máis axeitada para o Trío de Ases O Cantón, xa que o Burela foi o único dos equipos da 2ª RFEF, 3ª RFEF e Preferente que acadou sumar unha vitoria. Os outros que quedaron máis preto foron tanto o Lugo B como o Lemos con dous empates nos que os lucenses dominaron, pero non acadaron materializar as súas oportunidades. A parte negativa chegou con Sarriana, Racing Villalbés, Viveiro e Pol, que non conseguiron sumar nos seus encontros.

O Burela vai de tres en tres

Os de Oke están no seu mellor momento dentro da Preferente Norte ao encadenar por primeira vez dúas vitorias consecutivas no que vai de curso tras vencer ao Dumbría por 1-3. Na primeira parte, o encontro foi moi igualado e no que o Burela mostrou o seu rigor e competitividade. Antes do descanso, Adri Kun rubricou un gol espectacular nunha xogada individual que finalizou cun disparo ao segundo pau con dirección á escuadra da portería rival.

O gol deulle ás ao Burela e David Ben aproveitou para roubar un balón aos centrais e definiu o man a man co porteiro para poñer o segundo no marcador. Huguito aproveitou un rexeite do porteiro para picarlla e facer o terceiro dos da Mariña. O encontro viviu un tempo de tranquilidade no que, pese a que o Dumbría marcou por medio de Xabier no minuto 89, o Burela non pasou ningún apuro para agarrar tres puntos máis.

O Lugo B logra un punto moi sufrido

O Lugo B conseguiu sumar un punto tras empatar por 1-1 ante o Barco nun encontro no que, a pesar de ter oportunidades de gol claras, os de Dani Galán non puideron materializar o seu control do encontro. O filial albivermello tivo un monólogo de oportunidades en campo contrario, tendo en conta que necesitaban ter moita calma para poder conseguir dañar ao rival. Noah e Aday insistiron con centros e ambos tiveron a máis clara, a cal detivo o porteiro rival.

O Barco tivo dúas lesións no primeiro tempo que fixeron que se xuntasen máis as liñas, pero nunha transición conseguiron inaugurar o marcador cun tanto de Santín. O encontro voltou ao guión ao empatar rápido o Lugo B grazas a Samu Vázquez. O final do encontro tivo de todo, xa que o Barco tivo un gol anulado e o Lugo tivo tres oportunidades moi claras nas que estiveron a piques de acadar o gol da vitoria.

Unha tónica que se repite no Lemos

O Lemos vive no mesmo día constantemente, xa que é unha tónica o que lle está a acontecer nas últimas xornadas. Os monfortinos volveron a ser superiores ao seu rival, neste caso o Cultural Areas, pero o resultado só puido ser dun empate por 1-1, o que os mantén nos postos máis altos da Preferente Sur. O encontro tivo un gran número de ocasións para os de Edu Rodríguez, pero non conseguiron materializar.

Na segunda parte, foi o Cultural Areas quen se adiantou no minuto 63 por medio de Yago tras rematar un centro lateral. Nove minutos despois, Fito Periale voltou a acudir ao rescate do Lemos para igualar o encontro e facer que un punto se quedase na Pinguela, aínda que polo número de ocasións os locais mereceron conseguir os tres puntos.

As boas xeiras paran e as malas continúan

A xeira do Racing Villalbés cortouse ante o Somozas na Magdalena nun encontro que comezou moi aberto para ambos equipos. Cadra, que tivo que saír por un golpe na cabeza, e Pablo Trigo estiveron a piques de adiantar aos seus co balón parado, pero Fanego nunha acción rápida e Aldán Naval no desconto da primeira parte pegaron dous golpes que resultaron definitivos debido a que as baixas dos de Juan Rodríguez privaron de ter máis opcións ofensivas para acurtar distancias.

Pola súa parte, a Sarriana suma a súa terceira derrota consecutiva tras caer por 3-0 ante un Valladolid Promesas superior. O encontro desnivelouse cun polémico penalti por man de Ju que transformou Carvajal no minuto 36. A Sarriana puido igualar cun gran disparo de Willian que marchou fóra, pero na segunda parte o filial levou a voz cantante e, con dous goles ao contraataque de Tomy e César Porras, sentenciaron o choque.

Dúas derrotas dolorosas

O Pol perdeu no seu encontro ante o Negreira por 0-1 no seu regreso ao Manuel Luna. Os de Labrada foron superiores na primeira media hora con oportunidades para Cuadrado e Álex, pero foi Martín Pereira xusto antes do descanso quen empurrou un balón tras un erro na defensa do conxunto chairego para adiantar aos visitantes. O Pol foi a polo empate cun xogador máis no campo, pero non conseguiron xerar excesivo perigo.

Moi dolorosa foi a derrota do Viveiro, xa que o Céltiga privou aos de Alberto López de sumar un punto tras un gol no minuto 90 de Adrián. Os mariñáns dominarton en todo momento o encontro e incluso se puxo por diante no minuto 48 tras unha boa asistencia de Cora para que Tonini rematase cun gran disparo cruzado. Os trocos fixeron efecto no Céltiga, que empatou mediante un gol de Anxo e puido lograr a vitoria nos últimos minutos.

Foto do Instagram do Burela

O Burela firma a única vitoria da xornada

O Burela firma a única vitoria da

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *