De acabar agora a liga:
Ascenso directo: Guitiriz e Becerreá
Promoción de ascenso: Riotorto e Santa Comba
Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo de dous): Casás, Sporting Pontenova e Castroverde
Descenso directo: San Ciprián, Matela, Sober e San Lázaro
A Segunda Futgal entra no último tramo de competición. Despois de xogarse 2/3 da competición quedan dez partidos. A maiores hai algúns equipos con partidos pendentes de xogar, que se aprazaran en xaneiro. A Copa do 19 de marzo condiciona algunhas datas e terán que desputarse na Semana Santa.
Sanci – Celta Barreiros (19/03)
Meira – Folgueiro (19/03)
Goiriz – Sp. Pontenova (02/04)

Chantada B – San Roque (02/04)
Portomarín – Santa Comba (02/04)
Becerreá – Lemos B (02/04)
Monterroso B – Ferreira (01/05)
O Guitiriz é o novo líder ao gañar O Partido da Xornada
O cadro guitiricense alcanza o primeiro posto por vez primeira no curso. O Riotorto levaba liderando a clasificación dende a décima xornada. Naquel momento, o Guitiriz era décimo, a nove puntos da cabeza. Con todo, a táboa continúa moi igualada. Ambos os dous conxuntos están empatados con 42 puntos. O gol average é do Guitiriz.
O Folgueiro está tres puntos por baixo, pero será o próximo rival do Riotorto e na seguinte semana recibirá ao Guitiriz.
Primeira parte moi completa dos locais. Xogaron con moita intensidade e a un ritmo alto. En media hora marcaron tres goles: Mario Santamariña, Óscar López e Sergio Campello.
O Riotorto estivo escaso de ideas en ataque. O Guitiriz manexou ben o resultado e apenas sufriu no segundo tempo. Incluso puido marcar algún gol máis, a pesar de que o céspede municipal do Suso Cruz non estaba nas mellores condicións, con algunhas zonas moi enlamadas.
O Folgueiro e o Alfoz perderon a oportunidade de achegarse máis
Tendo en conta que había duelo directo entre os dous primeiros clasificados, o Folgueiro e o Alfoz, ao igualar (3-3), perderon a oportunidade de estar dous puntos máis preto das dúas primeiras posicións.
O club do Vicedo queda a tres puntos do liderado e xogará con Riotorto e Guitiriz de maneira consecutiva. Mentres tanto, o Alfoz está a oito de distancia. Sumou dous puntos nos últimos tres duelos directos ante Riotorto, Guitiriz e Folgueiro.
Comezaron moito mellor os locais. Dominaron e puxéronse por diante cun gol de Iago García. Con todo, o conxunto alfocense logrou empatar antes do descanso por medio do focense Víctor Pérez.
No segundo tempo houbo máis igualdade, pero o Folgueiro soubo como xerar perigo e conseguiu unha vantaxe de dous goles. Os saques de banda en longo de Ángel foron un método de fabricación de ocasións. O propio Ángel e Zeus marcaros os tantos que avantaxaron aos locais.
Con todo, na recta final, xa no tempo extra, os pupilos preparados por Javi Chinchón lograron igualar. Primeiro, Víctor Pérez asinou o seu dobrete e, nos últimos intres, Miguel Otero empatou.
No Alfoz reestreouse Ramiro Estrella, gardamallas de orixe arxentino que xa militara no club en tempadas anteriores. Realizou un bo partido, a pesar de encaixar tres goles.
O Goiriz regresou aos triunfos cinco xornadas despois
O equipo vilalbés superou ao Matela (0-2). Non gañaba dende 2025 na liga. É 6º con 32 puntos, a dez dos postos cabeceiros e igualado coa Candelaria. Pola súa parte, o club de Outeiro de Rei continúa na última posición. A estrea de Ángel na liga non tivo o mesmo efecto que na Copa. Saír do descenso directo segue a tres puntos, pero os arrastres apuntan a complicar a permanencia.
Foi unha primeira metade moi competida. No segundo acto houbo máis espazos por parte dos dous equipos. Os locais, aínda que xogaron na Fonte de Cospeito, puideron poñerse por diante, pero non estiveron acertados.
O Goiriz, mermado polas baixas, chegou mellor á recta final onde levou o partido. Héctor Moure e Nico Santomé maracaron os goles da vitoria.
