A Terceira Futgal comezou neste curso 2025/2026 a trompicóns. Catro xornadas e xa dous paróns fixeron que a competición non tivera a continuidade desexada.
Malia todo, comezando o mes de novembro, podemos facer un pequeno análise deste primeiro tramo de competición que nos deixa unhas táboas clasificatorias moi parellas en ámbolos dous grupos.
Grupo norte
- 1. Catro Roldas: 12 puntos
- 2. Mondoñedo: 12 puntos
- 3. Muimenta: 7 puntos
- 4. Abadín: 6 puntos.
- 5. Rioaveso: 5 puntos
- 6. Pol B: 4 puntos
- 7. Comercial: 4 puntos
- 8. Cazás: 3 puntos
- 9. Roupar: 2 puntos
- 10. Celeiro: 1 punto
Catro Roldas e Mondoñedo lideran a clasificación con pleno de puntos. O cadro chairego experimentou unha significativa diferencia con respecto á pasada campaña, na que tras catro xornadas soamente sumaba tres puntos. Cun cadro de xogadores máis consolidado e con varios reforzos, os de Coto convertíronse nun firme candidato ao ascenso. Xunto a eles, o Mondoñedo tamén camiña con paso firme. Os pupilos de Nico, logo dun descenso por mor dos arrastres, partían como un dos conxuntos favoritos a recuperar a categoría, e polo momento non defraudan. Ademáis son o equipo máis goleador con dezaseis goles, do cales seis anotou o pichichi Javi.
En postos de play off atópanse outros dous dos favoritos: Muimenta e Abadín. Ámbolos dous conxuntos protagonizaron un comezo máis irregular que os equipos de cabeza, pero atópanse en liña ascendente. Tamén en praza de promoción está un Rioaveso que aínda sen atoparse no seu mellor momento, todo parece indicar que será un firme candidato a pelexar polo ascenso. A última das prazas de play off parece a máis aberta. Ocúpaa un debutante Pol B capaz de todo, aínda que polo momento carente de regularidade.

Cos mesmos puntos que os de Luis Romay está unha Comercial á que lle custa sumar lonxe do seu feudo, pero que a diferencia do pasado ano, pode competir con máis garantías e pelexar por unha praza de play off. Pechan a clasificación Cazás con tres puntos, Roupar con dous e Celeiro con tan só un. Os do Catro Ventos venceron na primeira xornada o derbi fronte ao Roupar e non foron quen de voltar a sumar, mentres que os de Ángel Pena acusan en exceso a súa mala entrada aos partidos. Reforzos como o de Fran Lage ou Rubén Maseda daranlle máis táboas a un conxunto verde que, ao igual que a temporada pasada, irá a máis. O Celeiro ocupa o derradeiro posto da clasificación. Os mariñáns, ao igual que o Roupar, vense penalizado nos primeiros minutos de partido, así como polas numerosas baixas.
Grupo sur
- 1. Corgo: 12 puntos
- 2. Rubián: 12 puntos
- 3. Quiroga: 9 puntos
- 4. Piringalla: 7 puntos
- 5. Taboada B: 6 puntos
- 6. Río Sil: 4 puntos.
- 7. Incio: 3 puntos
- 8. Relámpago Taboada: 2 puntos
- 9. Carballedo: 1 punto
- 10. Bóveda: 1 punto
Ao igual que no norte, dous conxuntos lideran a clasificación con pleno de puntos. Os números do Corgo son espectaculares. Quince goles a favor e nin un só en contra avalan un comezo ligueiro inmellorable dos de Abel Rochela. O Rubián tamén suma os doce puntos e foi quen de vencer na última xornada no Municipal a un Quiroga que é terceiro con nove puntos e que conta con Rubio, o pichichi do grupo con cinco dianas.
Un posto máis abaixo atópase outro dos grandes candidatos ao ascenso, a Piringalla. O cadro capitalino, con sete puntos, non foi quen de gañar polo de agora lonxe do seu feudo. Cun punto menos está o Taboada B, que lle deu a volta ás dúas derrotas iniciais con dúas vitorias, a última contundente grazas a un inspirado Pita. O último posto de play off ocúpao o Río Sil con catro puntos. Os soberinos colleitaron dúas abultadas derrotas a domicilio, pero foron quen vencer no Carboeiro ao Incio e sumar un punto na visita da Piringalla á Carqueixa.
Con tres puntos está un Incio que comezou a liga con tres derrotas consecutivas e endereitou o camiño cun triunfo diante do Bóveda. Malia o arranque dubitativo, os de Felipe Varela son outro dos candidatos a pelexar polo ascenso. Cun punto menos está un Relámpago Taboada que con Melendo á fronte deron un paso adiante e amósanse como un conxunto moi competitivo. A clasificación péchaa, cun punto, Carballedo e Bóveda. Os primeiros foron quen de competir de ti a ti diante de Piringalla e Rubián, cedendo pola mínima, mentres que os segundos acusan ata o momento a súa falta de gol.

