O Ás de Copas (Pref e 1ª)
-
Eros López | 06/01/2026
- 0
- 4min de lectura
Coa chegada da Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasaremos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomearemos un xogador destacado de cada eliminatoria.
Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, O Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.
Os dous equipos da Preferente que tiveron que pasar pola fase previa cumpliron co seu cometido para poder seguir o seu rumbo na competición. O primeiro foi o Burela no encontro que inaugurou a competición. Ademais, foi o que máis goles tivo, 2-4 ante a Residencia. Os mariñáns comezaron adiantándose no marcador cos tantos de Yago e Xoel Ferro, pero a Residencia, por medio de Rasilla e Artai, este último xa na segunda parte, igualaron o encontro.
A igualada era latente na Cheda e, con ela, o risco da primeira gran sorpresa da competición. Foi ata o minuto 71, onde Diego Chao mandou o balón directo á escadra nunha falta sacada en curto. Ademais, o encontro demostrou que a Marosa segue sacando talento. Javi aproveitou un balón á espalda da defensa para sentenciar o pase á seguinte rolda.

Pola súa parte, o Pol tamén cumpliu e sacou unha vitoria cómoda por 0-3 ante o Chantada Atlético. Os de Labrada dominaron por completo, o que lles permitiu abrir o marcador co tanto de Omar. Os chairegos tiveron moitas oportunidades para marchar do Sangoñedo cunha renta máis grande, pero David foi o único que, por partida dobre, puido superar a Ávila para definir o pase.
Houbo unha pequena sorpresa no «Canti», pois o Taboada eliminou a unha Milagrosa que se estaba a amosar moi solvente na competición regular. Os de Martín Murado puxeron as ocasións no primeiro tempo, pero a Milagrosa a efectividade: os numerosos erros dos locais en área rival tiveron castigo cun gol visitante no que a bancada protestou que o balón non entrara, 0-1.

No segundo tempo, o Taboada voltou á carga e tivo premio á súa insistencia. Gabri anotou dous goles case inmediatos para dar a volta ao electrónico. Desde ese intre, o xogo directo albivermello e as intensas disputas foron protagonistas, pero o marcador non se moveu máis e os branquiazuis aseguraron a súa clasificación.
Nas Valgas, pola súa banda, o duelo entre Iberia e Guntín foi igualado, pero moi atractivo. O 0-0 que imperaba no electrónico cando o colexiado asubiou o final reflectía a boa actuación dos gardamallas e a pouca efectividade de ambos conxuntos, pois houbo ocasións para todos ao longo do tempo regulamentario. Así, o feudo mariñán presenciou a primeira tanda de penaltis desta Copa, na que estivo máis atinados os laranxas (3-4) para pasar aos octavos de final.
Por último, no Estadio Roca, o Oural soubo sufrir o arreón inicial do Racing Villalbés ‘B’ e fixo o 0-1 nun contragolpe culminado por Cayuela no primeiro tempo. Tras a reanudación, o filial chairego dominou o xogo e puido empatar, pero unha nova transición supuxo o 0-2 de Yago. Co segundo tanto sarrián, os vilalbeses baixaron os brazos e o Oural fixo dous goles máis para pechar un choque cun resultado abultado para o visto sobre o céspede (0-4).
A seguinte rolda da Copa xogarase o 19 de marzo (xoves), día festivo este ano en Galicia pola festividade do San Xosé. Entran en competición os equipos que quedaron exentos por sorteo da primeira eliminatoria. En total, dezaseis clubs buscarán o pase aos cuartos de final, ademais de asegurarse 600€ máis (de locais) ou 450€ (de visitantes).
Da primeira rolda queda pendente o Castro – Xove Lago, xa que o equipo da Mariña comezou o 2026 recuperando o seu encontro aprazado de liga co Monterroso (0-1). O xoves 5 de marzo ás 20:00 h xogarase este cruce en Ribeiras de Lea.
Eliminatorias dos oitavos de final
Ribadeo – Brollón
Foz – Oural
Castro/Xove Lago – Burela
Taboada – Atlético Escairón
Santaballés – Lemos
Outeiro de Rei – Monterroso
Guntín – Pol
SD Chantada – Lourenzá
