#Entrevistas #Primeira Futgal

Marcos Pereiro, SD Guitiriz: «Afrontamos os 4 partidos pensando en gañar»

diario

Non está sendo un ano doado para a SD Guitiriz. O conxunto que dirixe Marcos Pereiro ascendeu á Primeira Galicia na temporada 22/23 e actualmente, atópase inmerso na loita pola permanencia na categoría, incerta polo número de arrastres que se poden dar.

O inicio de temporada do equipo, con tan só 4/3 puntos en 15 xornadas, anticipaba un final moi negro para os do Suso Cruz. Porén, unha reacción espectacular desde o mes de decembro situou ao Guitiriz a tan só 2 puntos da permanencia a falta de 4 xornadas por disputarse. Hoxe, conversamos con Marcos para coñecer como se vive desde dentro a situación.

Futbolinlugo: Confías na permanencia?

Marcos Pereiro: Aínda que agora a situación non depende de nós, imos afrontar os catro partidos que nos quedan pensando só en gañar: agardaremos un pinchazo do Riotorto e coa Milagrosa temos un duelo directo que se o superamos encarrilamos a situación. Confío que o imos facer o mellor posible e agardaremos que o Riotorto falle.



Fil: E confían os teus xogadores?

MP: Un dos puntos fortes do equipo é a fortaleza mental. O ano pasado, na promoción de ascenso, non estivemos nunca por diante no marcador: contra Cospeito xa encaixaramos un gol no minuto 5′, contra o Iberia similar… e este ano levamos todo o ano véndonos en descenso, practicamente desde a xornada 1, en ocasións moi lonxe… Se non cresemos na permanencia, non estaríamos xa na pelexa.

o guitiriz sacou 3 puntos nas primeiras 15 xornadas, pero 21 puntos nas 15 seguintes

Fil: O comezo da campaña frustrou un ano tranquilo.



MP: Si, foi unha pretemporada inusual con factores que escapaban ao control do corpo técnico, pero a pesares diso penso que competimos ben aínda que non chegasen os resultados. Houbo máis factores, como lesións, sobre todo nunha liña defensiva que sempre tivo baixas; outros xogadores estruturais como Mauro…

Fil: Que lle faltaba ao Guitiriz nas primeiras xornadas?

MP: Temos un equipo moi veterán, cunha media de idade que ronda os 33 anos. A maioría deles levan toda a vida afeitos a dominar o xogo, por físico e por condicións, e os últimos dez anos unha categoría máis abaixo. Tivemos que pasar por un periodo de adaptación á nova realidade do equipo, para explotar as nosas virtudes e responder mellor a procesos máis reactivos, nos que tes menos o balón… Despois o fútbol son dinámicas, houbo momentos da primeira volta na que faciamos todo ben e o resultado non se daba, mentres que hai outras nas que todo sae mellor sen facer tan ben as cousas.

guitiriz

Fil: En que mellorou para sacar 21 puntos nas últimas 15 xornadas?

MP: Deixamos atrás todo este tema das lesións, e nós mesmos coñecemos mellor a categoría e as cousas que nos esixían a todos. Como digo, a fortaleza mental é chave, porque é moi difícil afrontar cada partido vendo que a permanencia está moi lonxe e, aínda que te sumas puntos, os rivais seguen gañando. Hai pouco mirei a clasificación do ano pasado, e o 4º pola cola foi o Antas con 19 puntos en todo o ano, mentres que nós xa levamos 24 a estas alturas. O Guitiriz é un equipo con limitacións persoais, familiares, laborais… pero sempre fixemos da necesidade virtude e todo o mundo estivo implicado ao 100% co Guitiriz.



Fil: Cal vai ser a chave nas 4 xornadas restantes?

MP: Creo que a chave ten que ser manternos fieis a nós mesmos: foi o que nos deu o ascenso o ano pasado e o que nos vai permitir competir ben nestes partidos. Vai haber momentos nos que o pasemos mal e se sabemos sufrir, temos armas para despois facer dano aos rivais e levarnos os partidos. Tivemos un varapau grande o día do Portomarín, pero precisamente a reacción do domingo pasado demostra que estamos preparados para este reto.

Fil: Estades nunha Primeira de moito nivel, sobre todo na zona alta.

MP: Si, cando cheguei ao Guitiriz o ano pasado contouseme a realidade que había: un equipo veterán con certa necesidade de ir introducindo á seguinte xeración. Penso que o estamos facendo ben, xa debutaron sete xuvenís: Breixo establecido como porteiro titular, Sergio, Mario ou Juan participando con asiduidade… temos que coñecer o noso contexto, medrar cunha base de xente de Guitiriz, e niso estamos.

Fil: Está contento Marcos Pereiro no banco do Guitiriz?

MP: Si, desde o primeiro día recibín un trato persoal incrible por parte dos xogadores: é moi difícil atopar un grupo así. Atopeime con persoas marabillosas e non podería estar máis contento cos xogadores que teño.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *