O lume detén o fútbol en Pantón e en Sober

A segunda xornada da Segunda Futgal lucense deixa dous partidos pendentes por mor do lume. As lapas xogaron un derbi entre Pantón e Sober que nunca se debería ter producido. Nin o río Cabe foi impedimento para que as faíscas fixesen das súas e alertaran a toda a poboación.

Tívose que decretar o nivel dous de perigosidade e, obviamente, o fútbol quedou nun segundo plano toda a fin de semana. O campo do Baliño mesmo se usou como centro de control, posibilitando tamén a aterraxe dalgún helicóptero. Enviámoslle moito ánimo ás persoas que se viron afectadas.

No meramente deportivo, o Riotorto e o San Roque lideran cadanseu grupo. A espera de xogue o Monterroso B, os dous equipos que o curso pasado xogaron a fase de ascenso son os dous únicos que gañaron os dous encontros de liga.

Consulta aquí os onces da primeira xornada

O Riotorto superou ao Casás (3-0). Os locais dominaron máis e mellor ante un rival que sucumbiu no segundo tempo. Óscar López, Edgar e Manu Carreira foron os goleadores. Ademais, o porteiro Sanfiz mantén a súa portería sen encaixar.

Un bo número de equipos mantense invicto. Un exemplo é o Xermade e o Alfoz, que tras gañar na primeira xornada, empataron (2-2) no seu duelo directo da pasada finde.

Tamén segue sen perder o Celta Barreiros, que derrotou con claridade no marcador ao Sanci (5-1). O Folgueiro faise forte en Boavista cun 4-0 ante o Meira e o Guitiriz venceu con ampla vantaxe no resultado ao Castroverde (4-1).

Nove goles na Mina para que o Goiriz gañara ao Sporting Pontenova (4-5) e comezara con bo pé no seu regreso á Segunda. Nos primeiros vinte minutos, o equipo vilalbés xa marcara os cinco tantos. Nico Santomé anotou un hat-trick e Muñiz un dobrete. Reaccionaron os locais e, aínda no primeiro tempo, marcaron catro goles, dobrete Alesuco incluido. O incrible foi que non houbera goles no segundo acto.

O Pastoricense logrou os tres puntos en Cabreiros (2-3) e a Candelaria sumou de tres ante un Matela (1-3), que ten novo adestrador.

Dende a primeira xornada, o conxunto de Outeiro de Rei xa non conta con Juan Carlos Quiroga como adestrador. José Ramón López ‘Cuchi’ volverá dirixir ao equipo. O técnico que vén de lograr o ascenso o pasado curso xa seguiu o cadro de xogadores na última xornada en San Lorenzo de Aguiar. Agora sentarase no banco o próximo domingo na Pastoriza.

Na zona sur, o San Roque superou ao Chantada B (2-0) e tamén Gikay Karim ‘Kay’ permanece como o único gardamallas invicto do grupo.

O Lemos B igualou ante o Becerreá (1-1), despois de ir por diante boa parte do encontro. Nun penalti final, os pupilos preparados por Javi Gómez lograron a igualada no partido e tamén na clasificación. Ambos quedan con catro puntos.

O Antas logrou o primeiro triunfo oficial de Brais Rozados como adestrador ante O Páramo (2-1), mentres que o Friol sacou o seu poderío na Reigosa para vencer a Sarriana B (2-1).

O Santa Comba logrou o triunfo ante o Portomarín (4-2) e o o Paradela estreou a súa puntuación ante o San Lázaro (2-1).

Polo momento, os encontros aprazados entre o Ferreira e o Palas, máis o Sober e o Monterroso B non teñen data.

Foto de portada: Luis Antonio Dacosta. Imaxe correspondente ao venres 19 de setembro do campo do Baliño en Pantón, momentos críticos para varias aldeas e veciños.

O lume detén o fútbol en Pantón e en Sober

A Terceira Futgal ve a luz verde

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *