SD Chantada e Outeiro son os únicos locais que gañan

Na nova semana, os Máxicos Salvatierra Abogados competiron coa máxima intensidade para sacar un resultado bo para o seu equipo.

O Chantada Atlético saca un punto do Martínez Otero (1-1). Os locais dominaron o xogo posicional, mentres que os do Sangoñedo inquedaban a meta mariñá con balóns parados e transicións rápidas. Na primeira metade, un saque de esquina supuxo o 0-1 a prol dos chantadinos e, pouco despois, Jorge anotou o empate co que se chegou ao tempo de lecer.

Xa no segundo tempo, o Foz foi máis protagonista e gozou de oportunidades, pero Anxo Sampayo estivo moi atinado baixo paus para manter o empate ata o asubío final dun choque no que ambos cadros remataron amolados coa actuación arbitral (os visitantes no primeiro tempo, os focenses tras a reanudación).

O duelo entre Xove Lago e Monterroso suspendeuse por unha indisposición de varios xogadores visitantes. Os locais, pola súa banda, están sin adestrador logo da destitución de Santi Silvar.

O Castro e o Santaballés asinan táboas no Arturo Pereiro (1-1). Os locais levaron a voz cantante no Municipal, pero o Santaballés estivo moi serio no plano defensivo. Os erros na definición condenaron ao Castro, que encaixou o 0-1 nun saque de esquina, pero os vermellos empataron cedo cun lanzamento desde os once metros. Na segunda metade, aínda que o Santaballés cedeu o coiro ao Castro, houbo alternativas para ambos, pero ningún dos dous conxuntos —especialmente o de Dumi— estivo atinado na definición.

A SD Chantada asusta tras vencer ao Oural (8-0). Xa no primeiro minuto de xogo se adiantaron os de Traste logo dun erro dos sarriáns e, desde ese momento, o dominio chantadino foi absoluto. Os goles acumuláronse, especialmente, na segunda metade. Aínda que os do Luis Pallín trataron de dar o máximo e non perder a cara do partido, o bo momento de forma que atravesa a SD Chantada quedou demostrado sobre o céspede do Sangoñedo.

O Córgomo é máis efectivo que o Brollón (0-4). Non fai xustiza o electrónico ao visto sobre o céspede dos Medos. Aínda que os ourensáns se adiantaron cun gol de Abiodun mediado o primeiro tempo, o Brollón competiu de ti a ti e gozou de ocasións para igualar o marcador. Porén, a calidade individual visitante e os erros dos locais condenaron aos da Pobra, que seguen traballando para atopar o pulso da categoría.

O Outeiro saca o primeito triunfo do curso a costa do Lourenzá (2-1). Era un duelo de urxencias no Municipal e saiu cara para os chairegos. As dúbidas, os erros e a igualdade foron protagonistas no primeiro tempo. Unha boa xogada individual de Diego traduciuse no 1-0, pero un balón parado a prol dos visitantes supuxo o 1-1 mediado o primeiro tempo. Xa na segunda metade, os locais fixeron valer a súa condición —pese aos nervios— e un saque de esquina rematado por Mateo foi o 2-1 que, finalmente, se tornou definitivo.

A Residencia supera na Cheda ao Racing Villalbés ‘B’ (2-1). Foi un partido pechado no feudo branquiazul. Logo do primeiro tanto de Artai, os chairegos erraron unha pena máxima e a Residencia aproveitou para duplicar a renda antes do descanso (2-0). Os de Iván Lamas deron un paso adiante antes do descanso, recurtaron diferenzas nunha falta directa e apretaron ata o final na procura dun punto, pero a solvencia defensiva dos locais deixou os puntos na Cheda para manter aos de Rafa Casanova colíderes.

O Ribadeo vence no «Canti» (0-2). Non estivo cómodo o equipo mariñán ante un Taboada que inquedou moito a meta celeste. Porén, un contragolpe na recta final do primeiro tempo saldouse co 0-1, e o alto ritmo que impuxeron os do Pepe Barrera na reanudación valeulles para anotar o 0-2. Os de Martín Murado non baixaron os brazos e loitaron ata o final cun xogo moi vertical, pero logo de errar unha pena máxima non tiveron opcións de puntuar no seu feudo.

O Guntín asalta O Saviñao (1-2). Os laranxas querían ser protagonistas con balón, pero a boa presión local ao longo de toda a primeira metade impedía os avances visitantes. Xa na reanudación, Denís anotou o 1-0 para os seus logo dunha boa xogada por banda dereita. Foi entón cando o Guntín se amosou máis vertical e Pablo fixo o empate logo dun gran pase de Samu e, pouco despois, unha triangulación dos de Germán Campos na dereita saldouse cun disparo de Pablo que supuxo o 1-2. Desde aí, a solvencia defensiva do Guntín valeulle para sacar tres puntos de ouro do Municipal.

O Iberia cae nas Valgas ante unha intensa Milagrosa (1-2). O alto ritmo da Milagrosa e a súa efectividade de cara ao gol marcou a diferenza en San Miguel. Tres chegadas visitantes con ataques verticais traducíronse en dous goles para os de Madriles, mentres que os de Moro tiñan a posesión pero apenas inquedaban a meta albivermella. Na segunda metade, o Iberia buscou recurtar diferenzas e gozou de varias opcións, pero non foi ata o engadido cando acadou un 1-2 que se tornaría anecdótico nun duelo no que ambos conxuntos remataron amolados coa actuación arbitral.

máxicos locais

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *