Os campos lucenses celebraron 26 goles este fin de semana. O Escairón aproveitou o empate de Monterroso e Ribadeo, mentres que a zona baixa segue igual de apretada…
Victoria para a ‘SD’ no derbi entre viño e viño (0-3). Citábanse no Sangoñedo os dous cadros da vila do Asma, e o Chantada Atlético asinou 30 minutos moi bos, sen apenas conceder e ameazando con perigo á zaga rival. Porén, o 0-1 de Kadete nun balón parado mermou aos «atléticos», que encaixaron o 0-2 xusto un minuto despois, aínda antes do descanso. Na segunda metade, os de Traste xestionaron a renda e anotaron un gol máis, demostrando de novo a súa solvencia táctica e poderío físico para manterse intratables no alto da táboa.
A Residencia convence en San Miguel (0-4). Os goles de Artai e de Xabi na primeira media hora de xogo permitiron aos da Cheda xogar tranquilos ante un Iberia que reaccionou, pero que non foi quen de xerar perigo no primeiro tempo. O terceiro, obra de Chiqui xusto á saída dos vestiarios, fixo moito dano ao cadro mariñán, que deu a cara pero apenas tivo opcións de sacar nada positivo das Valgas nun duelo entre dous cadros que aspiran a obxectivos diferentes.
O Racing Villalbés ‘B’ asina unha segunda parte memorable na Fonte (5-1). O Taboada chegou a Cospeito con moita fame e, de feito, adiantouse antes do cuarto de hora de xogo. Desde ese intre e ata o tempo de lecer, a defensa dos de Martín Murado foi excelsa. Porén, unha pena máxima xusto ao inicio da segunda metade supuxo o 1-1 e, cinco minutos despois, Denís fixo o 2-1 cun disparo desde moi lonxe. Os chairegos souberon administrar a vantaxe e anotaron tres goles máis para asegurar os puntos en xogo, 5-1.

O Ribadeo sae máis ledo de Cerdeiriños (0-0). Foi un choque pechado entre dous dos grandes candidatos ao terceiro posto. O Monterroso levou a iniciativa no primeiro tempo e acosou aos mariñáns, que sufriron as expulsións de Meitín no 70′ e de Mario no 90′ e que sacaron un balón baixo paus e mantiveron a portería a cero pola boa actuación do seu gardamallas. Aínda así, o cadro celeste puido anotar na recta final cun disparo ao pau. Finalmente, o partido rematou sen goles e aínda está todo por decidirse para a disputa da promoción.
Os goles repartíronse en oito partidos, pois houbo dous empates a «cero» na xornada
O Guntín despégase logo de vencer ao Xove (3-0). A primeira media hora chegoulle ao Guntín para sentenciar o partido: tres goles en 25′ reflectiron a maior intensidade do cadro laranxa, que superou en todas as disputas e segundos balóns aos mariñáns. Co 3-0 os locais xestionaron a vantaxe e, aínda que o Xove mellorou en actitude, non estivo preto de achegarse ao seu rival.
Oural e Lourenzá seguen na loita pola permanencia logo de repartir os puntos e os goles (2-2). Hermida rematou unha falta botada por Paulo, pero o Oural repúxose e igualou no 11′ logo dun roubo no borde da área. O 1-1 sentou ben ao cadro sarrián, que dominou o xogo ata o descanso. Foi despois da reanudación cando chegou o 2-1, pero o cambio de sistema de Rubén Acebedo empurrou ao mariñáns cara o empate. Hermida fixo o segundo dos seus goles, de novo, ao rematar outra falta que sacara Paulo para repartir os puntos no Luis Pallín.
Brillan as defensas no Brollón-Loñoá (0-0). Non houbo goles nun duelo entre dous conxuntos de media táboa. Ambos equipos topáronse con defensas férreas e non foron quen de superalas, agás en contadas ocasións. Deste xeito, e aínda que o xogo foi vibrante e moi reñido, con moitas disputas e intensidade, os puntos repartíronse nos Medos para deixar satisfeitos a ambos conxuntos.
O Escairón benefíciase dos resultados e, ademais, vence ao Castro (1-0). Era un duelo entre dous equipos con moito oficio, moi intensos e coas ideas moi claras. Na primeira metade, as máis claras foron dos chairegos. Porén, o Escairón saiu mellor logo do paso por vestiarios e anotou o 1-0 por medio dun dos homes máis en forma da categoría, Noureddine. O Castro procurou o empate con insistencia desde o gol local, pero os de Omar xestionaron a vantaxe e achéganse aos postos de promoción.
O Santaballés remonta cun menos ante un fráxil Outeiro (2-1). Lonxe de asentar ao equipo, o gol inicial do Outeiro —nunha boa xogada finalizada por Navia— e a posterior expulsión do local Jandro pasaron factura aos de Corredoira. O Santaballés soubo ler o guión do xogo e, ante a relaxación visitante, empatou o choque antes do descanso. As malas decisións do Outeiro condenaron ao conxunto na segunda metade, que viu como os locais anotaban o segundo dos seus goles para deixar os puntos na Liga nun gran exercicio de resistencia.
Milagrosa e Foz empatan nun duelo (1-1). Unha xogada embarullada supuxo o 0-1 a prol dos mariñáns ao pouco de comezar o encontro. Desde ese intre, os locais asediaron a área rival con xogo directo e con moito perigo a balón parado. Porén, a efectividade non estivo do lado dos do Gorgoso e o empate non chegou ata o segundo tempo, cando Pachecho rematou un dos múltiples saques de esquina botados pola «Mila». O Foz resistiu os ataques rivais e ameazou en transicións, pero os goles quedaron repartidos no Gorgoso.


