Muimenta, Rubián e Quiroga, os da Terceira nos oitavos da Copa

A Copa Deputación 2026 da Segunda e da Terceira Futgal avanza cara os oitavos de final. Muimenta, Rubián e Quiroga son os tres equipos, de dezaseis participantes, que compiten este curso na Terceira Futgal e se manteñen no torneo. O Quiroga xa eliminou ao Portomarín e o San Lázaro nas dúas primeiras roldas.

O vixente campión Riotorto segue na competición, aínda que a súa eliminatoria co Goiriz resolveuse nos penaltis. Quedou eliminado o líder da Segunda Futgal sur, o Becerreá. O que fora gañador do torneo en 2022 foi derrotado polo seu inmediato rival na liga, o Santa Comba.

Na Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasamos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomeamos un xogador destacado de cada eliminatoria.

Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, O Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.

O Casás goleou ao Castroverde

O Casás continuará xogando a Copa como local. Superou con moitísima claridade ao Castroverde (9-0) e recibirá nos campos das Gándaras ao Riotorto.

O resultado non deixa lugar a dúbidas de quen foi dominador do partido. Nada máis comezar, os locais xa se puxeron por diante cun tanto de Noé. Xogaron en campo rival practicamente todos os minutos. Antes da metade da primeira parte, Maira anotou un gran gol cunha volea dende o vértice da área.

Ao descanso, o resultado xa era de 4-0 cos tantos de Juanito e Luis Carballal. Non baixou a efectividade goleadora do Casás no segundo tempo. Asinaron cinco goles máis con outra gran volea de Herrero e unha boa acción individual de Luis Carballal para o seu dobrete.

Tamén completaron o seu par de goles Juanito e Noé, ademais de marcar Javi Reigosa.

Ambos equipos volvéronse citar o Martes de Entroido nun partido aprazado da liga. Desta volta o choque xogouse en Castroverde e a vitoria volveu ser do Casás, aínda que cun resultado moi diferente (1-2). Os tres puntos danlle ao cadro amarelo moitas opcións de permanencia, en detrimento dun Castroverde que queda preto do descenso directo e a mercé dos arrastres.

O Riotorto empatou co Goiriz e pasou nos penaltis

O Riotorto volverá exercer de visitante nos oitavos de final. Logo de superar na casa ao Goiriz nos penaltis 1-1 / 4-2) viaxará a Lugo para continuar vivo na competición da que é o actual campión.

Comezou mellor o cadro local, que se adiantou por medio de Manu Carreira. Os pupilos de Isaac Rouco puideron ampliar a vantaxe, pero no último tramo do primeiro tempo foi mellor o Goiriz. Antes do descanso, Nico Santomé igualou cun remate de cabeza.

No segundo acto, o marcador non se moveu e os penaltis decidiron. O maior acerto local, a pesar de comezar fallando na rolda, déronlle o pase ao Riotorto.

O Muimenta eliminou con claridade ao Roupar

O cadro celeste xogará unha terceira eliminatoria do torneo copeiro na súa casa, despois de superar 6-1 ao Roupar. Eran os dous únicos representantes que quedaban da Terceira Futgal da zona norte na Copa. Agora o Muimenta honrará a categoría ante o Xermade, á par que pelexa polo regreso á Segunda.

Encontro cun claro dominador. O club celeste amosouse moi superior desde o primeiro minuto, cando Seijas abriu o marcador. As ocasións e os goles sucedéronse e o resultado chegou ao descanso 5-0.

No segundo tempo, o partido decaeu e o Roupar buscou o tanto da honra. Un gol para cada equipo en corenta e cinco minutos sen historia.

O Xermade trae a Copa á Terra Chá

Tras superar dúas eliminatorias na Mariña, o Xermade xogará o terceiro cruce da Copa en Muimenta. Superou ao Celeiro e vén de vencer ao Sanci (0-2).

Chungui e Nando déronlle vantaxe ao cadro xermadés no primeiro tempo. Co resultado a favor, controlaron o xogo e os tempos do partido. Puideron marcar algún gol máis na segunda parte, pero non o lograron. Boa parte da culpa tívoa Knemi, o gardamallas local que volveu xogar tras un tempo sen poder facelo.

O Sp. Pontenova eliminou ao Folgueiro

Logo de pasar exentos a primeira eliminatoria, ao Sporting Pontenova entroulle gaña de Copa e foi superior ao Folgueiro (3-1). Recibirá na Mina a un dos conxuntos máis en forma do fútbol lucense, o Guitiriz.

O cadro pontenovés explotou as súas virtudes ante un frouxo Folgueiro, a pesar de que comezou por diante e tivo o balón en varias partes do partido. O viveirense Lalas adiantou ao conxunto visitante antes do minuto 20.

