A Primeira Futgal segue rodando cunha xornada marcada pola borrasca Ingrid. Porén, todos os partidos da semana puideron xogarse na sesión vespertina do domingo.
A Milagrosa supera ao Guntín no Gorgoso (1-0). A primeira oportunidade que tivo a Milagrosa a balón parado foi para dentro: un dos Máxicos da semana, Chris, rematou á perfección o centro de Fran para adiantar aos seus. Esas accións foron unha dor de cabeza para un Guntín que se mantivo con vida grazas á actuación de Ilian baixo paus. Na segunda metade, os Máxicos laranxas acumularon xente en área e procuraron a igualada, pero a sobriedade defensiva dos capitalinos impúxose e os puntos quedaron no Gorgoso.
O Chantada Atlético obtén o premio á resistencia diante do Iberia (1-0). A primeira metade foi de dominio mariñán, cun Chantada Atlético repregado e que contiña os ataques dos seus rivais como podía. Co paso dos minutos, os do Sangoñedo gañaron en seguridade e comezaron a achegarse á portería rival. Foi Iván Gayoso, un dos Máxicos da xornada, o que anotou mediado o segundo tempo para deixar os tres puntos na casa e devolver ao «Atlético» á senda dunha victoria que facía moito que non chegaba.
O Santaballés e o Escairón protagonizan un partidazo (2-2). Julio desfixo a igualada ao pouco de comezar, logo de aproveitar un erro na zaga local. Os chairegos tardaron en repoñerse, pero a charla de Iago nos vestiarios fixo efecto e, en apenas 5′ de xogo menos directo, remontaron o resultado (Vérez no 50′ e Losada no 55′). Desde ese momento, os do Saviñao buscaron con insistencia o gol da igualada, que chegou nun tiro de Éric desde a frontal, logo de bater nun defensor, 2-2 na Liga.

O Brollón cae na casa do Polígono (3-1). Os erros puntuais dos lucenses condicionaron o resultado dun choque de ti a ti. Unha pena máxima adiantou aos locais, pero o Brollón igualou no comezo da segunda metade. Porén, o Polígono aproveitou un erro defensivo dos de Chura para facer o 2-1 no 75′ e, xa no tempo engadido, sentenciou o partido co definitivo 3-1.
Os Máxicos do Monterroso soñan coa promoción de ascenso
O Racing Villalbés ‘B’ engánchase a costa do Foz (3-0). Logo dunha primeira parte de moita igualdade en Cospeito, o Foz semellaba ser o equipo máis incisivo. Migui definiu moi ben na última acción antes do descanso para poñer a vantaxe no electrónico. Tras a reanudación, os Máxicos chairegos levaron o peso do xogo e anotaron dous goles máis (Gabri e Alberto) en dous balóns ás costas da defensa mariñá. Antes, Aarón tivera a oportunidade de facer o 1-1 nun centro lateral, pero a efectividade estivo do lado local na Fonte.
A Residencia imponse no Oural (1-4). O estado do terreo de xogo, derivado do temporal, foi condicionante claro do xogo. Chiki desfixo a igualada inicial nunha falta afastada logo dun erro do gardamallas local. Na primeira oportunidade do segundo tempo, Murúa empatou logo dunha boa xogada de Yago. A igualdade asentouse no campo ata a entrada de Alesito e Iago Alonso no xogo. O primeiro aportou verticalidade para o 1-2 de Mauro e o segundo fixo dous goles para levar os tres puntos cara A Cheda.
O Monterroso supera ao Castro e xa é terceiro (2-1). Os Máxicos de Dumi adiantáronse por medio dunha pena máxima, pero o Monterroso reaccionou rápido, co empate de Quintá logo dun saque de esquina. O céspede dun Cerdeiriños enlamado condicionou a última hora de xogo, pero o cadro local foi quen de impoñerse grazas a un remate de Sobrado no 60′. O Castro enviou un balón á trave e o Monterroso puido sentenciar en transición, pero o electrónico mantivo o 2-1 ata o asubío final.
O Lourenzá imponse en Xove nun duelo a vida ou morte (0-1). Casanova errou un man a man no primeiro minuto, e desde ese intre o Xove tivo o dominio do choque por medio de xogo combinativo. Na última xogada do primeiro tempo, Luis aproveitou un rexeite dunha falta para facer o 0-1 co que se chegou ao tempo de lecer.
Na segunda metade, os Máxicos verdes fixeron dano con balóns ás costas e o Lourenzá tivo que retroceder. A máis clara para os locais chegou na recta final, pero a defensa visitante sacou o balón baixo paus. Tamén o Lourenzá puido facer o segundo cun remate de Casanova ou cun envío á madeira, pero ao final mantívose o 0-1.
A SD Chantada dá outro golpe enriba da mesa, agora en Ribadeo (1-2). O Pepe Barrera non amosaba a súa mellor versión, pero os celestes souberon adaptarse mellor ao longo do primeiro tempo. Logo dos tiros de Cube e Simón, Castrín e Pedrinho fixeron unha gran xogada no 42′ e o primeiro puxo o centro para que Anxo fixera o 1-0.
Na segunda metade, a SD Chantada apretou os dentes e defendeu as ofensivas dun Ribadeo moi insistente, pero Damián concretou unha transición para facer o 1-1. Os Máxicos visitantes sufriron despois da expulsión de Kadete —xusto antes pedírase penalti pero o colexiado sinalou falta—, pero cando menos se agardaba, xa no 93′, o Ribadeu cedeu un saque de esquina que Joserra converteu de xeito directo para desatar a tolemia entre os visitantes.
O Taboada salva o «match-ball» diante do Outeiro de Rei (2-1). Fixéronse notar a pegada e a identidade dos Máxicos locais nunha Medela na que o vento foi protagonista. Nunha mala saída de balón visitante, David Potente fixo o 1-0 antes do descanso e o Outeiro chegou con intranquilidade á segunda metade, pero conseguiu pechar ao Taboada no seu campo e viu como a actuación de Isma baixo paus salvaba aos locais.
Nese contexto, un contragolpe ben levado e culminado por Elías supuxo o 2-0 e, aínda que Joel recurtou diferenzas case no engadido (2-1), non houbo tempo para máis e o Taboada levouse o duelo directo.


