#Fútbol afeccionado

Manolo González, CF Badalona: «Gustaríame adestrar ao CD Lugo»

Está a ser unha das tendencias da información deportiva en Galicia. Adestra lonxe da súa terra a un conxunto do Grupo III da Segunda División B que vén de eliminar na Copa do Rey a un Getafe (que disputa este ano a Europa League) e os seus rexistros ligueiros son admirables. Tamén soña con volver á súa terra e poder adestrar algún día ao CD Lugo.

El é Manolo González (Folgoso do Courel, 14-01-1979), o lucense que se agocha tras os recentes éxitos do CF Badalona. E tales éxitos non son peccata minuta nin moito menos, senón que o técnico pode presumir de ter eliminados ao histórico Real Oviedo e ao Getafe CF na primeira e segunda rolda -respectivamente- da novedosa Copa do Rei, que tantas alegrías está a dar aos clubes de Segunda B e incluso Terceira División.

Manolo chegou ao clube coa campaña xa comezada e nunha situación delicada para os cataláns, que ocupaban o último posto da taboa clasificatoria con tan só un punto de x posibles. Coa chegada de Manolo (quen o ano pasado adestrara ao CD Ebro tamén na categoría de bronce do fútbol español) os resultados non pararon de mellorar, atopándose agora en postos de play-out pero cun partido menos que os seus competidores.

A victoria contra o Oviedo por 1-0 e contra o Getafe por 2-0 deixaba ao Badalona posibilidades de verse as caras cun equipo que competise na Champions League. Porén, o sempre caprichoso sorteo emparexou ao Badalona cun Granada que está a ser unha das sorpresas este ano na Primeira División.



Hoxe, Futbolinlugo fala con Manolo González para coñecer como se viven desde dentro estes éxitos e para poder presumir da mina de talento deportivo que sen dúbida ten a nosa provincia!

Futbolinlugo: Gustaríanos saber como se queda un despois de eliminar a un equipo de Segunda División e a outro que xoga competicións europeas…

Manolo González: Estamos moi contentos. Xa non é só o feito de eliminalos, senón que tamén é ilusionante o modo de eliminalos: xogamos ben, fixemos moitas cousas ben… e estamos contentos porque o equipo cada día demostra que está mellor e que ten as cousas máis claras.



FIL: Próximo rival, o Granada CF. Como se afronta esa eliminatoria?

MG: Tentaremos pasar a eliminatoria e seguir avanzando nesta Copa do Rei. Sabemos que é un partido moi complicado pero tamén sabemos que somos capaces de pasar contra calquer rival.

FIL: Quizais foi unha mágoa que non tocase un equipo de Champions League.

MG: Si, pero era difícil porque aínda hai bastantes equipos de Segunda B vivos. Aínda así, estamos moi contentos porque o rival é de Primeira e, por tanto, vai ser moi bonito xogar contra eles.

FIL: Hai diferenzas á hora de plantexar un partido contra un rival de Primeira División?



MG: Non, plantexámolo igual. Miramos as cousas boas e malas que ten o rival, onde lles podemos facer dano… e así tratamos de sacar adiante os partidos.

FIL: Pese á melloría nos resultados vista desde a túa chegada, é o obxectivo distinto á permanencia?

MG: Si, levamos un déficit moi grande de puntos pese a que desde que cheguei estamos en números de play-off. O obxectivo é sacar ao equipo canto antes de aí e a partires de aí quedar o mellor posible.

FIL: En que pensas que se diferenzan os xogadores de Segunda B e os de, por exemplo, Primeira?

MG: Cando un xogador pasa moitos anos en Primeira é por algo. Pode darse que algún xogador dalgún plantel de Primeira non sexa moi diferente dun de Segunda B, pero se alguén afronta sete, oito anos en Primeira é porque ten cousas distintas aos demais. Quizais nun partido iso se poda igualar, pero hai que estar moi atentos á traxectoria de cada un.

Manolo González, entrenador del Badalona
Foto: Abc

FIL: En canto a ti, poucos adestradores poden dicir que fosen expulsados por Mateu Lahoz (o colexiado expulsou a Manolo no duelo ante o Getafe)…

MG: Si, e máis de xeito inxusto. Moléstame que eu na televisión teño visto a Luis Suárez facer e dicir de todo e seguir xogando, mentres que é bastante fácil expulsar a un adestrador de Segunda B.

FIL: O ano pasado adestraches ao Ebro despois de varias temporadas vinculado ao Badalona, para regresar este ano. Que motivou tal regreso?

MG: As ofertas que saíron no verán non saíron ben por un ou outro motivo, así que estaba sin equipo. Entón chamou o Badalona e, ao final, os que adestramos nestas categorías temos que coller as oportunidades, ben para seguir escalando, ben para seguir traballando. Decidín volver para tratar de salvar ao primeiro equipo e non perder hábito de adestrar. Estou cómodo aquí, deixan traballar a un, así que valoro esas cousas.

Serái bonito adestrar onde nacín.

FIL: A que aspira Manolo González nisto do fútbol?

MG: Obviamente a ir para arriba. Se pode ser en Segunda B, en Segunda B. Se pode ser en Segunda A, pois en Segunda A. O importante é ir collendo bos proxectos con bos presupostos, para poder ir ascendendo categorías e dar o salto ao fútbol máis profesional.

FIL: Un clube ao que soñes con adestrar?

MG: Soñar sempre se soña co Real Madrid, pero si que me faría moitísima ilusión adestrar ao CD Lugo.

FIL: Polo tanto, poderemos verte de volta pola provincia…

MG: Si, ogallá sexa máis cedo que tarde, pero sería bonito adestrar onde nacín, ao equipo da miña terra. Sería fenomenal.

Desde Futbolinlugo queremos agradecer o excepcional trato recibido tanto por parte de Manolo González como por parte do CF Badalona e lles desexamos un gran ano e unha traxectoria chea de éxitos como os vividos no último mes!

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *