Matela, Sanci e Friol, as vitorias dos necesitados antes do parón

O Matela e o Sanci protagonizaron dúas das grandes sorpresas da 12ª xornada de liga na Segunda Futgal. Os dous últimos clasificados derrotaron a dous equipos da zona alta no norte: Folgueiro e Alfoz. Pola súa parte, o Friol tamén conseguiu un triunfo importante ante un rival directo como o San Lázaro. Marcos (foto de portada) asinou un dobrete.

A categoría goza esta fin de semana de festivos dun parón, agás dous equipos. O Sober e o Palas recuperan este domingo o encontro que tiñan pendente. Fora aprazado en setembro por mor dos incendios que afectaban ao concello soberés.

O Riotorto ampliou vantaxe ao gañar na Pastoriza

Sexto triunfo seguido do Riotorto, que lle gañou ao Pastoricense (0-2) para amosar a súa condición de candidato ao ascenso. Coa derrota do Folgueiro, conta con catro puntos de diferenza no liderado. É a primeira vez no curso que se produce unha distancia de máis dun partido no primeiro posto. 

A derrota deixa ao Pastoricense na zona media da táboa clasificatoria. Conta con 17 puntos, está situado na 9ª posición e ten o posto de promoción de ascenso a 8. 

Duelo de poder a poder no Acebreiro sen goles no primeiro tempo. Os locais dominaron durante máis fases co balón, pero os visitantes tiveron máis presenza na área contraria e xeraron ocasións máis claras.

Ao pouco de volver dos vestiarios, Manu Carreira puxo por diante ao Riotorto cun remate a saída dun córner. Sétimo gol na temporada para o lucense. 

O Pastoricense volveu tratar de dominar aínda cun menos, porque antes da hora de partido Barbas foi expulsado. Ao pouco, nun contragolpe moi ben levado por Manu Carreira, Osky anotou o segundo. De aí ata o final, os pupilos preparados por Juanma intentárono, a pesar das dificultades e estiveron preto de marcar. A defensa e Sanfiz evitaron o tanto local. 

O Matela provocou a primeira derrota do Folgueiro

O club do Vicedo presentouse en San Lorenzo de Aguiar sen perder ningún encontro. Con todo, o pechacancelas da competición púxolle o xogo moi difícil. O Matela venceu 3-1 nun partido no que por fin o hat-trick de Jorge serviu para traer puntos. Nove goles en sete partidos do dianteiro de orixe colombiana, que chegou coa temporada comezada procedente do Santa Comba. 

A pesar dos tres puntos, o Matela segue de último momentaneamente. Conta con seis puntos, un menos que o Sanci e o Castroverde. Pola súa parte, o Folgueiro mantense na segunda posición con 25 puntos, a catro do Riotorto e un por riba do Goiriz. 

O Folgueiro era o único equipo invicto do grupo norte. Pensaba que podía seguir con esa xeira porque se adiantou rápido no partido. Aos poucos minutos xa gañaba cun tanto de Lalas. Foi o primeiro e o único gol recibido por Álex Varela no seu regreso ao Matela. O porteiro begontés reforzou ao club no que xa estivera e no seu primeiro encontro foi un dos protagonistas. 

A partir dese gol encaixado, a seguridade defensiva foi unha máxima no cadro local. Xogou o seu fútbol e arriba conta cun auténtico killer. En sete minutos Jorge remontou o partido. Ao volver dos vestiarios anotou o terceiro e púxolle o partido moi costa arriba ao Folgueiro. 

O Goiriz superou ao Casás

O club vilalbés volveu sumar de tres, logo de dúas xornadas sen facelo. O Goiriz colleitou a sétima vitoria do curso ante o Casás (3-1). Volve á terceira praza da clasificación e queda a un punto da promoción de ascenso. Conta con dous de marxe con respecto ao Alfoz. Mentres tanto, o Casás é 12º con 11 puntos, un máis que o Sporting Pontenova. 

