Salvatierra Abogados segue con nós para ofrecernos os primeiros Máxicos do mes de marzo, cunha Residencia intratable e un San Lázaro afundido.
O San Lázaro non mantén a boa imaxe e cae diante da Residencia (0-3). O bo fútbol dos de Rafa Casanova pasou por riba do cadro da Ponte na primeira media hora de partido e, de feito, o resultado xa era de 0-3 cando aínda non se chegara ao minuto 15 de xogo. Unha vez pasou o furacán inicial dos branquiazius —neste caso vestidos de negro—, o San Lázaro competiu de ti a ti pero foi incapaz de mover o marcador ata o asubío final.
A loita dos Máxicos polo ascenso directo está máis igualada que nunca.
O Guntín móstrase máis efectivo no Acebreiro (0-1). Foi un partido pouco vistoso por parte dos dous conxuntos, pero os laranxas aproveitaron mellor os erros dos seus rivais para levar os tres puntos. Un erro individual local permitiulle a Borja anotar o único tanto do choque antes do descanso, mentres que os Máxicos do Pastoricense non tiveron toda a claridade necesaria para lograr a igualada no segundo tempo diante dun Guntín que se defendeu ben.
O Lourenzá colle aire a costa do Outeiro de Rei (2-3). Aínda que os Máxicos chairegos se puxeron por diante no primeiro minuto de partido e tiveron o control do choque no primeiro tempo, a pólvora dos visitantes fíxose notar: Cruña empatou nun contragolpe e Pichi aproveitou unha falta lonxana para poñer o 1-2 antes do tempo de lecer. Na reanudación o Outeiro buscou o gol do empate con insistencia e conseguiuno por medio de Javi, pero Cruña aproveitou de novo un centro de Jose para poñer o 2-3 e levar tres puntos de ouro cara Lourenzá diante dun Outeiro no que non seguirá o adestrador Adrián Vázquez.


O partido entre o Foz e o Chantada Atlético foi suspendido polo falecemento dun xogador do filial chantadino.
A mellor versión da SD Chantada pode co Burela (2-0). O cadro de Traste estivo máis acertado a nivel ofensivo e defensivo ao longo dos 90′, pero o gol de Michi cun tiro raso desde a frontal no 18′ deu máis tranquilidade aos Máxicos locais ante un Burela que non se atopou cómodo en ningún momento. Na segunda metade, cos mariñáns volcados na procura da igualada, o partido entrou nunha fase de transicións da que se aproveitou a SD Chantada para facer o 2-0 nun man a man de Pablo. O Burela, aínda que o intentou, non estivo nada acertado diante dunha defensa local que mostrou a súa mellor cara para deixar a portería a 0, 2-0.
A Milagrosa ve como o Gondomar remonta en 3 minutos (1-2). Era un duelo complicado para os Máxicos de Madriles que, aínda que na primeira parte estiveron moi serios e chegaron aos vestiarios por diante no electrónico —gol de X no X—, sufriron unha gran posta en escea do Gondomar na reanudación, con dous goles que deron a volta ao marcador en escasos 3 minutos (48′ e 50′). Co resultado adverso, os albivermellos buscaron acadar o gol do empate, pero a defensa pontevedresa evitou máis sobresaltos e os tres puntos escaparon da Frigsa.

O Santaballés gaña no Anexo de Cerdeiriños (1-2). Púxose de cara o choque para os Máxicos de Freire cun gol de Palomo nun rexeite cando ían 10′ de xogo. Vérez aproveitou un erro de Melchor para poñer o 0-2 pouco despois. Co paso dos minutos, porén, o Monterroso foi gañando o pulso do partido e buscou facer dano con centros laterais e balóns parados. O Santaballés non estivo atinado nas transicións e Antas aproveitou un rexeite dun saque de banda para facer o 1-2, pero os chairegos xestionaron a súa vantaxe e levaron tres puntos importantes do feudo monterrosino.
O Meira e o Oural empatan e quedan insatisfeitos (2-2). Houbo unha parte para cada equipo na Lomba. Os Máxicos sarriáns dominaron a primeira metade con boas combinacións interiores para chegar ao descanso 0-1. Na segunda metade o Meira deu un paso adiante e, a pesares de que nun contragolpe chegou o 0-2, os de Rubén non se rendiron e conseguiron dous goles en xogadas de balón parado nas que demostraron as súas grandes fortalezas. Aínda que o empate chegou case no engadido, o Oural enviaría despois un balón ao pau e o Meira tamén gozou dunha oportunidade moi clara. Ao final, reparto de puntos insuficiente para ambos cadros.

O Castro imponse con claridade en Taboada (0-2). As ocasións máis claras ao longo de todo o partido foron para os Máxicos visitantes, que chegaron ao descanso cun marcador xa favorable, 0-2. O primeiro gol chegou nunha xogada na que o Taboada protestou un penalti previo, pero que non se sinalou. Na segunda metade, os locais procuraron unha maior presenza en campo rival, pero a solvencia defensiva do Castro impediu sobresaltos e levou os 3 puntos lonxe do «Canti».
O Xove afonda na crise do Racing Villalbés ‘B’ (2-0). O comezo de ano do cadro de Iván Lamas non está a ser bon: unha nova derrota —neste caso na casa do Xove— deixa aos chairegos en terra de ninguén, mentres que os mariñáns postúlanse como un dos equipos revelación. Dous goles (Cora e Kevin) en apenas 4 minutos (67′ e 71′) sentenciaron o choque diante dun filial que o intentou, pero que se atopou cunha boa defensa dos Máxicos locais e saiu de baleiro do Municipal.

