primeira

O Ás de Copas deixa sorpresas no torneo da Preferente e da Primeira

O festivo de San Xosé trouxo consigo unha nova eliminatoria de Copa para os conxuntos de Preferente e Primeira Futgal, cuxos vencedores avanzan aos cuartos de final. É o caso do Ribadeo, que fixo valer a súa condición de local e de favorito diante do Brollón (4-0).

Os celestes dominaron desde o comezo e chegaron cunha renda de tres goles ao tempo de lecer —Anxo cun remate desde a esquina, Óscar nunha boa definición e Pedrinho coa testa— logo de tres asistencias de Castrín. Roi Nonide, un dos destacados do encontro, sentenciou na segunda metade.


O Lemos tampouco fallou e venceu ao Santaballés (1-3). Aínda que os chairegos dispuxeron da primeira oportunidade do partido, o Lemos golpeou despois con dous goles derivados dun bo xogo combinativo e vertical. Os da Liga melloraron cos cambios, fixeron o 1-2 e apretaron na procura do empate, pero os monfortinos sentenciaron nun contragolpe co terceiro. Tamén o Monterroso mantivo a súa boa dinámica ligueira na Copa, logo de superar a outro cadro da Primeira Futgal, o Outeiro de Rei (0-1).

Os de Fernandito deron entrada a xogadores menos habituais, mentres que os de Corredoira melloraron a imaxe dos últimos choques. A intensidade foi protagonista no primeiro tempo, pero a dinámica dos de Cerdeiriños terminou por imporse a comezo do segundo tempo e chegou o 0-1 nun roubo preto da área rival. Os locais apretaron moito na recta final, pero o marcador non se moveu máis.

Dobre sorpresa de equipos de Primeira que se cargan aos da Preferente

Houbo unha dobre sorpresa nesta semana, xa que tanto Pol como Burela quedaron fóra na quenda de penaltis ante Guntín e Castro, respectivamente. Os de Labrada remataron co 1-1 no marcador despois dunha primeira parte onde os chairegos dominaron, pero na segunda Pablo aproveitou un centro para inaugurar o marcador no minuto 63. Cinco minutos despois igualaría Cuadrado de penalti, pero todo quedaría por decidir nunha tanda na que Alesito fallou o seu e Álex puxo o 6-5 final.

Na outra sorpresa dos oitavos de final, Castro e Burela non foron quen de atopar o tanto que desnivelase a balanza nos primeiros 90 minutos. Tras un encontro onde os ataques non puideron brillar tanto como querrían ambos conxuntos, chegaban os penaltis e foi aí onde o Castro se fixo forte e, tras o fallo de Yeray, os de Dumi conseguirían avanzar aos cuartos de final.


Os da Primeira teñen ganas de copa

Outro duelo entre elásticas da Primeira foi o Foz-Oural, que rematou con victoria mariñá (2-0). Os sarriáns víronse superados polos focenses nos primeiros 10′ e encaixaron os dous tantos do partido. Desde ese momento, a imaxe visitante mellorou e houbo alternativas para ambos conxuntos, pero non houbo máis goles no Martínez Otero. A SD Chantada, pola súa banda, venceu (3-1) ao Lourenzá nun partido no que tivo que desfacer a igualada dúas veces.

Os de Rubén Acebedo dificultaron o xogo local no primeiro tempo e fixero un gran exercicio defensivo. Os da vila do Asma adiantáronse á saída dos vestiarios, pero o cadete Nico empatou (1-1) logo dunha xogada trenzada por tres xuvenís. Os de Traste, porén, dominaron moito na recta final e conseguiron o segundo gol no 84′. Xa cos mariñáns volcados, os chantadinos sentenciaron co definitivo 3-1.

Outro conxunto de Primeira que se toma moi en serio a competición copeira é o Atlético Escairón. Os de Omar chegaron a Taboada moi intensos e conseguiron adiantarse, pero os de Martín Murado reaccionaron e lograron un merecido empate antes do tempo de lecer. Tras a reanudación, a igualdade foi a tónica dominante, pero os do Saviñao tiraron de calidade individual para facer o 1-2 e, xa co tempo case cumprido, o definitivo 1-3 para pasar de ronda.

O Ás de Copas deixa sorpresas no torneo da Preferente e da Primeira

O Ás de Copas deixa sorpresas no