Espectacular xornada nos Máxicos

Os Máxicos Salvatierra Abogados continúan loitando na Primeira Futgal logo dunha espectacular xornada.

O Brollón vence diante do Monterrey (2-0). Logo de media hora de tanteo na que ambos conxuntos se repartiron o dominio e na que Isma fixo un gran gol desde tres cuartos, Guiti fixo o 2-0 e o Brollón tivo maior protagonismo que os ourensáns. Porén, na segunda metade, o Monterrey errou un man a man e puido recurtar diferenzas cun disparo de falta directa, pero o cadro lucense amosouse merecedor dos tres puntos e conseguiu que quedasen nos Medos.

A Milagrosa mostra ante o Ribadeo a súa candidatura a todo (1-1). Comezou a fin de semana do San Froilán cun duelo de titáns no Gorgoso. Aínda que os mariñáns foron dominadores, os locais mantiveron un ritmo defensivo espectacular e complicaron as cousas aos celestes. O gol do Ribadeo chegou pouco antes do descanso por medio de Xairo, pero a reacción dos de Madriles fíxose notar no segundo tempo e Fran anotou o empate cando se cumpría a hora de xogo. Desde o 1-1, a Milagrosa defendeu o resultado, mentres que a falta de acerto dos visitantes impediu que o Ribadeo sacase tres puntos da Frigsa.

O Racing Villalbés B supera ao Xove (3-2). O fútbol sorriulle ao cadro de Iván Lamas no primeiro tempo. Iván, Borja cunha espectacular chilena, e Denís desde os once metros puxeron moita terra de por medio diante dun Xove ao que lle está custando o comezo de temporada. Os mariñáns non lle perderon a cara ao partido e competiron ben no segundo tempo: recurtaron diferenzas e, cando xa se achegaba o asubío final, fixeron un 3-2 que xerou dúbidas no cadro local e, de feito, o Xove errou un penalti no engadido que supoñería o empate, pero finalmente os puntos quedaron no Roca.

Oural e Outeiro de Rei empatan no Luis Pallín (1-1). Os sarriáns foron mellores no comezo do choque: as decisións eran mellores e a intensidade era maior por parte dos locais. Co paso dos minutos, e a pesares do gol que anotou o Oural nun X, o Outeiro de Rei mellorou e gañou en verticalidade para ter moita máis presenza en área rival. O empate chegou mediado o segundo tempo, e na recta final os visitantes tiveron opcións de facer o segundo con balóns colgados. Porén, o espectacular traballo defensivo do cadro do Oural mantivo o resultado e os puntos se repartiron no Luis Pallín.

A Residencia impón a súa lei na Liga (0-3). O cadro de Rafa Casanova controlou o duelo de principio a fin: dúas accións a balón parado inclinaron o electrónico cara o lado capitalino no primeiro tempo. Na segunda metade, aínda que os chairegos procuraron recurtar diferenzas, os experimentados visitantes evitaron sobresaltos, mantiveron a renda e pecharon o choque cun novo gol, neste caso de Mauro Busi.

O Monterroso domina pero cae ante unha imparable SD Chantada (0-2). Os de Fernandito tiveron máis protagonismo en campo rival, pero a boa dinámica do cadro de Traste impúxose nun duelo no que houbo cinco expulsións. Quintá e Iago erraron as máis claras para o Monterroso no primeiro tempo, e un pase de Cuñarro foi aproveitado por David para poñer o 0-1 antes do descanso.

Comezou a segunda metade con fútbol moi trabado e, logo dunha lea entre ambos conxuntos, tanto Monterroso como Chantada viron como era expulsado un xogador. Máis tarde, un novo cartón vermello deixou aos locais con nove. Aínda así, buscaron unha igualada que puido chegar nun novo remate de Quintá, pero foi Fornas quen sentenciou logo dunha gran asistencia de Pulpix, 0-2. Nos últimos intres producíronse tamén as expulsión de Traste e do visitante Joserra.

O Guntín e o Foz igualan nun choque moi intenso (1-1). Ambos conxuntos traraton de incomodar a saída de balón dos rivais e conseguírono con éxito: Jorge foi quen de poñer o 0-1 antes do 10′ e, desde ese momento, os mariñáns tiveron o control defensivo do choque. Ningún dos cadros sufriu ocasións claras, pero a insistencia local tivo premio case no tempo engadido: Dani Pérez aproveitou un rexeite logo dunha falta para igualar o resultado e deixar un punto importante no Ladairo diante dun Foz que competiu moi ben.

O Escairón faille pagar a inexperiencia ao Iberia (0-3). O dominio das áreas valeulle aos do Saviñao para sacar tres puntos das Valgas. Dous dos tres goles visitantes chegaron en xogadas a balón parado, e a renda puido ser maior de non ser pola espectacular actuación baixo paus de Iker. Aínda que Dani Prieto recurtou diferenzas nun balón ás costas da defensa visitante (1-2), o Escairón voltou poñer terra de por medio pouco despois para levar tres puntos de moito mérito cara o sur da provincia.

Unha espectacular chilena de Borja puxo o 2-0 no Estadio Roca diante do Xove.

O Taboada aproveitase da mala dinámica do Lourenzá (1-3). Os visitantes foron máis intensos dentro do fútbol directo que se viu na Santa Cruz. Unha pena máxima valeulles aos de Martín Murado para facer o 0-1 antes do descanso, pero os de Rubén Acebedo empataron á volta dos vestiarios. Porén, co paso dos minutos o Taboada voltou coller protagonismo no partido e fixo o 1-2 cunha boa acción individual. Cos locais envorcados na procura do empate, un contragolpe saldouse con outro penalti, que neste caso transformou Martuno, para rematar o partido co definitivo 1-3.

O Chantada Atlético móstralle ao Castro que está nun estado de forma espectacular (2-1). Os visitantes dominaron na primeira metade e aínda que o gol do Castro chegou nun erro dos locais a sensación de perigo estaba sobre a área dos do Sangoñedo. Porén, o «Atlético» reverteu a situación logo dun segundo tempo no que apretaron moito: Anxo empatou cun lanzamento afastado e un rebumbio na área logo dunha falta lateral saldouse co 2-1. Este marcador tornouse definitivo, aínda que Muiña estrelou un cabezazo no traveseiro no tempo engadido.

espectacular

Espectacular xornada nos Máxicos

A esférica volve a rodar para os

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *