#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 5

Os máxicos da Primeira xa levan cinco xornadas de competición, polo que os obxectivos reais de cada equipo comezan a definirse…

Outeiro de Rei 2-0 Lourenzá: un bo Outeiro de Rei mostrou a súa versión máis fiable na primeira media hora de xogo, cando xa mandaba por 2-0 ante un «Atleti» que se viu superado pola intensidade local no comezo do choque. Xa no segundo tempo, os visitantes deron un paso adiante e gozaron de ocasións para recurtar diferenzas, pero o Outeiro tamén puido ampliar o resultado con boas chegadas. Finalmente, o electrónico non se moveu e os tres puntos quedaron no Municipal.

Guntín 1-3 Milagrosa: a Milagrosa conseguiu a súa primeira victoria no campo dun Guntín que foi mellor nos primeiros intres e errou dúas ocasións de gol claras a balón parado. Os capitalinos aproveitaron un erro en saída de balón dos locais para facer o 0-1 e, pouco despois, un balón á espalda da defensa local saldouse cun centro e un gran remate que poñía o 0-2. Xa no segundo tempo, o Guntín deu un paso adiante e recurtou diferenzas por medio de Quiñones, 1-2, pero outro erro dos locais en saída de balón permitiu aos visitantes facer o 1-3 cun gran disparo á escadra e sentenciar o choque.

Chantada Atlético 0-2 Pol: dous erros locais foron aproveitados polo Pol para facer dous tantos no primeiro tempo e encarrilar o choque. Xa no segundo tempo, o Chantada Atlético quedou cun home menos e, aínda así, embotellou ao Pol na súa área, pero os visitantes mantiveron a súa solidez defensiva para sacar os tres puntos e manterse no alto da táboa invictos e imbatidos no que vai de liga.



Portomarín 3-1 Foz: tres puntos de ouro para un Portomarín que aproveitou os erros defensivos visitantes para poñerse 2-0 no minuto 20′, logo de dúas boas accións de Diego que remataron cun autogol da defensa focense e outro de Hugo cun bo remate dentro da área. Pouco despois, porén, Moreda fixo o 2-1 para meter de cheo aos seus no partido. No segundo tempo, os mariñáns foron mellores, pero toparon cos paus e con Roi, o porteiro local, que evitaron o empate. Foi entón cando Hugo aproveitou un contragolpe para sentenciar o choque cun disparo alonxado e deixar os tres puntos na casa.

Meira 2-0 Xove Lago: dous zarpazos do Meira no primeiro tempo valéronlle ao cadro de Labrada para ganar o seu primeiro partido en Primeira. Panchi aproveitou un balón botando na área para facer o 1-0, pero o Xove non lle perdeu a cara ao partido e tivo opcións para empatar ben sacadas polo porteiro local. Porén, Iván López fixo o 2-0 xusto antes do descanso cunha boa definición para dar tranquilidade aos seus e, aínda que no segundo tempo ambos conxuntos tiveron opcións para anotar, especialmente os visitantes, o marcador non se moveu na Lomba, 2-0.

A SD Chantada celebrando a vitoria coa súa afección.

Taboada 0-1 SD Chantada: as defensas impuxéronse aos ataques na tarde de domingo na Medela. No primeiro tempo a máis clara foi para o Chantada, na que Fornas enviou o balón a trabe, mentres que os locais inquedaban a defensa rival por medio de balóns parados. No segundo tempo a tónica foi semellante, con dous equipos ben plantados que non concedían oportunidades. Porén, a sorte estivo do lado dos visitantes, que aproveitaron unha falta lateral para facer o 0-1 no 87′ e levarse un choque no que estiveron respaldados pola súa afección e no que tres xuvenís disputaron minutos de calidade.



Atlético Escairón 4-0 Riotorto: o Escairón superou ao Riotorto no Saviñao con bo fútbol e moita intensidade. Sobre todo na primeira media hora, na que anotaron o 1-0 cun rexeite na área e o porteiro visitante Manu evitou que a diferenza fose máis ampla. Xa no segundo tempo, un despiste visitante á saída dunha falta saldouse co 2-0 e, a partires de aí, os locais foron claros dominadores do choque e fixeron dous tantos máis para poñer o definitivo 4-0.

Guitiriz 2-2 Monterroso: partido igualado no Suso Cruz cun Guitiriz replegado que facía dano ao contragolpe e un Monterroso que levou o peso da posesión. Adiantáronse os locais xa no segundo tempo cun pase atrás de Erik rematado por Labrada e, cando mellor estaban os chairegos, o Monterroso fixo o empate cun bon disparo cruzado de Iago Sobrado. Javi Ferreiro, porén, sacou a relucir a súa maxia e fixo un gran gol cun disparo de exterior para poñer o 2-1. Cando faltaban 5 minutos, unha serie de rexeites na área local saldouse cun gol, tamén de exterior, de Raúl Varela. Ao final, reparto de puntos en Guitiriz.

Burela 0-1 Santaballés: o Burela tivo o control do xogo durante o choque e errou catro ocasións moi claras de gol, ademais de protestar un penalti por man na área visitante. Porén, o Santaballés soubo sufrir e conseguiu o seu premio cun gol de Hugo Criado no comezo da segunda metade. Tras o tanto, os mariñáns seguiron apretando, pero a zaga chairega mostrouse moi sólida e o electrónico non se moveu: tres puntos de ouro para o cadro dirixido por Freire.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *