Os Máxicos da 23/24 xa teñen campión. Logo da súa victoria en Cerdeiriños, o Pol ascende de xeito directo á Preferente Norte con dúas xornadas por diante. Repasamos as novidades da xornada da man de Salvatierra Abogados.
Monólogo da SD Chantada diante do Xove Lago (4-0). Os Máxicos de Traste dominaron o duelo de principio a fin, co xogo combinativo que os caracteriza e que, aínda que os mariñáns contiveron durante media hora, deu os seus froitos antes do descanso con dous goles de Jose, . Á volta dos vestiarios, o xogador chantadino anotou o seu terceiro tanto da tarde, xusto despois da ocasión máis clara para o Xove Lago. Xa co 3-0, Manu puxo a guinda a un partido redondo no Sangoñedo.
O Foz afunde ao Riotorto na Veiga (0-1). Un duelo moi igualado inclinouse a prol dun Foz a costa dun Riotorto inmerso nunha dinámica moi negativa que puido adiantarse por medio de Coedo. Mediado o segundo tempo, o dobre cartón amarelo que viu o local Fabián valeulles aos Máxicos mariñáns para crer na victoria e, de feito, pouco despois Manolito anotaría o 0-1 que se tornou definitivo logo dun bo contragolpe.
Por fin rompeu o cántaro do Pol (0-2). Un cadro diseñado para acadar o salto e categoría puxo fin á eterna loita do Pol, aínda que o Monterroso puxo as cousas moi difíciles aos de Fernandito. Porén, o técnico foi profeta na súa terra e viu como Omar facilitaba o ascenso co 0-1 antes do descanso, e pouco despois da reanudación Pedrinho sentenciaría co 0-2 desde os once metros. O Monterroso avanzou liñas na procura dalgún gol, pero a solvencia dos visitantes levou tres puntos para Pol, que significaron o ascenso á Preferente.


Santaballés e Milagrosa asinan táboas na Liga (2-2). Dous conxuntos que viñan de xogar partido de copa medíronse con aspiracións ben diferentes na liga regular. Os capitalinos, con maior urxencia competitiva e aproveitando dous balóns parados, anotaron o 0-1 no ecuador do primeiro tempo e o 0-2 á volta dos vestiarios.
O Santaballés avanzou as súas liñas, pero os albivermellos defenderon moi ben ata o minuto 85′, cando Vérez puxo o 1-2. Cos chairegos máis próximos no electrónico, a xuventude xogou unha mala pasada aos Máxicos da Milagrosa, que encaixaron o definitivo 2-2 nun saque de esquina no tempo engadido, polo que os puntos se repartiron no campo da Liga.
O Guitiriz aférrase á permanencia tras vencer ao Lourenzá (2-0). A primeira parte tivo pouco ritmo e poucas ocasións, sendo as máis claras para o local Saúl e para o visitante Yago Cruña. Porén, a charla de Marcos no tempo de lecer valeulles aos do Suso Cruz para gañar intensidade e sumar ocasións. Finalmente, un testarazo de Tanketín á saída dun córner puxo o 1-0 e, co Lourenzá volcado na procura da victoria, os Máxicos do Guitiriz aproveitaron as transicións para facer dano. Nunha delas, o xuvenil Brais provocou un penalti que Saúl transformou para poñer o 2-0 definitivo.

O Escairón iguala ante un Outeiro mermado polas baixas (0-3). Pese a acudir con tan só 13 xogadores, o Outeiro de Rei tirou de coraxe e, entre a recta final do primeiro tempo e o comezo da segunda metade, anotou tres tantos (Denis, Navia e Dani) que poñían o 0-3. O xogo directo dun Escairón que non tirou a toalla traduciuse en dous goles (2-3) e, finalmente, no empate a 3 nun saque de esquina no que os visitantes pediron falta. No engadido, o visitante Denis (un dos Máxicos da xornada) tivo o 3-4 nas súas botas, pero finalmente os puntos se repartiron no Saviñao.
Partido vistoso entre Taboada e Guntín, con premio para os locais (4-3). Nun duelo con pouco en xogo, o Guntín e o Taboada ofreceron un gran espectáculo futbolístico. Diéguez fixo o 0-1 nun rexeite, pero os Máxicos de Murado empataron nun córner e remontaron cun balón ás costas da defensa visitante. Non se viu abaixo un cadro laranxa que empatou cun golazo de Purri e, aínda antes do descanso, un novo saque de esquina puxo vantaxe para o Taboada (3-2).
Xa na reanudación, Mateo culminou unha boa xogada combinativa para facer o 3-3 e, cando máis estable parecía o choque, un erro de comunicación dos de Hugo Vázquez saldouse co 4-3, nesta ocasión obra de Migui cando aínda faltaban 30′
O Meira acada a permanencia ante o Chantada Atlético (5-3). Unha Lomba en mal estado recibiu ao Chantada Atlético nun duelo no que os locais se mostraron máis efectivos na primeira media hora, con dous goles (Marcos e Lourido) que puxeron o 2-0. César recurtou diferenzas á saída dun saque de esquina, pero unha transición local saldouse co 3-1 antes do tempo de lecer.
Na segunda metade, marcada polo xogo directo, os Máxicos do Meira volveron mostrarse moi contundentes en ambas áreas e anotaron dous goles máis, fronte aos dous que anotou tamén o cadro de Edu, sendo o resultado definitivo de 5-3 a prol dos de Labrada.
O Burela amosa a súa versión máis sobria no Chao da Poza (0-3). Os Máxicos de Luchi non deron opcións ao cadro dirixido por Diego Rey, superado en intensidade por un club mariñán que aínda aspira ao ascenso á Preferente. Adrián Deán e Vila fixeron o 0-1 e o 0-2 antes do descanso e, aínda que o Portomarín tirou de orgullo e coraxe na segunda metade, os burelenses aguantaron as intentonas locais e sentenciaron co definitivo 0-3 a falta de 5 minutos para o final.
Máxicos salvatierra abogados

