O Viveiro comeza a dar os seus primeiros pasos para a vindeira tempada tras un curso no que tras tres adestradores, Adrián Benavides conseguiu a permanencia na Terceira RFEF. O leonés non continuará no proxecto, pero o novo líder chega da casa. Tras o seu paso por Burela e Ribadeo, Luchi Salgueiro volve a onde fixo carreira coma xogador para traer un proxecto que busca o rendemento a través dunha idea sólida de xogo, a maximización das pezas dispoñibles e a aposta pola Mariña lucense.
Futbolinlugo: No último curso co Ribadeo estivestedes a piques de acadar a permanencia. Como foi a tempada?
Luchi Salgueiro: «Cando me chamaron si que é verdade que era unha situación complicada, pero desde o primeiro momento sentínme moi escoitado polos xogadores. Fomos traballando e sobrelevando os problemas, na gran maioría lesións. A verdade é que foi un máster para min por todos eses inconvintes e pola mala sorte que nos perseguiu nos momentos decisivos. Valeume moito para exprimirme para poder atopar solucións no traballo diario. Sentínme moi querido e estou moi agradecido, inda que o final fora extremadamente cruel por descender no último minuto».
FIL: Cada vez estás dando pasos máis grandes sen sair da Mariña. Que significa para ti estes avances?


LS: «Primeiro de todo é que a xente valora moito tanto o traballo coma a propósta de fútbol. Cando queres xogar a un estilo o primeiro que tes que facer é sentilo e iso a min é o que me axuda a transmitilo. Son pasional e quero que o que propoña estea seguro de que vai saír con traballo. Burela para min foi coma ter un neno, darlle vida a un proxecto e que ao final quedase tan preto. Tamén é poético que fora cun gol de Mauro, que demostra que o fútbol é caprichoso. En Ribadeo non cumplimos o obxectivo, pero foi moi gratificante».
FIL: Como chega a opción de firmar polo Viveiro?
LS: «Eu estaba nunha situación en Ribadeo na que confían en min para poder voltar a ascender, pero pola distancia e que non tiña capacidade para pensar no longo prazo. Despois de que Benavides non renovara pensan en min para dirixir ao Viveiro. Estou moi ilusionado por vir a que é a miña casa, onde fixen toda a miña carreira. É un reto maiúsculo ao que hai que sumarlle que son de aquí e todo o que significa».

«No Viveiro vaise intentar apostar pola xente da Mariña»
FIL: Que cres que lle podes aportar ao clube?
LS: «Son unha persoa da casa que sabe o que hai no clube e que ten unha proposta de xogo diferente. Penso que tamén é a oportunidade para que no Viveiro haxa un entrenador que intente apostar pola xente da Mariña para que teñan oportunidades. Imos intentar propoñer a xente interesante e coa intención de acertar e darlles as ferramentas coas que eu puiden contar cando era novo. Estou acostumado a facer proxectos onde tomar decisións con xente nova non me costou nada».
FIL: Cal vai ser a base do teu proxecto?
LS: «Aínda que queremos contar con xente da casa, sei que teño que sacar un rendemento debido a que a categoría o demanda. Un que coñece a xente da zona sabe que pode dar un plus ao Viveiro e que son válidos. O importante é o rendemento, o importante é que con esa xente da mariña busquemos un traballo para crear un bloque sólido. A esixencia vai ser a mesma para todos e esa vai ser a base que queremos, que co traballo demostren que merecen xogar».
FIL: Que esperas atoparte na Terceira RFEF, categoría na que non estiveches como técnico?
LS: «É o meu primeiro ano na categoría, pero espero ver unha liga semiprofesional despois de ver que na Preferente cada vez está máis profesionalizado. Os cadros son moi amplios, polo que tamén o ritmo e a esixencia medran moito. Tacticamente, ves moita capacidade de adaptación no encontro e lectura de como poder contrarrestar ao equipo rival. Cun cadro con máis variantes tes moitas máis opcións, pero é vital ter claro o plan de partido e como modificar o que podes facer para danar ao rival».
FIL: Aínda que non teñades cadro de xogadores, cal pode ser un obxectivo realista para o Viveiro?
LS: «O obxectivo do Viveiro, sobre todo pola traxectoria dos últimos anos, é a permanencia. Os presupostos cada vez son máis altos con moitos equipos medrando no ámbito económico e nos somos dos equipos máis humildes da categoría e temos unha dificultade pola ubicación. Para loitar por algo tes que ter un bloque sólido onde necesitas anos, así que hai que comezar a casa polo chan pensando en non baixar e intentar usar todo o que poidamos para acadar o obxectivo cando toque».