O Brollón conseguiu tras a súa vitoria ante o Quiroga por 4-0 coroarse como campión da Segunda Futgal Sur. Este ascenso é algo que o fútbol lle debía aos de Chura, xa que na pasada tempada nos play off de ascenso o San Lázaro venceu na última fase no derradeiro minuto da eliminatoria. Esa espiña quedou fóra grazas a manter unha continuidade no proxecto, mellorando nas tarefas defensivas e cunha afección que cada vez medra máis.
Un encontro de nervios e tensión
O último encontro da competición doméstica fixo que o Brollón chegase necesitando sumar para lograr o tan ansiado título. Chura, adestrador do conxunto da Pobra, afirma que «había tensión porque tiñamos o pantasma do ano pasado, o que nos deu presión». Unha vez chegou o primeiro tanto dun Ismael Pérez sublime con un triplete, o Brollón soltou lastre para poñer a directa de cara ao título.
Todo para quitarse o mal sabor de boca da pasada tempada, algo que fixeron cunha tempada na que brillaron pola súa consistencia en canto aos resultados e no que tiñan unha cousa clara. «Tiñamos a espiña cravada do playoff do ano pasado e conxurámonos para voltar a intentalo» afirma o técnico do Brollón sobre os obxectivos desta tempada.
Un Brollón cun proxecto definido
O proxecto do Brollón tivo a súa chave en manter a un bloque de xogadores que a tempada pasada xa quedou ás portas da Primeira Futgal. «A chave foi a continuidade do equipo con algún reforzo en portería. Equilibramos o balance defensivo, reducimos os goles en contra e 15 porterías a cero. O esforzo e o compromiso de todos os que conforman o conxunto foi total», apunta Chura.


Pero este crecemento tamén ten o seu punto social. «Debémosllo a afección que estivo apoiando en xaneiro e febreiro. Co fútbol podes facer á xente feliz e moitos están detrás noso apoiándonos. Temos unha sección feminina que intenta axudar en todo o posible tanto animando coma vendendo rifas ou axudando no que faga falta e logo temos a un grupo de cativos que está volvendo a achegar aos seus pais ao fútbol», destaca Chura.
O máis importante é que xa están pensando na próxima tempada. Chura ten claro que «a idea é continuar o proxecto en primeira con xente da casa. Somos un equipo novo e a idea é apuntalar un par de cousas. Pero queremos que todos desfruten da nova categoría».
