Ás mellores e ás peores actuacións da fin de semana teñen o seu espazo en Futbolinlugo. Desta volta con representantes tanto da Segunda como da Terceira Galicia. Recollemos as accións máis destacadas en forma de goles, de tantos nos últimos minutos, malas xeiras e as excesivas expulsións.
A figura: Óscar do Portomarín
Xa é un dos habituais. Óscar López volveu a selo protagonista do seu equipo na vitoria por 1-2 ante o FC Becerreá. O dianteiro abriu o marcador no minuto 61 e catro minutos máis tarde o cadro local empataría o partido. Óscar volveu aparecer no minuto 89 para conseguir a vitoria para que o Portomarín empatara a puntos co segundo clasificado da Terceira Galicia grupo sur. Ademais, segue marcando distancias na táboa de goleadores, en 16 partidos leva 25 tantos.


O ás: Antón do Iberia
Antón Teijeira anotou un dos goles da xornada no campo das Valgas que lle deu finalmente un punto o seu equipo ante o Candelaria. Antón disparou dende tres cuartos de campo nun espectacular lanzamento ante o que o porteiro visitante non puido facer nada. Con este resultado o Iberia queda agora a catro puntos do ascenso directo na clasificación.

Nin pé con bóla: Alfoz
O Alfoz perdeu a pasada xornada na súa visita a Lourenzá por 3-1. Con esta nova derrota a mala xeira xa se vai a seis derrotas consecutivas e sete partidos sen coñecer a vitoria. Agora mesmo é último clasificado con 16 puntos, a catro do Catro Roldas que marca a zona de salvación na Segunda Galicia grupo norte.
Demasiado intenso: SD Becerreá
Catro xogadores do SD Becerreá foron sancionados con cadanseu partido despois de ser expulsados no partido que os enfrontou ao Sporting Lucense e que o conxunto de Becerreá acabou perdendo por 2-3. Todas as expulsións producíronse nos últimos dez minutos de partido; Rubén García por dobre amarela e Juan Longhini, David Reija e Kevin Arias con vermella directa.