O 2026 comezará cunha Copa sen prórrogas

Copa Deputación 2026 ten calendario. A fase previa da Preferente e da Primeira, da Segunda e da Terceira Futgal e do torneo feminino xogaranse a primeira fin de semana do ano, aínda en período de Nadal. Unha das principais novidades desta edición será a supresión das prórrogas, circunstancia que ratificará a delegación da Real Federación Galega de Fútbol en Lugo no seu comunicado aos clubs. Se ao final dos noventa minutos o resultado é de empate, pasaríase directamente aos penaltis.

Haberá Copa tamén no Entroido (na 2ª e 3ª), o 19 de marzo (xoves festivo, día de San Xosé) e en Semana Santa. O festivo de marzo permite adiantar as eliminatorias. No caso de que ningún club que chegue a fase final da Copa xogue tamén unha fase de ascenso, o torneo da Deputación xogará todas as súas finais en maio.

As eliminatorias despútanse a partido único. O equipo local sempre é o de menor categoría. No caso de pertencer a mesma división, xoga na casa o club que está por arriba no cadro.

Rolda previa Preferente e Primeira: O Burela volve á Cheda

A Copa da Preferente e da Primeira deixa un gran partido na fase previa. Enfrontaranse na Cheda a Residencia e o Burela. Revivirán o duelo do curso pasado na pelexa por ascender á Preferente. O cadro burelao foi o gañador, mentres a Resi quedou ás portas na promoción. A relación entre clubs é boa, proba diso é o acordo que manteñen para que Yago Ramos adestre coa Resi unha vez á semana.

Danse máis casuísticas nesta fase previa. O Xove Lago quedou encadrado co Castro, pero nesa primeira fin de semana do ano está fixada a recuperación do partido aprazado en setembro entre o Xove Lago e o Monterroso. A liga é prioritaria, veremos se entre os clubs poden acordar outra data conveniente para ambos.

Doce equipos escollidos a sorteo teñen que xogar esta rolda previa. A proximidade non formou parte do azar neste caso e os cadros visitantes tócalles facer uns quilómetros.

O Riotorto defende o título na Copa da 2ª e da 3ª no Catro Ventos

A rolda previa da Segunda e da Terceira, tanto na zona norte coma na sur, tamén se xoga a primeira fin de semana do ano. Corenta dos cincuenta e dous equipos participantes comezarán o ano xogando a competición copeira. Nestas categorías, o torneo divídese coma sempre en dous cadros: o norte e o sur.

O vixente campión é o Riotorto, que porá a proba o seu xogo no sempre difícil campo do Catro Ventos antes o Cazás. Estas primeiras eliminatorias non deixan encontros entre equipos próximos, agás o Abadín – Pastoricense ou o Goiriz – Mondoñedo, aínda sen ser derbis como tal. Si deixa un duelo entre dous equipos que saben o que marcar goles no seu encontro de liga: Matela – Alfoz (gañou 6-3 o Alfoz no seu campo hai unhas semanas).

Na zona sur, o San Roque foi o gañador deste lado do cadro o curso anterior, aínda que despois non puido superar ao Riotorto na final. Desta volta, o cadro capitalino está exento de xogar a primeira fase. Nos dezaseisavos de final visitarán ao Chantada B.

Nos outros emparellamentos tampouco se van dar duelos próximos, agás o encontro de filiais entre o Taboada B e o Monterroso B. A destacar tamén o Sober – Palas, que precisamente veñen de enfrontarse na liga o pasado domingo nun encontro posposto no seu día por mor dos lumes. O cadro soberés venceu pola mínima cun gol de Martín e comezará o 2026 con ese mesmo rival.

O Antas exerce de vixente campión na Copa Fem

O Antas superou na Copa 2025 ao Lugo B. Foto: Róber Carreira

O Antas foi o gañador da Copa 2025 ante o CD Lugo B. Esta edición vaina comezar a xogar en cuartos de final ante o Monteforte. Hai un único partido na rolda previa da competición feminina e será un derbi na capital: A Comercial xogará ante o San Lázaro.

O gañador desta eliminatoria xogará os cuartos de final contra o Chantada. As outros dous emparellamentos deixan ao Carballedo ante a Milagrosa e ao San Roque co PM Friol B.

Os outros cruces da Copa

A Copa conmemora a súa cuadraxésima segunda edición. Foi presentada este xoves no Salón de actos da Deputación de Lugo. Tan só asistiron responsables federativos. Carlos Méndez ‘Negrín’, vicepresidente da Real Federación Galega (RFGF) en Lugo, exculpou a presenza de Efrén Castro, responsable de deportes na Deputación, a causa dunha reunión. Aínda así, agradeceu o apoio da entidade provincial coa súa achega duns «110.000 euros» para os clubs participantes neste torneo. A RFGF aporta uns 25.000 € para esta competición.

Realmente son tres copas en si. Unha xógana os equipos masculinos de Preferente e Primeira, outra os cadros masculinos de Segunda e Terceira e unha dos conxuntos femininos da Primeira, Segunda e Terceira División Galega. Participan de entrada 83 equipos.

A Copa deixará sen descanso a varios equipos da Preferente, 1ª, 2ª e da 3ª na primeira fin de semana do ano. Ao igual que ao resto de conxuntos no Entroido, no San Xosé ou na Semana Santa.

Oitavos de final Preferente e Primeira Futgal (19 de marzo, xoves, festivo de San Xosé)

Dezaseisavos de final Preferente e Primeira Futgal (15 de febreiro, Domingo de Entroido)

Zona norte

Zona sur

Foto de portada: Róber Carreira