Comezou mellor o Casás sobre o terreo de xogo do Ventiño. Superada a metade do primeiro acto, os locais comezaron a xerar ocasións. Antes do descanso, Muñiz anotou o seu noveno gol do curso. 

No segundo tempo, os locais comezaron fortes. Ao pouco tempo, nunha acción individual, Xoel marcou o segundo. O Casás non se foi do encontro e a reacción foi rápida. Noé recolleu un rexeite e recurtou diferenzas. 

Ambos equipos quedarían cun xogador menos. Vizoso foi expulsado no Goiriz e Maira no Casás. Non foi ata os últimos intres, cando Chris sentenciou o partido para os locais. 

O Sanci sorprende ao Alfoz

A outra gran sorpresa da xornada. O Sanci sumou a súa segunda vitoria seguida na casa. Desta volta ante un Alfoz (2-1), que perdeu por segunda vez no curso. O triunfo non quita ao Sanci do descenso directo, pero queda igualado co Castroverde, que é antepenúltimo, e a tres puntos do Sporting Pontenova. 

O Alfoz cortou a xeira de tres vitorias seguidas, pero mantense na parte alta. Queda a tres puntos do posto de promoción de ascenso na 4ª posición

Non saíu ben o cadro alfocense. Os locais puxéronse por diante á media hora por medio de Danielson. Aí o Alfoz mellorou e dispuxo de ocasións antes do descanso. 

Foi o inicio do segundo tempo cando igualou, cun gol de Liz. Con todo, non foi capaz de darlle á volta ao resultado. Xa no tramo final, Janfran marcou o tanto da vitoria local a saída dun córner. 

O Cabreiros volveu gañar despois de tres derrotas

O Cabreiros superou ao Sporting Pontenova (2-1) para sumar 21 puntos e quedar a catro do posto de promoción. Logo de perder tres partidso seguidos, venceu a un cadro pontenovés que leva sete xornadas sen gañar. É 13º con tres puntos máis que Castroverde e Sanci. 

Os locais trataron de ter o balón no primeiro tempo e os visitantes defenderon ben e non pasaron apuros, incluso contando con varios achegamentos a portería de Nesi. 

No segundo acto, o Sporting Pontenova avanzou liñas e tratou de xerar perigo. Esa situación fixo que deixase algún espazo máis en zona defensiva e por aí chegou o gol local. Nunha acción individual marcou Chema. 

Ao pouco, o Sporting Pontenova quedou cun futbolista menos coa expulsión do porteiro Presno. A xogada enfadou moito os visitantes que foron capaces de empatar por medio de Jaime. Con todo, os locais levarona  vitoria no tramo final cun tanto de Alberte.

No encontro debutou Nico Guerrero, futbolista procedente do Celta Barreiros que a última incorporación do Sporting Pontenova.  

Os goles de Pedro volveron ser clave para o Xermade

O club xermadés alcanzou os 20 puntos tras derrotar ao Celta Barreiros (1-2). É 6º e queda a cinco puntos do posto de promoción. Pola súa parte, o Celta Barreiros ten catro puntos menos e é 10º. 

Encontro igualado, que estivo marcado por unha expulsión para cada equipo ao pouco de comezar. Rocky non puido continuar nos locais e o capitán Esteban nos visitantes. 

Os goles non chegaron ata o segundo tempo. Primeiro Pedro marcou para o Xermade. A reacción local veu da man de Antón, que igualou o encontro. Mediado o segundo acto, Pedro, nunha gran xeira goleadora, asinou o dobrete. Ambos equipos dispuxeron de máis ocasións, pero o marcador xa non cambiou. 

Terceira vitoria seguida do Guitiriz

O cadro guitiricense leva nove puntos dos últimos nove en xogo. Ascende á 7ª praza con 20 puntos, igualado co Xermade e a 5 do posto de fase de ascenso. Superou pola mínima a Candelaria na Granda (0-1). Os locais acumulan catro derrotas seguidas e fican na 11ª posición con 13 puntos, dous máis que o Casás. 

O Guitiriz saíu vitorioso dun encontro de duelos. No primeiro tempo, case foron os locais os que xeraron máis perigo, que atoparon a boa resposta do gardamallas Jesús. 

No segundo acto, os visitantes maduraron mellor o encontro. Aínda así, Mista puido adiantar aos locais. Pouco despois, chegou o gol de triunfo. Roi, que avisara con anterioridade, marcou o tanto clave. 

O Meira e o Castroverde asinaron o empate da xornada

O club meirego igualou ante o Castroverde (3-3). O empate déixaos con 19 puntos na 8ª posición. Doce máis que o seu rival, que se mantén fóra do descenso directo, pero está igualado co Sanci que é penúltimo. 

Primeira parte trepidante de goles. Gelo adiantou cedo aos visitantes, que atoparon a resposta local por medio de Brais Pin. Á media hora de xogo, Gelo volveu facer gala unha fin de semana máis do que é sentir as cores polo seu equipo de sempre e asinou un dobrete. Xusto antes do descanso, Farra equilibrou o resultado. 

Xa avanzado o segundo tempo, Brais Pin volveu marcar e puxo os locais por diante. Foi antes de que unha acción manchara o seu bo partido e fora expulsado no tempo extra. Antes diso, o Castroverde lograra igualar por medio de Pablito. O dianteiro da Carraceira anotou o seu segundo gol do curso. 

O Becerreá afianza o seu liderado

O cadro becerrense viviu dúas semanas fantásticas en canto a resultados. Logrou seis puntos antes os que son nestes momentos os seus rivais directos polo primeiro posto. Superou ao Santa Comba pola mínima (1-0) e alcanzou os 28 puntos. Queda con tres de vantaxe con respecto ao Santa Comba e catro co San Roque. 

Comezou mellor o Santa Comba, que levou perigo a área rival nos primeiro minutos. Pouco a pouco, os locais tamén foron aparecendo. A peor nova foi a de Kevin, que tivo que deixar o partido e ir ao hospital por unha brecha. 

Xusto antes do descanso, chegou o gol que sería definitivo. Un gran disparo de López puxo por diante aos locais. 

No segundo tempo, o xogo foi máis bronco, con ocasións para ambos. Ao Santa Comba anuláronlle un gol por fóra de xogo e Ruchi e Xairo puideron sentenciar para o Becerreá. 

O San Roque perdeu a opción de volver, polo menos, ao 2º posto

O club capitalino igualou na súa visita ao Monterroso B (1-1). Co duelo directo que tiña por riba, antes da xornada tiña a opción incluso de regresar ao primeiro posto. Con todo, ten que conformarse coa 3ª praza momentánea e quedar a un punto do Santa Comba e a catro do líder. 

Pola súa parte, o Monterroso B mantén a boa liña desta tempada. Acumula 19 puntos e ten un partido menos, que xogará o último sábado do ano en Pantón. É 6º, a seis puntos da promoción. 

Comezou ben o filial cunha gran ocasión, na que actuou ben Cedrón e na que posteriormente os locais pediron penalti. Pouco despois, Javi Criado adiantou ao Monterroso B nun man a man. En menos de dez minutos, o San Roque empatou por medio dun gran gol de Jul a balón parado. O seu noveno tanto en liga. 

No segundo tempo, as interrupcións foron máis protagonistas que as ocasións. A lesión de Ramos enfadou aos locais, que pediron a expulsión dun xogador contrario por unha entrada. Cada equipo dispuxo dalgunha oportunidade para marcar, pero finalmente mandou o empate. 

O Lemos B enlazou a súa terceira vitoria seguida e luciuse na Pinguela

O filial lemista derrotou con claridade no duelo de proximidade ao Sober (5-0). Terceiro triunfo consecutivo para sumar 21 puntos, e quedar a catro do posto de fase de ascenso. Pola súa parte, o club soberés é último con 6 puntos, a dous de saír do descenso directo. Ten un partido menos, o que xogará este domingo en Centeás ás 16:00 h co Palas

O filial tivo que adaptarse á Pinguela, pero foi un proceso rápido. A partir do primeiro cuarto de hora, dominaron o encontro coa posesión de pelota e xerando perigo. Antes do descanso, dobrete de Pallín

No segundo acto, as condicións do terreo de xogo foron peores debido a intensa choiva que caeu en Monforte. Con todo, o Lemos B non deu moita opción á remontada co gol de Cere nada máis volver dos vestiarios. Ao pouco, Pallín sentenciou e asinou o seu hat-trick. Na recta final, Adrián redondeou a conta. 

Sétimo partido sen perder do Ferreira

O club de Pantón uniu catro vitorias seguidas e acumula sete encontros sen coñecer a derrota. Vén de vencer nos últimos intres ao Chantada B (1-0). Os xogadores preparados por Manu Rodríguez suman 21 puntos, están igualados co Lemos B, a catro da promoción e teñen un partido pendente co Monterroso B, ao que agora superan en dous puntos. 

Foi un encontro igualado, sen moitas ocasións. Cando houbo algunha no segundo tempo, ambos porteiros amosaron a súa seguridade. Todo indicaba ao empate, pero nos últimos intres, nunha acción a balón parado, Chomi marcou o tanto do triunfo. Foi o seu primeiro gol en liga do dianteiro monfortino co Ferreira, tras chegar este verán procedente do Incio. 

O Palas superou ao Portomarín e iguálao na clasificación

Cuarto triunfo do Palas na temporada ante o Portomarín (3-1). O encontro mantén aos dous conxuntos na zona media da táboa, agora igualados a 17 puntos. Están a oito da zona de play off e nove por riba do perigo. 

Segundo triunfo seguido do Paradela e da Sarriana B

O Paradela venceu ao Antas pola mínima (2-1) e queda a dous puntos do seu rival. O Antas é 9º con 17 puntos e o Paradela é 10º con 15. 

O Antas intentou propoñer máis xogo a través do balón, pero os locais adiantáronse nun roubo de balón. Andrés asistiu a Manu para poñerse por diante superada a media hora de encontro. Con todo, antes do descanso, Vicente logrou a igualada para o Antas. 

Na segunda metade, o Paradela intentouno á contra a través das bandas. O Antas puido marcar o segundo por medio de Nico. Os locais lograron o gol do triunfo practicamente o final cun gol de Andrés. 

A Sarriana B toma distancia cun rival directo como O Páramo, ao vencerlle (1-4). O filial acumula 13 puntos na 11ª praza, catro máis que o seu rival que é 13º. 

Os pupilos preparados por Raúl despregaron o seu xogo pouco a pouco. Con todo, a pesar de ter o balón non xeraron excesivas ocasións. Rubén si que logrou poñer por diante aos seus na primeira metade. 

No segundo acto, os visitantes leron mellor o encontro e seguiron chegando os goles. Xoel, Rubén co seu segundo e Sandro sentenciaron practicamente o encontro. A recta final foi dos locais cun tanto de Juan, pero sen marxe para sacar algo positivo a nivel de puntuación. 

A mellor noticia para os locais foi Pepe, que por fin puido estrearse co equipo esta temporada.

O Friol recupera puntos e sensacións

O cadro friolés derrotou a un rival directo como o San Lázaro (0-3) e sae dos postos de descenso directo. É antepenúltimo con oito puntos, os mesmos que o seu rival, penúltimo. 

Os pupilos de Martín recuperaron a súa mellor versión e iso transformouse en puntos. Marcos e Boado marcaron no primeiro tempo. Á hora de xogo, Marcos asinou o seu dobrete e deixou o partido visto para sentenza.