Antes do descanso, Agus empatou para os locais. No segundo acto, Agus completou o seu dobrete para remontar o partido. Non viron perigar o resultado e chegou o terceiro por medio de Óscar ‘Cuzco‘. Na recta final, o Sp. Pontenova mantivo a seriedade e levou a eliminatoria.

O Guitiriz segue co seu bo estado de forma tamén na Copa

O Guitiriz acumula doce encontros sen perder. Gañoulle ao Meira (1-2) e continúa adiante na Copa. Aumenta unha miga o seu desprazamento e xogará na Pontenova os oitavos.

Comezou mellor o Meira, que gozou dunha boa oportunidade nas botas de Brais Pin, que foi expulsado superada a media hora de xogo. Unha baixa, que os locais notaron. Pouco despois, Sergio Campello adiantou ao Guitiriz, que marchou gañando ao descanso.

Á hora de xogo, Roi anotou o segundo para os visitantes, que xeraron máis oportunidades. Nos últimos intres, Farra marcou o tanto local.

O Matela accede aos oitavos na estrea de Ángel no banco

O Matela vai a pola terceira rolda de Copa, tras deixar no camiño ao Alfoz e agora ao Pastoricense (2-0). Mantén o factor campo, aínda que os dezaseisavos xogounos na Fonte de Cospeito, e recibirá á Candelaria.

Primeiro partido de Ángel Pena no banco do Matela e primeiro triunfo. Xunto co ex adestrador do Roupar, chegou tamén o futbolista Yosi.

O equipo de Outeiro de Rei deu unha boa imaxe. O primeiro tempo foi igualado, pero gozou de boas oportunidades na segunda parte, principalmente dende que o Pastoricense quedou cun xogador menos pola expulsión de Goás. Torito e Jorge marcaron os goles.

A Candelaria repite o resultado na liga da Acea

A Candelaria derrotou ao Cabreiros (2-3), o mesmo resultado que hai unhas semanas na liga. Tras pasar exenta a primeira eliminatoria, agora continúa a competición a domicilio e xogará ante o Matela.

A dinámica do encontro tamén foi similar ao da competición regular. O Cabreiros dominou e xerou moitas ocasións, pero quen gañou foi o cadro visitante.

Todo a pesar de que moi cedo, o club da parroquia da Rúa quedou cun xogador menos pola expulsión de Valdo. Aínda así puxéronse por diante cun tanto de Lavi.

Os locais lograron empatar por medio de Joan. Con todo, xusto antes de pasar polos vestiarios, a Candelaria marcou o segundo a través de Mista.

No segundo acto, o Cabreiros volveu saír a polo partido e, de novo, igualou por medio de Chema.

Nun penalti marcado polos visitantes e protestado do lado local, a Candelaria logrou o terceiro, que finalmente sería definitivo.

O Friol accedeu nos penaltis ante o Corgo

O cadro friolés tivo que recurrir á rolda dos once metros para eliminar ao Corgo, logo do 1-1 dos 90 minutos. O Friol leva a Copa á Reigosa e recibirá ao Santa Comba.

O Corgo saíu ao campo amosando o seu bo momento. Quixo ter balón e darlle moito ritmo. A primeira parte foi do mellor da temporada dos de Abel Rochela, xerando ocasións e anulando completamente ao Friol. Krvin conseguiu marcar, pero o colexiado anulou o gol por consideralo fóra de xogo.


No segundo tempo, nunha combinación moi longa de case todo o equipo acabou cun taconazo de Rubio de primeiras, para que Brais marcase desde fóra da área. O Friol meteu moita xente arriba e pasou a apretar. Nun saque de banda, que chegou á área pequena, anotaron o empate por medio de Boado.

Na quenda de penaltis, impúxose o Friol (1-3). O gardamallas Borja foi un dos protagonistas ao parar dous penaltis. Boado meteu o definitivo.

O Santa Comba venceu ao seu gran rival na liga

O Becerreá e o Santa Comba son dous dos equipos que ocupan posicións da parte alta da Segunda sur dende o inicio de temporada. Na primeira volta da liga, o Becerreá gañou pola mínima. Na Copa, o Santa Comba venceu por 0-1 tamén no Municipal. En dous meses, novo encontro, que pode resultar decisivo no Tras do Novo na loita polo ascenso á Primeira.

O Santa Comba continuará o torneo coma visitante ante o Friol. O encontro no Municipal foi moi igualado. Na primeira parte foi mellor o Santa Comba, que logrou adiantarse por medio de Núñez.

No segundo acto, o Becerreá dominou máis e gozou de boas oportunidades que non materializou.

O campión de 2023 segue adiante

Na historia recente do Paradela hai un título de Copa. O campión de 2023 mantense na competición do 2026 e xogará os oitavos no Gandarón. Recibirá ao Ferreira.

O Palas fixo valer a súa condición de local e foi dominador do encontro. O Paradela intentou xerar perigo coas transicións ofensivas ao contragolpe. Tras un tanto anulado, na recta final o Palas púxose por diante cun gol de Javi Ouro.

