Aproveitando a ponte, os máxicos da Primeira disputaron esta semana aqueles partidos que foron adiados no seu día por mor da incidencia da Covid-19. Estos son os choques que se viviron ao longo da fin de semana de Entroido.
Monterroso 2-1 Chantada Atlético: adaptouse mellor o Monterroso ás reducidas dimensións do Anexo de Cerdeiriños e, froito diso, no minuto 20′ xa mandaban por 2-0. A partires de aí, a solidez defensiva local mermou a un Atlético que o intentou e logrou recortar diferenzas na recta final, pero non foi quen de empatar. Deste xeito, o Monterroso acadou 3 puntos que auguran unha fermosa pelexa nestas últimas dúas xornadas por entrar na fase de ascenso.
Castro 0-0 Burela: partido moi igualado no Arturo Pereiro. Os locais puxeron a posesión e medraron no partido grazas ao seu dominio con balón. Porén, o Burela agardaba aos seus rivais e saía ao contragolpe, sendo tamén capaz de facer dano. Ambos equipos tiveron un par de opcións de anotar, pero ao final o 0-0 mantívose no electrónico nun choque no que a nota negativa foron as lesións de varios xogadores do CD Castro.
Sporting Pontenova 3-3 Pol: choque de moito ritmo na Mina no que os visitantes comezaron mellor e froito diso xa mandaban por 0-2 no minuto 15′. Porén, o Sporting apretou e conseguiu a igualada por medio de dúas xogadas de estratexia antes do descanso. No segundo tempo volveu adiantarse o Pol, pero os locais conseguiron o definitivo 3-3 na recta final grazas a un gran gol de Pasarín, que asinaba así o seu dobrete particular.
Guntín 0-2 San Lázaro: partido frouxo do Guntín ante un San Lázaro que sacou tres puntos do Ladairo grazas á súa efectividade. Os locais limitáronse a un xogo directo improductivo, mentres que os visitantes agardaban para saír ao contragolpe. Un tanto no primeiro tempo e outro no segundo sentenciaron o choque a prol dun conxunto da Ponte que apenas sufriu.
Alfoz 0-0 Riotorto: o vento condicionou un primeiro tempo no que os locais puxeron en apretos a portería visitante con balóns en largo. Na segunda metade o Riotorto deixou espazos que o Alfoz soubo aproveitar e a piques estivo de anotar en dúas ocasións que remataron nos paus. Tamén os visitantes puideron anotar na recta final, pero o marcador non se moveu.
SD Chantada 0-2 Taboada: derbi moi intenso no Sangoñedo no que o Taboada conseguiu poñerse por diante por medio dunha transición logo dunha acción moi protestada na área defendida por Roi. Puido empatar a SD, pero cando máis apretaban os locais Fabio puxo o 0-2 que á larga foi definitivo. Sumou así o Taboada tres puntos de ouro da súa visita aos veciños de Chantada.
Lourenzá 1-0 Pastoricense: sufrida victoria do Lourenzá ante o Pastoricense nun choque con pouco fútbol. O estado de Santa Cruz orientou o choque cara o fútbol directo, algo que os locais entenderon mellor no primeiro tempo e conseguiron o 1-0. No segundo, os visitantes buscaron o empate mentres que o Lourenzá deixou pasar os minutos para conseguir tres puntos vitais.
Hoxe, martes, disputaranse dous duelos adiados máis: Friol – SD Chantada e Pol – Xove Lago. Deste xeito, tan só distarán dúas xornadas ata o comezo da segunda fase, onde cada conxunto loitará polo salto de categoría (aqueles que entren entre os catro primeiros) ou pola permanencia.