A xornada confirma unha cousa, o Lugo B, o Racing Villalbés e o Lemos están no camiño para loitar ata o final pola promoción de ascenso. O filial gañou no derbi provincial ante o Viveiro, os chairegos ante un rival directo coma o Céltiga e os monfortinos, fóra da casa ante o Cented. Pola súa parte o Pol empatou cun golazo de Diego Rey, a Sarriana sumou un novo punto e o Burela tamén iguala ante o Sofán.
O Lugo B lévase o derbi lucense
O Lugo B foi o gañador do partido da xornada para o Trío de Ases O Cantón ao superar por 1-0 ao Viveiro na Cheda. Os de Dani Galán dominaron a través do balón e do desequilibrio ata que, no minuto 24, Mateo Muñoz conectou un zapatazo desde fóra da área para mandar o balón á escadra da portería de Ayoub. Os albivermellos tiveron máis perigo no que quedaba de primeira parte, pero non lograron ampliar a súa renta.
O guión mantívose na segunda metade co Lugo B chegando cada vez máis a área rival. Mateo, Aday e Dacal tiveron preto o tanto da tranquilidade, pero iso abriu a porta á esperanza da igualada para o Viveiro. Os de Alberto López deron un paso máis nos últimos minutos y achegáronse ao empate con disparos de Lansade e Álvaro, pero que non tiveron éxito. Os tres puntos quedaron na Cheda e permiten ao Lugo B estar empatado con Céltiga e Boiro para o último posto de play off, mentres que o Viveiro está decimoterceiro con catro puntos de renta co descenso.
O Racing Villalbés gaña un encontro vital
O Racing Villalbés conseguiu unha vitoria por 1-0 de moito valor que lle permite adiantar ao seu rival, o Céltiga, na táboa clasificatoria. Os de Juan Rodríguez sairon moi enchufados e demostrouno Pablo Trigo cunha gran ocasión. Nun momento de dúbidas onde os visitantes tiveron oportunidades, o propio Trigo aproveitou un rexeite para abrir o marcador. A través do balón parado estiveron preto de facer o segundo antes do descanso.

Na segunda parte, o guión foi máis aberto. O Céltiga deu un paso adiante e o Racing Villalbés aproveitou os espazos para facer que o encontro fose de ida e volta. Javi Rey e Pablo Trigo tiveron dous disparos moi perigosos, mentres que os rivais intentarono con disparos desde a frontal. No último cuarto de hora, os chairegos pecharon a cancela para lograr tres puntos moi importantes.
Non hai quen pare ao Lemos
O Lemos conseguiu sobrepoñerse ás dificultades para lograr vencer ao Cented Academy por 0-2. Os ourensáns eran para os de Edu Rodríguez unha das saídas máis complicadas da primeira volta, xa que lograron facer dano co balón aos monfortinos. O Lemos logrou encarrilar o encontro cun tanto de Brais tras aproveitar un balón á espalda para definir no un contra un. Pablo, antes do descanso, fixo unha parada de mérito para manter a vantaxe.
Na segunda parte, os primeiros minutos foron complicados para os de Edu Rodríguez á hora de axustar na liña defensiva. O paso a cinco defensas fíxolle moito ben, xa que gañaron en solidez defensiva e incluso, no minuto 65, Fito aproveitou unha transición para lograr sentenciar o encontro. Tamén estivo cerca o terceiro, pero o porteiro detivo o intento de Yann.
Diego Rey firma unha obra de arte
O Pol conseguiu un novo punto nunha visita complicada como é o campo do San Tirso. Os chairegos igualaron a 2-2 nun encontro no que se adiantaron cun gol de Álex Pérez de falta no minuto 14. O San Tirso igualou cun gol á saída dun córner de Tunas. Xa na segunda parte, Carlos adiantaría aos coruñeses, pero saíu a escea a maxia. Diego Rey foi quen de firmar un gol olímpico no minuto 85 que lle permitiu ao Pol sumar ante un dos favoritos para estar na loita polo ascenso.
Dous empates de tranquilidade
A Sarriana non puido regalarlle unha última vitoria no 2025 aos seus afeccionados na Ribela nun encontro que rematou por 0-0 ante o Atlético Astorga. O conxunto de Dani Giménez foi dominador do partido desde o comezo, onde Millán e Edu tiveron preto o gol. Os locais instaláronse durante gran parte do encontro en campo rival, aínda que Fernando tivo que actuar. No desconto, Edu estivo a punto de marcar o gol da vitoria, pero topouse co porteiro rival.
O Burela, pola súa parte, sumou un punto (1-1) nunha saída complicada ante o Sofán. O encontro foi moi igualado en todo momento onde houbo moitas disputas e balóns divididos. O Burela tivo moitas oportunidades, pero golpearon primeiro os locais cun gol de Iván Martínez nun córner. Na segunda parte o Burela volveu a amedrentar cunha gran ocasión de Yeray. O empate veu nun penalti que transformou Diego Chao.


