Vibrantes duelos para os Máxicos nunha nova xornada da Primeira Galicia, con poucos goles e moita igualdade.
Pol 1-0 Foz: segue intratable o Pol, aínda que o Foz lle puxo as cousas moi difíciles. Os visitantes deixaron que o líder xogase por fóra no primeiro tempo e permitían centros laterais que sacaban con bastante solvencia. Porén, o único erro mariñán foi aproveitado por Álvaro para poñer o 1-0 no 44′. Xa no segundo tempo, o Pol gozou de cinco ocasións moi claras para sentenciar, pero non o fixo e, no tempo engadido, o Foz reclamou un penalti que non se chegou a sinalar e os puntos quedaron no Municipal, 33 puntos de 33 posibles para a SD Pol.
Milagrosa 0-0 Xove Lago: partido moi pechado en Frigsa, cunha primeira parte na que a Milagrosa gozou de dúas boas ocasións que non concretou e na segunda foi o Xove o que puido anotar tamén en dous achegamentos que non foi quen de anotar. Ao final, resultado gafas e xusto para o visto no terreo de xogo na tarde do domingo, con reparto de puntos ante a máxima igualdade.
Lourenzá 1-0 SD Chantada: sorpresa na Santa Cruz, ao superar os locais a unha SD Chantada que foi dominadora no primeiro tempo e pechou ao Lourenzá no seu campo, aproveitando o vento ao seu prol. Pablo estivo a piques de anotar o 0-1, pero a defensa do Lourenzá evitou a acción. No segundo tempo, a SD Chantada estivo menos atinada, e o «Atleti» aproveitou un erro dos visitantes para transitar e anotar o 1-0 por medio de Yago Cruña, o mellor dos seus na tarde do domingo. Tras o gol, os mariñáns tiraron de oficio e evitaron que houbese continuidade no xogo para asegurar tres puntos de ouro no seu feudo, 1-0.


Outeiro de Rei 0-0 Riotorto: unha metade para cada conxunto no Municipal. O Riotorto estivo mellor no primeiro tempo e tivo un par de ocasións claras, pero a recaída de Pablo Vivero nuha lesión condicionou aos visitantes e aupou ao combinado local na segunda metade, contando con ata cinco ocasións claras que non foron quen de finalizar en gol. O Riotorto, ademais, xogou cun home menos durante os últimos dez minutos e os trece de engadido pero, ao final, houbo reparto de puntos en Outeiro de Rei.
Guntín 0-2 Monterroso: o Monterroso dominou o choque de principio a fin, pois aos cinco minutos xa mandaba por 0-1, logo dunha diagonal á espalda da defensa local e un centro que rematou Raúl Antas. Os visitantes seguiron apretando e conseguiron o 0-2 logo dun rexeite nun centro lateral que finalizou Burgo. Desde o segundo tanto, o choque estivo completamente controlado por un Monterroso que fixo moito dano en transicións, errou numerosas ocasións e apenas viu inquedada a súa porta, 0-2 no Ladairo.
Chantada Atlético 1-0 Santaballés: partido dominado polos chantadinos, a excepción dos minutos finais de cada unha das partes. Os locais tiveron dúas grandes ocasións nos primeiros minutos, pero unha delas estrelouse no poste e a outra foi errada por Adri, pero empuxada ao fondo das mallas por Luis no rexeite, 1-0. Os chairegos enviaron unha falta lateral ao longueiro no 40′ e, xa no segundo tempo, o Chantada Atlético perdoou e a piques estivo de pagalo no final, pero foron quen de aguantar o resultado e sacaron tres puntos para seguir soñando, 1-0 no Sangoñedo.

Portomarín 0-0 Guitiriz: reparto de puntos e igualdade no Chao da Poza. Foi mellor o Portomarín na primeira media hora, pero o Guitiriz dificultou o xogo posicional dos locais a partires do 30′. No segundo tempo, o choque abriuse máis e ambos equipos tiveron opcións para anotar, contando o Guitiriz con dúas oportunidades que non remataron en gol. O Portomarín coa máis clara no desconto, que detivo ben Jesús. Os locais sufriron unha expulsión e os visitantes a lesión de Tanketín cando xa tiñan os cambios esgotados, polo que a recta final xogouse un 10×10 que fixo os últimos minutos máis vistosos, aínda que sen o premio do gol para ningún.
Meira 1-3 Atlético Escairón: a efectividade do Escairón na Lomba xustifica o posto que ocupan os do Saviñao na táboa. Logo dun primeiro tempo igualado e con ocasións para os dous bandos, a pólvora de Rubén Quintela permitía aos visitantes mandar por 0-2 ao descanso. Xa na segunda metade, o Meira acentuou o seu dominio, recurtou diferenzas e apretou ao rival, ata que unha falta lateral a prol do Escairón supuxo o 1-3 definitivo a prol duns visitantes que confirman a súa candidatura ao ascenso.
Burela 3-1 Taboada: os burelaos tiveron o control da posesión e dominaron posicionalmente a un rival que, pese a iso, aguantaba ben as estocadas locais e trataba de saír con perigo aos contragolpes. Porén, o gol de Adrián preto do descanso (1-0) aupou aos mariñáns na reanudación, que anotaron dous tantos máis (2-0 e 3-0) para sentenciar a contenda. O Taboada mantivo o ritmo de competición e anotou o 3-1 para maquillar o resultado na recta final dun duelo no que os visitantes remataron moi amolados coa actuación arbitral.

