Restan somentes 4 datas para rematar a liga regular dos Máxicos e aínda está todo por decidirse. Por iso, este domingo vivimos unha xornada de máxima emoción en todos os campos lucenses, patrocinada de novo por Salvatierra Abogados.

Tolemia no Municipal nun duelo vibrante (4-4). Xove Lago e Foz protagonizaron o choque da xornada, que comezou cun gol de Manolito e o inmediato empate de Jorge nun centro lateral. Porén, unha transición ben finalizada por Manolito supuxo o 1-2 co que se chegou aos vestiarios, e outro contragolpe na reanudación puxo o 1-3 a prol dos focenses.
Os Máxicos locais non baixaron os brazos e, cando faltaban escasos 15 minutos para o final, Carlos fixo o 2-3 nun novo centro lateral e, pouco despois, Dani empatou cun remate á saída dun corner. Foi entón cando os visitantes provocaron unha falta na frontal que rematou Jose para poñer o 3-4 e, cando todo parecía decidido, Maikel fixo o definitivo 4-4 nunha falta na frontal da área.
SD Chantada e o Pol empatan nun duelo moi igualado (0-0). Os locais tiveron o dominio do coiro e as ocasións máis claras no primeiro tempo, pero o oficio dos Máxicos visitantes mantivo a igualada no electrónico. Na segunda parte o choque non tivo un dominador claro, pero sería a SD Chantada a que máis preto estivo da victoria: Hugo enviou unha falta directa ao pau e Gabri errou un remate franco que puido supoñer o 1-0. Porén, o marcador non se moveu e o Pol sacou un punto que o achega moito ao ascenso.


O Riotorto cae diante dunha Milagrosa que se agarra á permanencia (0-2) Partido con moito fútbol directo na Veiga que se resolveu na recta final do primeiro tempo. Un gol en propia meta dos locais á saída dun córner e un mal rexeite da zaga do Riotorto foron aproveitados pola Milagrosa para chegar cunha vantaxe de 0-2 ao descanso. Aínda que na segunda metade o cadro local tivo o dominio do coiro e as ocasións máis claras, o oficio dun cadro visitante comandado por Joel —un dos Máxicos da semana— mantivo a súa portería a cero e levou tres puntos importantísimos cara o Gorgoso.
Táboas en Cerdeiriños para tranquilidade de todos (1-1). O Lourenzá agardou moi repregrado aos seus rivais no primeiro tempo e anulou as ofensivas locais, mentres que o Monterroso procuraba incidir con moito fútbol directo. Tras o paso por vestiarios, os visitantes adiantaron liñas e Yago Cruña anotou o 0-1, pero unha boa reacción local traduciuse no empate de Guaje e en varias ocasións para remontar a contenda, pero finalmente o marcador mantívose no 1-1 e os puntos se repartiron nun choque no que ambos conxuntos fixeron méritos para vencer.
Un descoñecido Outeiro cae con claridade en Santaballa (6-1). O cadro dirixido por Adrián Vázquez estivo moi lonxe da súa mellor versión e cometeu tres erros clamorosos -dous na primeira metade e outro no comezo da segunda- que non desaproveitaron os Máxicos do Santaballés para anotar tres tantos. Xa co 3-0, chegaría o cuarto dos locais e, cando o Outeiro conseguiu o gol da honra de penalti, os de Freire fixeron dous goles máis para engrosar o resultado dun choque cun só dono, 6-1.

O Guitiriz vence ao Guntín para soñar (1-0). Os visitantes levaron o peso da posesión na primeira metade, pero a falta de ideas en último terzo de campo e a solidez local provocaron que o resultado ao descanso fose de 0-0. No segundo tempo, un remate do Guitiriz á saída dun saque de esquina puxo por diante aos de Marquitos (1-0) e, acto seguido, o Guntín errou unha pena máxima que tería suposto a igualada. Xa co duelo máis calmado, os Máxicos locais tiraron de oficio e mantiveron a renda para sacar tres puntos que manteñen vivo ao Guitiriz.
O Atlético Escairón iguala co Chantada Atlético nun polémico duelo (1-1). Unha acción caótica no primeiro minuto de xogo converteuse no gol local, que os do Saviñao procuraron defender ao longo de todo o choque. Especialmente tras a expulsión de Asier cun polémico segundo cartón amarelo e tras a expulsión do adestrador local e conseguinte suspensión momentánea do choque no 30′, ata que chegou a Guardia Civil e se reanudou o xogo.
O gardamallas Macía tamén foi expulsado xusto no comezo do segundo tempo e, con 11 xogadores contra 9, o Chantada Atlético pechou ao Escairón na área local e acadou o empate nun penalti transformado por X. Continuou o asedio visitante, pero uns Máxicos locais moi resistentes mantiveron o resultado e sacaron un punto moi meritorio.
O Taboada supera con comodidade ao Portomarín (4-1). O choque mantívose moi igualado ata o 1-0 local que, sumado ás lesións dos visitantes Hugo e Pisos, desconcertou a un cadro miñoto que regalou dous goles máis antes do descanso, 3-0. O Taboada buscou controlar o partido na reanudación, pero o Portomarín tirou de coraxe e logrou recurtar diferenzas para soñar co empate. Porén, o cuarto gol dos de Martín Murado sentenciou o choque na Medela, 4-1 para os Máxicos branquiazuis.
O Meira vence ao Burela e pon o título en bandexa do Pol (2-1). Os Máxicos do Meira asinaron un dos mellores choques do ano e, logo dunha primeira parte dominada polos de Labrada, o resultado ao descanso era de 1-0. O Burela adiantou liñas tras o paso por vestiarios, pero Panchi fixo o 2-0 para desatar a tolemia na Lomba. Porén, o Burela non se rendiu, recurtou diferenzas e tivo unha pena máxima para empatar, pero Jairo errou o disparo. O Meira puido sentenciar na recta final, pero un Kiko Mariño moi en forma evitou o terceiro tanto local.
MÁXICOS SALVATIERRA ABOGADOS


Antón
23rd Abr 2024Na crónica do Xove Lago,CD FOZ o terceiro gol marcouno Anxo Méndez o cal deu duas asistencias para enpuxar a Manolito,o 14 do Foz fixo un partido descomunal,que con 17 anos que ten e de un mérito enorme.De feito,foi lesionarse e desaparecer o Foz.