A cada quen na súa profesión chégalle o momento de dar un paso ao lado e deixar que as novas xeracións se abran paso. É o caso tamén dos nosos colexiados. Marco Antonio Fernández Vázquez deu por rematada a súa traxectoria nos campos da provincia de Lugo logo do moitos anos impartindo xustiza. E faino sendo unha «rara avis«, xa que, poucos árbitros son queridos por absolutamente todo o mundo.
Marco Antonio estivo nos micrófnos do Ser Deportivos Lugo, onde atendeu ás preguntas formuladas por Álex Gato, presentador do programa, e Diego Díaz, redactor de Futbolinlugo.
O colexiado puxo punto e final á súa traxectoria no campo do Pol, no encontro que enfrontou ao conxunto local co Santaballés. «Foi unha festa para todo o mundo. Fixémoslle unha festa ao Pol polo seu merecido ascenso e ademáis, coa colaboración de Freire, adestrador do Santaballés, démoslle unha sorpresa a Hugo Criado que colga as botas. Ao final do encontro xa vin a encerrona que me estaban amañando e foi moi emocionante. Os dous equipos fixéronme o pasillo, xunto cos meus asistentes e a verdade que me gustou moito«.
Non foi precoz no mundo da arbitraxe, xa que, ata os vintecinco anos non se decidiu a comezar neste mundo. «Agora teño corenta e cinco, foron vinte anos de carreira de bos e malos momentos. É dificil quedarse cos mellores e peores momentos, non sería capaz de decir un. É verdade que hai partidos que todo se torce e no minuto sesenta desexas que xa remate e outros nos que as cousas saen xenial e non queres que rematen«.



A dificultade de ser árbitro. «Posiblemente sexa a soedade. Son moitos momentos de estar só. Unha viaxe, un ambiente hostil. . . ti queres facer todo ben e todos están queréndote engañar ou desequilibrar. Posiblemente sexa o máis difícil desta profesión, máis que nada nesta categoría«.
O mérito de ser un colexiado querido por todos. «Puido axudar que fun futbolista antes que árbitro. Iso ensínache a poñerte no lugar do xogador e outros compañeiros non pasaron por esa experiencia e sempre é unha vantaxe. Aínda que sobre todo ser un mesmo, tanto na arbitraxe como en calquer ámbito da vida«.

O futuro. «Seguirei na arbitraxe, pero desde outra persepectiva máis liviana. Tamén xogarei cos meus amigos no Rábade de veteráns que o paso moi ben e sobre todo estar cos meus fillos, que son uns apaixoados do fútbol e estarei máis tempo ao seu carón. Estou moi orgulloso deles«
