Goiriz, Castroverde, Monterroso B e Sober xa coñecen aos dous conxuntos que os acompañarán a vindeira campaña en Segunda Futgal. Serán o Matela, que venceu ao Abadín, e a Sarriana B que deixou fóra ao Corgo nun encontro este último que rematou con imaxes das que non queremos ver nunca máis nun recinto deportivo.
Analizamos as eliminatorias de ascenso, así como o partidos correspondentes ao Torneo Delegación.
FINAL PLAY OFF ASCENSO – GRUPO NORTE
O Matela golea ao Abadín e culmina a súa boa campaña co ascenso (5-2)
O partido non puido comezar mellor para o Matela. Os locais saíron moi concentrados e pasaron por enriba do Abadín nos primeiros dez minutos onde acadaron dous goles de vantaxe. Simao abriu a lata ao culminar unha contra perfectamente levada por Torito e Pablo fixo o segundo tras outra contra. Ferre recurtou diferencias para os de David Lorenzo logo de transformar unha pena máxima. As esperanzas do Abadín duraron pouco. Nunha internada por bada esquerda Simao fixo o terceiro antes de que os visitantes gozaron duns minutos nos que chegaron con claridade á área rival. Pero Bruno fixo o cuarto para o Matela e deixou a eliminatoria case que sentenciada para os de Cuchi.


No segundo tempo o encontro baixou en intensidade. O Abadín asumiu riscos na procura dun gol que lles dera esperanzas de remontar. O Matela aproveitou os espazos e fixo o quinto por medio de David. Cristian, cun bo remate, maquillou o marcador.
David Lorenzo deixou de ser adestrador do Abadín tras a disputa deste encontro.
FINAL PLAY OFF ASCENSO – GRUPO SUR
A Sarriana B acada o ascenso no seu segundo ano de vida no Municipal diante do Corgo (2-2)

As lamentables imaxes que nos deixou o final do encontro, e que agardamos que non se volvan a ver nun terreo de xogo, non empañan en absoluto o ascenso da Sarriana B no seu segundo ano de existencia.
No primeiro tempo ámbolos conxuntos saíron coa súa idea de xogo moi clara. A Sarriana B querendo xogar o balón e o Corgo optando por un fútbol directo. Os de Abel Rochela dificultaron o xogo dos visitantes e colgaron balóns á área sabendo da debilidade do rival nestas accións. Malia todo os locais non foron quen de xerar demasiadas situacións de perigo nos primeiros corenta e cinco minutos e foron os sarriaos os que se adiantaron no marcador nun penalti protestado polos xogadores do Corgo que transformou Daniel.
O segundo tempo comezou con outro penalti tamén moi protestado polos locais ao entender que a acción tivo lugar fóra da área. Desta volta os visitantes non lograron transformalo e iso deulle alas ao Corgo. Xoia, de penalti, e Mejuto déronlle a volta ao marcador e puxeron a eliminatoria a un só gol. O Corgo contou con algunha ocasión para facer o terceiro que non foi quen de aproveitar e no desconto, logo de que o colexiado expulsara a dous xogadores locais, chegou o gol de Saúl que deixou a eliminatoria vista para sentencia.
TORNEO DELEGACIÓN
GRUPO 1. Goiriz 9 – Friol B 0. Encontro sen historia no que o Goiriz impuxo a súa lei desde o comezo. Os de Manu Veiga amosáronse moi serios e non concederon ocasións ao conxunto local. Richi, cun hat-trick nun primeiro tempo que rematou 5-0 foi o xogador máis destacado dos chairegos. No segundo tempo o Goiriz seguiu presionando alto e foi quen de lograr catro tantos máis, dous deles obra de Nico.
GRUPO 2. Roupar 2 – Comercial 2. Encontro vistoso para o espectador no que ambos conxuntos non especularon en ataque. O Roupar adiantouse aos tres minutos nun córner botado por Yosi que un defensa introduciu na súa propia portería. Os visitantes contaron con boas opcións para empatar que desbaratou o gardameta local Fran. Aaron igualou para os de Manu Prieto antes do descanso. No segundo tempo Manu adiantou ao Roupar cun bo lanzamento de falta. Jaco a piques estivo de sentenciar para os de Ángel Peña, pero o balón estrelouse no longueiro. Pero a Comercial logrou o empate tras unha acción de Nadir cando o Roupar xa estaba con dez por lesión de Xoel cos trocos xa esgotados.
GRUPO 3. Relámpago Taboada 2 – Bóveda 5. Encontro parello e con alternativas para ámbolos conxuntos. O Relámpago amosou unha gran melloría e competiu de ti a ti contra un recén ascendido como é o Sober. Víctor Valiño ‘Valigol’ adiantou aos locais antes do descanso, e no segundo tempo varias ocasións claras estiveron a piques de deixar contra as cordas aos visitantes. Pero en só dous minutos os de Iban Lagoa déronlle a volta ao marcador con dous goles de David Piñeiro. Non se viñeron abaixo os locais e Fran estableceu o empate tras unha gran asistencia de Moure. O Sober, malia estar en cadro, foi superior nos últimos intres e logrou tres tantos para sentenciar o partido ao seu favor.
GRUPO 3. Carballedo 3 – Bóveda 0. Encontro que non se disputou debido á incomparecencia do Bóveda e os locais sumaron os tres puntos.