A Candelaria volveu levar o derbi
O curso anterior, cada equipo do concello de Cervo gañou cadanseu derbi. Ambos os dous clubs finalizaron nunha puntuación parella, con seis puntos máis para o Sanci na zona media. Esta tempada, a Candelaria é o gran dominador. Gañou o segundo derbi (4-3) e sitúase na 7ª posición con 32 puntos, vinte e dous máis que os seus veciños.
O Sanci continúa na penúltima praza, a dous puntos de saír do descenso directo. Coma no caso do Matela, os arrastres sinalan unha salvación complicada.
O encontro púxoselle de cara o cadro da parroquia da Rúa. Aarón Rega asinou un dobrete antes da media hora de xogo.
Con todo, o Sanci xerou ocasións, entre o desacerto e as sensacións da mala dinámica, impedíronlle sumar algo positivo. De feito, no segundo tempo, foi capaz de empatar. Dani GP e Ailton marcaron.
Os locais meteron unha marcha máis e volveron poñerse por diante. Do Canto e Tinga foron os autores. Pouco despois, Edgar conseguiu o terceiro visitante e o marcador non se moveu máis.
Celta Barreiros, catro triunfos seguidos para encamiñar a salvación
Triunfo máis importante do que parece para o Celta Barreiros ante o Castroverde (4-0). A novena vitoria do curso, as últimas catro practicamente no último mes, colócano na 8ª posición con 31 puntos. A posibilidade de tres arrastres marcan a salvación no 11º clasificado con 20 puntos, de aí a relevancia da vitoria para o equipo de San Cosme.
Con todo, o gran perxudicado é o Castroverde. Esta derrota, unida á do partido aprazado co Casás, deixa ao cadro verde e branco en desvantaxe na antepenúltima posición. Mantense fóra dos postos de descenso con dous puntos de marxe, pero o Sporting Pontenova e o Casás están a oito puntos.
Aínda que nos primeiros minutos Gelo e Cancela puideron poñer por diante o Castroverde, os locais foron xustos vencedores. Co control do Celta Barreiros chegou o primeiro tanto da autoría de Antón Suárez.
Custoulle xerar perigo aos locais no segundo tempo, pero os cambios dende o banco e as novas prestacións dos futbolistas que xa estaban xogando déronlle velocidade cun fútbol máis directo. Pasado o ecuador do segundo tempo, os locais ampliaron diferenzas. Javi Andina marcou cun gran golpeo axustado o pau. Posteriormente, un rexeite de Iago foi aproveitado por Brais Nonide para o terceiro. Máis tarde, Pita logrou o cuarto.
O Meira impídelle ao Cabreiros achegarse a promoción
De gañar, o Cabreiros tiña a posibilidade de colocarse a cinco puntos dos dous primeiros. Perdeu 1-4 e queda a oito unidades desas posicións. Con todo, despois desta finde, xogará todos cos tres primeiros.
Pola súa parte, o cadro meirego queda con 28 puntos na 10ª posición. Oitavo triunfo do curso, despois de tres derrotas seguidas. O risco de arrastres fai que se manteña con oito puntos de marxe con respecto a zona de perigo.
O Pastoricense quere evitar complicacións
Os pupilos preparados por Juanma venceron ao Xermade (2-0). Co sétimo triunfo do curso suman 25 puntos e afástante momentaneamente do perigo dos arrastres, circunstancia que sempre é volátil segundo o que vaia passando na Primeira Futgal.
Quedan a seis puntos do Xermade, que perdeu por quinta vez no curso. A derrota vólvelle impedir o club xermadés apuntarse a loita polos postos altos. Queda a once do líder.
Foi unha primeira parte de moi desputada. Non se desequilibrou ata o segundo tempo, cando Iaguito marcou nun contraataque. O Pastoricense comezou a mandar máis e marcou o segundo. Termou do resultado ante un Xermade que o intentou con fútbol directo.
O Casás goleou nun duelo clave
O Casás sacou un gran triunfo da Mina ante o Sporting Pontenova (2-7). Son dous rivais directos por evitar aos arrastres. Ambos os conxuntos quedan con 20 puntos, con gol average para o Casás, pero que agora mesmo tanto a un coma a outro afectaríanlles os arrastres. Circunstancia que cambia xornada a xornada. Sempre tendo en conta que o ascenso do equipo que xoga play off libera un arrastre.

Décimo cuarto triunfo do Becerreá
O Becerreá exerceu a súa condición de líder, ante un combativo Chantada (4-1). Alcanza os 44 puntos e amplía a cinco a súa vantaxe con respecto ao Santa Comba. O filial chantadés estaría en zona de salvación, a pesar de ser antepenúltimo. Repetimos que esta circunstancia cambia cada semana por mor dos arrastres. De todas maneiras, está igualado cos dous equipos que ocupan praza de descenso directo: Sober e San Lázaro.
Sétimo encontro sen perder do Friol
O Friol e o Santa Comba igualaron a un gol na Reigosa. Os visitantes suman tres xornadas sen gañar e vén como se lles acerca o Lemos B a un punto. Xogarán a finde do 21 de marzo.
O cadro friolés acomódase na zona media. Precisará dalgúns puntos máis para non estar pendente dos arrastres.
O Lemos B achégase á promoción
O filial do Lemos superou ao Páramo (3-2). Cuarto triunfo consecutivo dun equipo que está nunha moi boa liña de resultados. Queda a un punto da fase de ascenso.
Pola súa parte, O Páramo é 13º con 20 puntos. Conta con tres de marxe con respecto aos tres equipos que ten por baixo. A salvación promete estar moi igualada e seguirá habendo que estar pendentes dos arrastres.
O San Roque impúxose no Castro Seoane
O cadro capitalino venceu pola mínima ao Antas (0-1). Duelo entre dous equipos cos mesmos puntos, que podían achegarse algo máis a segunda posición. Primeira vitoria na liga no segundo partido do adestrador Basi na competición. O triunfo deixa ao San Roque na cuarta praza e a cinco puntos do posto de promoción. Con tres puntos menos queda o Antas (5º).
O San Roque gozou de máis oportunidades de inicio a fin. Aos locais custoulles triangular e tiveron menos chegadas que o seu rival.
O gol visitante produciuse ao pouco de comezar o segundo tempo. Dani marcou despois dun saque de banda. Desperdiciou ocasións o San Roque para ampliar a vantaxe. Co resultado próximo, o Antas puido empatar na recta final na que xerou perigo a balón parado.
A Sarriana B venceu no Baliño
A categoría semellaba que tiña un corte do 6º para abaixo, pero esa distancia queda reducida a catro puntos. Todo despois de que a Sarriana B se impuxera ante o Ferreira (3-4). O filial logrou o seu oitavo triunfo do curso e suma 26 puntos (7º). Mentres tanto, o Ferreira (6º) acumula 30 e queda a nove da promoción de ascenso.
Os locais comezaron o encontro mostrando unhas camisolas de apoio ao seu compañeiro Chivi, lesionado de longa duración. Dende Futbolinlugo tamén lle enviamos todo o ánimo e desexámoslle unha boa recuperación. Esa forza dos ánimos contaxiou aos seus, que se puxeron con dous goles de vantaxe practicamente en vinte minutos. Fagín e Gonza foron os autores.
Con todo, a Sarriana B meteuse no partido xusto antes do descanso cun tanto Brais. Á volta dos vestiarios, Dani Vázquez igualou. De penalti, Rubén deulle a volta ao marcador e superado o minuto 80 Sandro anotou o cuarto.
Xa nos últimos intres, Fagín marcou o seu dobrete, pero chegou tarde para unha nova reacción local.
Paradela e Palas empatan a todo
Ambos conxuntos está igualados na zona media da clasificación con 24 puntos. Veñen de empatar no Gandarón (1-1). A igualdade da zona baixa fai que estean aínda metidos nesa loita pola permanencia e cun ollo posto nos posibles arrastres.
O Portomarín sacou un bo triunfo en Sober
Por catro goles de diferenza gañou o Portomarín en Centeás (0-4). Tres puntos que lle permiten conseguir sete de marxe co descenso directo que precisamente marca o club soberés.
O San Lázaro, no mellor momento da temporada
Cuarto encontro sen perder do San Lázaro. Superou 2-1 ao Monterroso B nun duelo directo pola permanencia. Aínda que segue na última praza, está igualado a puntos co Chantada B (antepenúltimo) e a tres do Páramo. A vitoria co Monterroso B é de suma importancia. Queda a cinco puntos do rival e co gol average ao seu favor.