Con todo, xa nos últimos intres, Noel, en propia porta, empatou para o Paradela. Nos penaltis, impúxose o acerto visitante e o Paradela pasa de rolda.

O Ferreira goleou ao Antas

O conxunto do Baliño superou ao Antas (3-0) e pasa de rolda. Aínda que non xogará os oitavos na casa. Visitará ao Paradela.

Os locais foron prácticos e lograron facer ben o seu fútbol. Adiantáronse á media hora de xogo por medio de Dani Bernardez.

No segundo tempo, Fagín marcou o segundo ao pouco de volver dos vestiarios. Na recta final Chomi anotou o terceiro de penalti, logo da expulsión do gardamallas visitante.

O Rubián tamén se clasificou nos penaltis

O Rubián e o Taboada B tiñan a responsabilidade de representar á Terceira na seguinte eliminatoria. Un dos dous ía xogala. Os penaltis quixeron que fose o Rubián, despois de igualar sen goles (0-0). O conxunto do Poste xogará na casa os oitavos ante o San Roque.

A tónica foi durante os noventa minutos a mesma, o Rubián replegado e xogando as contras e o Taboada B intentando levar o control do partido. O xogo non foi demasiado fluido, pero ambos os conxuntos contaron con varias ocasións para marcar, as máis claras do filial.

Na quenda de penaltis, Casillas resultou determinante detendo dous lanzamentos.

O San Roque superou ao Chantada B

Cinco goles no Sangoñedo. O San Roque derrou ao Chantada B (2-3) e xogará os oitavos de final na casa do Rubián. É o primeiro triunfo da era Basi.

O filial chantadés tivo a posesión de balón na primeira metade. O San Roque ordeouse ben atrás e aproveitou os erros rivais para coller vantaxe no marcador por medio de Cleiton e Noel. Antes do tempo de lecer, Brais recurtou diferenzas de penalti.

No segundo acto, Yelko volveu poñer distancia de por medio cun gran gol. Logo os visitantes quedaron cun xogador menos pola expulsión de Noel. O xuvenil Martín marcou o segundo para os locais e gozou dalgún achegamento para intentar o empate, que non chegou. O San Roque acabou o encontro con nove futbolistas pola expulsión tamén de Jairo.

O Quiroga convírtese no ‘mataxigantes’ da Segunda

Eliminou ao Portomarín na primeira rolda. Agora o San Lázaro por 2-1. O Quiroga fai do San Martiño o feudo da Copa e recibirá alí nos oitavos ao Lemos B. É o único equipo que logrou chegar a este cruce botando fóra a dous coxuntos da Segunda Futgal.

O Quiroga levou a iniciativa, chegando nos primeiros minutos varias veces a área rival pero sen fortuna na finalización. Os visitantes tiveron tamén o seu momento ao redor da media hora de xogo.

No segundo tempo o Quiroga saíu a por todas e gozou de numerosas ocasións sen estar atinados. O encontro tivo un baixón debido ao mal estado do campo nos últimos vinte minutos.

O San Lazaro quedou con 10, pero a pesar da inferioridade, marcou despois dun saque de banda no minuto 83 por medio de Martuán.

O cadro quirogués buscou darlle a volta ao partido e no minuto 89, nunha xogada embarullada e con varios rexeites, Mario, que volvía de lesión, empataba o partido. O San Lázaro quedou con nove futbolistas e cando xa se cantaban os penaltis, Mario puxo o segundo no marcador sobre a bocina.

Lemos B botou man dos penaltis ante o Páramo

Cinco eliminatorias dos dezaseisavos de final da Copa resolvéronse nos penaltis. O Lemos B xogará os oitavos en Quiroga grazas a ter mellor acerto nas penas máximas co Páramo. Nos 90 minutos o resultado foi de 1-1.

O Lemos B marcou moi rápido por medio de Javi Vila. Ao cuarto de hora, igualaron os locais por medio de Zouma. O filial tivo ocasións para volverse poñer por diante, pero o porteiro Marcos realizou boas intervencións.

No segundo tempo, a tónica foi similar. Os locais trataron de xerar perigo ao contragolpe. Mentres que os visitantes, a pesar do estado do terreo de xogo, trataron de facer o seu fútbol. Ningún marcou e o encontro decidiuse nos penaltis.

O festivo do 19 de marzo tamén será de Copas:

A Delegación da Real Federación Galega de Fútbol, da man da Deputación, atoparon esta temporada varios ocos para avanzar as eliminatorias de Copa sen meterse tanto ao final das ligas. O xoves 19 de marzo será festivo autonómico en Galicia e xogaranse os oitavos de final da Segunda e a Terceira Futgal.

Foto de portada: Sara Casanova

Muimenta, Rubián e Quiroga, os da Terceira nos oitavos da Copa

Goleada do Antas para colocarse 2º