O Mondoñedo descende á Terceira Galicia por arrastre. O segundo descenso dun equipo de Primeira para a zona norte da Segunda, implica que o antepenúltimo clasificado baixe de categoría. É o caso dun Mondoñedo que volvera este curso á 2ª. Coa liga regular rematada, o Iberia, o Racing B, o Folgueiro e o Sanci buscarán un ascenso no norte. O Brollón, o Becerreá, o San Lázaro e o Friol xogaranse outro ascenso no sur.
30 xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Ascenso directo grupo norte: Pastoricense
- Ascenso directo grupo sur: Oural
- Equipos clasificados para a fase de ascenso no norte e primeiras eliminatorias (ascende 1): Iberia – Sanci e Racing B – Folgueiro
- Equipos clasificados para a fase de ascenso no sur e primeiras eliminatorias (ascende 1): Brollón – Friol e Becerreá – San Lázaro
- Equipos descendidos directamente: Abadín, Roupar, Sporting Lucense e Carballedo.
- Descenso por arrastre: Mondoñedo
- Equipos que máis gañaron: Pastoricense (23 vitorias)
- Equipo que menos perdeu: Pastoricense (dous partidos)
- Equipo que máis puntuou: Pastoricense (74 pts.)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (78 goles)
- Equipos que menos goles encaixou: Iberia (22 goles)
- Equipo con maior diferencial de goles: Pastoricense (+52)
- O rei do empate: Xermade (13)
- Máximos goleadores: Gabri Blanco – Racing B e Mario Puerta – Oural (23 goles)
O Pastoricense remata a liga con 74 puntos
Vinte e tres vitorias, cinco empates e tan só dúas derrotas. Son as cifras globais coas que remata a temporada o cadro da Pastoriza, logo de lograr o ascenso na penúltima xornada. Despediu a liga cun empate na Fonte (2-2) co Cospeito.
Pola súa parte, o conxunto cospeités solventou con creces o último mes de competición e non pasou apuros. Finaliza o ano con 34 puntos. Fixo dez de dezaoito posibles dende a chegada de Kubala que lle permitiron manter a categoría.
O Cospeito comezou o partido con dez xogadores. O gardamallas Alberto incorporouse uns minutos máis tarde. Ata daquela gardou a portería Manuel Lozano ‘Congui’, o futbolista de Xermar e preparador físico do Castro FSF regresou aos campos para axudar aos seus nos últimos partidos da tempada.


O Iberia 2° con 70 puntazos
Ninguén discute a gran temporada regular do Iberia que remata segundo alcanzando os 70 puntos. Sumou o vixésimo segundo triunfo do curso ante o Roupar (0-1). Agora xogará a fase de ascenso e tamén desputará as semifinais da Copa Deputación. Terán o factor campo en todas as eliminatorias da promoción que xoguen.
O Roupar remata a tempada co descenso directo e tamén con despedidas. Diego Dopico deixa de ser o seu adestrador tras chegar en 2016. Con algún parón polo medio, pero sempre ligado ao cadro verde, Dopico foi o técnico do ascenso á Segunda en 2017.
O Racing B remata 3º a súa primeira tempada en Segunda e o Mondoñedo descende
Na última xornada enfrontáronse dous dos conxuntos que ascenderan a categoría no curso anterior. O Racing B venceu 3-2 a un Mondoñedo que vai descender por arrastres. O filial racinguista permaneceu toda a campaña na parte alta da táboa. O seu xogador Gabri Blanco remata como máximo goleador do grupo con 23 goles.

A derrota do Guitiriz en Frigsa, provocou o seu descenso e, en consecuencia, arrastrar ao Mondoñedo para ter o seu oco na Segunda norte. Cada grupo da Segunda está conformado por dezaseis equipos. Ao haber dous ascensos e dous descensos directos, quedan en doce conxuntos. De Terceira soben tres, polo que se quedarían en 15. Cun descenso da Primeira (Riotorto) xa completarían os 16 clubs que son por regra xeral. Por iso, un segundo descenso (Guitiriz) dende a Primeira provoca obrigatoriamente ese arrastre do Mondoñedo.
O Folgueiro e o Sanci non quixeron escoller
O equipo do Vicedo e o San Ciprián enfrontábanse na última xornada para decidir quen era 4º e 5º xa que chegaban empatados. En función diso, o primeiro rival do play off sería un ou outro. Finalmente empataron 1-1 e o Folgueiro remata na 4ª praza por ter o gol average a favor. Medirase co Racing B, mentres o Sanci farao co Iberia.

O Xermade finaliza 6º
A tres puntos de postos de promoción quedou o conxunto xermadés. Remata a competición con 49 tras vencer ao Muimenta (3-1). Con catro partidos sen perder, ampliou a diferenza cos equipos que tiña por baixo na clasificación.
Pola súa banda, o Muimenta logrou a salvación virtual cunha xornada de marxe. 29 puntos lle fixeron falta ao cadro celeste para manter a categoría. 19 conseguidos na segunda volta.

O Sporting Pontenova imponse ás adversidades
O conxunto pontenovés tivo un baixón importante no segundo tramo de competición. Aínda así non pasou apuros para salvar a categoría e moveuse sempre pola zona media alta da táboa. Tras contar con moi poucos efectivos na pretemporada, os rapaces da canteira contribuíron a continuidade do club. Perderon na Rúa (2-1) coa Candelaria, pero mantiveron o 7º posto.
A Candelaria evitou sen problemas caer para o posto de arrastre. Co triunfo finalizou a liga con 31 puntos na 12ª posición. A tempada non rematou para o equipo da Granda. Xogará as semifinais da Copa Deputación ante o Iberia. Con todo terá que agardar a que o club de San Miguel remate o play off de ascenso.
A Comercial, 4 de 5 para rematar
O conxunto capitalino rematou a liga a un gran ritmo de puntuación. Sumou 12 puntos dos últimos 15 posibles. Derrotou ao Cabreiros (5-4) e adiantouno na clasificación para ser 8ª.
O Alfoz meteu puntos na hucha para non pasar apuros
O equipo alfocense rematou a liga cun empate sen goles ante o descendido Abadín. Ocupa a 11ª posición con 33 puntos. Non sufriu pola permanencia a pesar de non lograr a vitoria nos últimos sete partidos.
Pola súa banda, o Abadín volve á 3ª xusto despois de ascender o curso anterior. Quedou a seis puntos da salvación.

Horarios promoción de ascenso (ida – primeira eliminatoria):
- Folgueiro – Racing Villalbés B (sáb. ás 17:30 h no Anexo Municipal de Xove)
- San Ciprián – Iberia (dom. ás 17:00 h na Veiga)
- San Lázaro – Becerreá (dom. ás 18:00 h nas Gándaras)
- Friol – Brollón (dom. ás 18:15 h na Reigosa)
O Oural finaliza a competición co 64 puntos
O conxunto da parroquia de Sarria acabou o curso encaixando unha derrota, 5-1 co Ferreira. Vinte triunfos, catro empates e seis partidos perdidos son os números dun campión que ascendeu cunha xornada de marxe. O dianteiro Mario con 23 goles foi o máximo anotador do grupo.
Pola súa parte, o equipo de Pantón quedou coa mel nos beizos de poder xogar a promoción, 7º con 46 puntos.
O Brollón 2º con 59 puntos
O equipo dos Medos afrontou a última xornada de liga xa pensando no play off. Con poucos efectivos encaixou a sétima derrota do curso. Perdeu 3-0 fronte ao Quiroga. Quedou finalmente a cinco do líder e terá o factor campo en todas as eliminatorias do play off que xogue.
A boa segunda volta do Quiroga permitiulle non pasar apuros no tramo final de liga. Remata o campionato na 12ª posición, pero con doce puntos de marxe con respecto ao descenso directo. No último partido da temporada despedíronse Polín e Choco que se retiran do balompé.
O Becerreá, 3º
Os resultados non acompañaron na recta final de liga ao Becerreá. Presentarase na fase con cinco xornadas sen gañar. Perdeu na última 2-3 ante o Sporting Lucense. Con todo, os do Municipal mantiveron o 3º posto con 55 puntos e xogarán co factor campo na primeira das eliminatorias polo ascenso.
O Sporting Lucense remata a liga como o mellor equipo xunto co Palas. Nas últimas cinco xornadas sumaron tres vitorias e dous empates. O cadro capitalino sumou nos últimos cinco partidos a metade dos puntos da liga. Descende con 22, pero logrou saír da última posición que ocupou durante boa parte do ano.
O San Lázaro, 4º
O conxunto preparado por Nico será o representante da cidade de Lugo na promoción de ascenso á Primeira. Remata na 4ª posición con 52 puntos. Perdeu na última cita (1-2) ante un Lemos B que se xogaba a permanencia.
O filial lemista tivo que botar man de tres vitorias consecutivas para finalmente permanecer na categoría. Ao non haber un segundo descenso de Primeira para a zona sur, permitiulles a Lemos B e a Chantada B salvarse con comodidade, aínda que tiveran que esperar a ultimísima xornada.
O Friol, 5º
O cadro friolés confirmou na última xornada a súa clasificación máis que virtual para o play off. Aínda que perdeu 3-2 co Chantada B. Nos 49 puntos estivo a fenda para entrar na promoción, tres puntos menos ca no grupo norte.
O filial chantadés salvou a categoría a pesar de finalizar na antepenúltima posición. O segundo descenso para un mesmo grupo prodúcese no norte, por iso o grupo sur queda sen arrastres. O descenso do Portomarín non provoca descensos en cascada. O Chantada B fixo 22 de 31 puntos na segunda volta.
O Palas, temporadón logo de ascender
O cadro da Ulloa non se clasificou para o play off pola diferenza de goles. Quedou empatado a puntos co Friol, 49. Na última xornada venceu ao Incio por 3-1. Rematou como o equipo que menos goles encaixou do grupo, 26.
Pola súa parte, o Incio terminou a liga na 10ª posición con 37 puntos. Os puntos sumados logo da chegada do adestrador Ruboi foron decisivos para non ter que pasar apuros no tramo final.
O Antas, 8º
O Antas foi un dos equipos que maior baixón sufriu na segunda volta. Tras pasar gran parte do primeiro tramo da liga en posicións de promoción, quedou sen opcións de entrar. Finaliza a competición con 46 puntos tras empatar co Paradela (1-1).
O club do Gandarón pecha un ciclo coa saída do corpo técnico encabezado por Rubén Bergantiños. Remataron o campionato na 11ª posición tendo unha segunda volta máis tranquila logo dun difícil comezo de liga.
O San Roque, 9º
O conxunto do Polvorín finalizou a liga na metade da táboa con 42 puntos. Superou na última xornada ao Carballedo (3-4). O conxunto do Catro Ventos volve á 3ª, dúas tempadas despois do seu ascenso.
