#Con F de Futbolista #Feminino #Fútbol afeccionado

Nova goleada dunha Milagrosa líder

Empate que sabe a pouco na Reigosa

O PM Friol recibiu na cada ao Victoria CF nesta segunda xornada de Terceira RFEF, a primeira como local para o conxunto amarelo. Malia que as friolesas foron as claras dominadoras do partido, a falta de ocasións a favor e a efectividade (con bastante sorte) do Victoria CF, priváronas dos tres puntos.

O marcador abrírao ben cedo o Victoria CF. Marta aproveitou unha mala acción defensiva dun saque dende o curruncho das friolesas para pór o 0-1 no minuto 5′. Porén, quen mandaba sobre o céspede era o PM Friol e así o amosou no 40′ mediante o gol de María Duarte para empatar o partido antes do descanso.

Once inicial do PM Friol. Foto cedida

Xusto á volta dos vestiarios, Nerea Rodríguez petou sobre a mesa para deixar claro quen merecía gañar o partido, poñendo por diante ao conxunto amarelo (2-1) no 46′.

Mais a falta de capacidade para chegar arriba en máis ocasións e materializalas, condenou ás locais. Xa no tempo de desconto, cando a merecida vitoria semellaba quedar en terras friolesas, chegou o gol do empate do Victoria CF, logo dunha acción a balón parado no que a defensa amarela volve a cometer un erro groseiro.

Un reparto de puntos que sabe moi amargo na Reigosa, pero que se colleita malia o curto cadro de xogadoras do equipo, que por mor das lesións só puido facer dous trocos.

O Castro Seoane estréase na Primeira Futgal con vitoria do Antas

Debut na casa para a SD Antas nesta nova andaina pola Primeira Futgal e despois do empate da primeira xornada, que soubo a pouco para as celestes.

A oportunidade perfecta para redimirse chegou este mesmo domingo, no estreo do equipo dirixido por Óscar Méndez no Castro Seoane.

As celestes colleitaron unha clara vitoria ante o Calo nun partido no que foron dominadoras claras agás nos primeiros minutos da segunda metade, cando os trocos efectuados polo Calo dificultaron en certa medida o xogo do Antas, que axiña se reaxustou para volver a ser donas do partido.

A SD Antas xa se puxera por diante no minuto 23′ grazas ao tanto de Yanire. Tras superar as dúbidas xurdidas á volta dos vestiarios, Nuria aumentou a renda a favor ao 2-0 no 70′ e foi Rebeca quen deixou o encontro visto para sentenza co 3-0 definitivo no 87′.

A esta Milagrosa non hai quen a pare

O inicio de liga das dirixidas por Héctor Expósito está a ser memorable. A goleada por xornada, as lucenses colócanse líderes da Segunda Futgal desta volta tras gañar na casa á Cultural Maniños por un contundente 5-2.

Xa na primeira xogada do partido, Martínez adiantaba ás negrivermellas, pero ese gol foi un arma de dobre fío. As locais ían por diante, si, pero acusaron certa relaxación e caeron na trampa: a Cultural Maniños empatou o partido no minuto 22′ cun tanto de Antía e Cristina poríaas por diante xusto antes do paso polos vestiarios, para chegar ao tempo de lecer cun 1-2 no luminoso.

Xogadoras da Milagrosa antes do encontro ante a Cultural Maniños. Foto cedida

Mais as verbas de Héctor Expósito e o tempo de repouso rescatou a mellor versión da Milagrosa, que volveu ao céspede metida ao 100% no partido. Martínez volveu ao rescate para devolver as táboas ao marcador no 53′ e Carla, só un minuto despois, volvía adiantar ás locais (3-2). Irene encargaríase de pór a renda cómoda dos dous goles para as negrivermellas no 74′ (4-2) e Carla pecharía no 87′ o que xa era unha nova vitoria e goleada (5-2) para manter a boa xeria da Milagrosa e o seu liderado.

O San Lázaro merece pero non suma

A sorte na Segunda está a ser ben diferente para o San Lázaro, que suma outra derrota na segunda xornada de liga e no seu estreo na casa.

Malia que as dirixidas por Rubén Candal fixeron un partido serio ante todo un Tordoia, conseguindo pórse por diante no luminoso grazas ao gol de Kathy no 19′ non foi quen de afianzar as boas sensacións. As visitantes puxeron axiña as táboas co gol de Daniela no 28′.

Once inicial do San Lázaro ante o Tordoia. Foto cedida

Malia que o San Lázaro non baixaba os brazos, as xogadas a balón parado condenábanas e chegaron os goles de Laura no 63′ e Ana no 68′ para pór o 1-3 no marcador. Seguían remando as celestes e o esforzo tivo o seu certo resultado, recurtando distancias Iria no 70′ (2-3), pero non foi suficiente. O Tordoia asestou o golpe definitivo mediante o tanto de Sara no 89′ e deixando sen recompensa todo o esforzo das de Rubén Candal, que de seguro conseguirán mellores resultados nas vindeiras xornadas se o seu xogo e esforzo continúan coa mesma intensidade.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *