#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Marcos despídese do fútbol no Anxo Carro

A despedida de Marcos no céspede das Valgas reconcilia aos afeccionados do fútbol modesto co balompé. Sobre todo, porque practicamente a mesma hora ocorrian unhas imaxes vergoñentas en Cospeito. Foi o que deron de si as finais polo ascenso e as semifinais de Copa. O San Lázaro e o Racing Villalbés B soben á Primeira. O Becerreá e o Iberia xogan ás seis desta tarde a final da Copa Deputación no Anxo Carro.

Becerreá e Iberia rememoran a final de hai dous anos en Sarria

Mesmos protagonistas que no 2022 na Ribela. Daquela o campión foi o equipo da Montaña. O Becerreá chegou a final tras eliminar ao Friol xa hai dúas semanas. O Iberia meteuse no partido decisivo tras superar á Candelaria nas Valgas.

O cadro da Rúa conseguiu adiantarse no marcador por medio de Roberto. Levaban un mes sen competir. Pernas logrou a igualada rápido. No segundo tempo, de novo Pernas aproveitou un balón que rexeitou o pau tras lanzar Prieto unha falta. Nunha contra, os locais anotaron o terceiro. Con todo, a Candelaria aínda lograría o segundo grazas a Rambo.

O central Pernas foi un dos futbolistas destacados cos dous goles e xerando perigo en ataque. Ángel tamén desenvolveu un bo papel. Nos visitantes Indio e Roberto puxeron o seu esforzo ao servizo dunha Candelaria que remata así a temporada.



O encontro tivo unha emoción especial. Marcos Rodríguez Rañón ‘xubílase’ do balompé aos seus 53 anos. Aínda que estará na convocatoria do equipo deste sábado no Anxo Carro, o gran capitán non volverá xogar nas Valgas. Entrou nos últimos minutos para volver poñer o brazalete e recibir o aplauso dos seus veciños. 37 tempadas no primeiro equipo, xogou anteriormente nas categorías inferiores, militou co club en tres categorías (Preferente, Primeira e Segunda) e xogou tamén en diversas posicións no terreo de xogo.

O San Lázaro volve a Primeira dous anos despois

O cadro lucense viviu un partido moi igualado nos Medos ante o Brollón. A eliminatoria chegaba empatada polo que só valía gañar. O campo vestiuse de gala e os presentes falan dunhas 800 persoas nas instalacións.

As grandes ocasións destacaron pola súa ausencia ao longo dos 90 minutos. Houbo moita desputa e balóns divididos. As defensas impuxéronse. Dani, meta do Brollón, despexou os dous achegamentos máis claros dos visitantes no segundo tempo. Damián levou perigo para os locais nunha falta que detén Borja ‘Pipita’.



O encontro resolveuse na prórroga. A diferenza púxoa Pablo Gómez cunha vaselina para marcar o único tanto do encontro. O Brollón tentou volcarse ao ataque. O San Lázaro quedou cun xogador menos por expulsión de Maxi. Aguantaron do resultado os capitalinos que volven á categoría que deixaron hai dous anos.

Os defensas foron os grandes destacados do partido con Miguel Casanova, David e Castro a un bo nivel nos locais e tamén Cadenas e Gabri nos visitantes.

O Comité de competición confirma o ascenso do filial do Racing Villalbés

Tras a pelexa que se produciu o domingo na Fonte, o encontro entre o Racing Villalbés B e o Sanci quedara suspendido con 3-1. Quedaban poucos minutos en xogo e o Comité de competición decidiu dar o partido por rematado. O resultado permítelle ao filial racinguista lograr o seu segundo ascenso consecutivo no seu segundo ano de vida.

A espera de se a comisión antiviolencia da Secretaría Xeral para o Deporte pode decretar algo máis sobre o caso e á parte da vía penal aberta, a Federación sancionou con 15 partidos a Carlos López. O ente federativo argumenta que isto se produce por «agredir a outro causándolle lesión estando o xogo detido». Por outra parte, sanciona con 4 encontros a Uru por «agredir a outro, suxeitándoo do pescozo e derribándoo».

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso ante o Comité Territorial de Apelación.

Antes da imaxe final, o Racing B foi superior no xogo. Entrou mellor no partido, mentres o Sanci agardou máis a expectativa. Marcou dous goles no primeiro tempo. Alfredo e Gabri Blanco foron os autores.

Equilibráronse máis as forzas no segundo acto e antes de entrar no tramo final, o Sanci recurtou distancias. Mesmo chegou a ter un lanzamento ao pau. Minutos máis tarde, o equipo que actuou como local marcou o terceiro por medio de Hugo Blanco.

Foto de portada: Iberia CF

Marcos despídese do fútbol no Anxo Carro

Diario dun mercado. Episodio 408

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *