O Antas corta a súa boa xeira
-
Eva Argiz | 11/03/2026
- 0
- 4min de lectura

Vitoria clara das friolesas ante un Orzán que en ningún momento tivo posibilidades de levarse o partido. As amarelas dominaron de inicio a fin o encontro co control da posesión e deixando sen apenas ocasións perigosas ás visitantes. Dous tantos de Fati déronlles a vitoria, que puido ser maior de non ser polos disparos estrellados no pau e a boa actuación da porteira do Orzán.
Malia ser mellores durante a primeira metade, a falta de efectividade condenou ás celestes ante o Atlético San Pedro a domicilio. A falta de goles nos mellores momentos do club lucense pagárona cara tras o paso polos vestiarios, do que saiu mellor o equipo local.

O Antas tentou recompoñerse co avance dos minutos e, no momento no que volvían a atoparse cómodas sobre o campo, unha acción aparentemente sen perigo algún chegou o gol da vitoria do Atlético San Pedro, fronte ao que as de Óscar Méndez non puideron facer nada malia as solucións tentadas polo equipo técnico e as decisións arbitrais, con numerosos fóra de xogo sinalados e ata un gol anulado para as celestes.
Unha derrota que impide sumar ao Antas (3ª) ante un rival directo – o Atlético San Pedro é 4º – na loita polo ascenso na Primeira Futgal.

Outro equipo que esta fin de semana se xogaba os tres puntos ante un rival da zona alta da táboa era a Milagrosa, que tampouco puido vencer ao Bergantiños B.

Tamén as milagrosistas foron donas dunha das metades do encontro, pero as locais amosaron o seu magnífico estado de forma, que levan unha volta enteira sen coñecer a derrota.
Irene non fallou á súa habitual cita co gol, pero non foi suficiente para levar os tres puntos dun campo complexo (3-2).
Partido sen goles o da visita do San Lázaro ao Brexo Lema. Partido moi igualado tal e como reflicte ao marcador no que, se houbera que escoller un equipo lixeiramente dominante, serían as luceses. A falta de efectividade de cara a porta impediulles sumar algo máis que un punto.

Non tivo piedade o San Roque ante o colista, a Comercial. Malia que durante a primeira metade as de Vicky Burgo miraron de ti a ti ás verdibrancas, na segunda parte a igualdade desfíxose e os goles locais sucedéronse case sen descanso.

Ainhoa, Paula (3), Eva, Beatriz, Laura (2), Leti e Lourdes fixeron os tantos do 10-0 final.
Vitoria do filial friolés para colocarse como líder da Terceira Futgal (cun partido máis que o segundo clasificado, a SD Chantada).

As amarelas levaron a vitoria a domicilio (1-2) nun partido que solventaron cun bo xogo na primeira metade e grazas ao cal chegarían os dous tantos de Ana. Porén, tras o paso polos vestiarios o encontro convertiuse nun auténtico «tostón», con continuas perdas de balón por parte de ambos conxuntos.
