Viveiro viviu na pasada fin de semana unha das súas xornadas máis emotivas coa homenaxe a Kiko Rey, un dos xogadores que máis marca deixou no fútbol da Mariña. O dianteiro viveirense é un dos poucos que pode dicir que marcou en todas as categorías desde a Preferente ata a Primeira División. Canteirán do Real Madrid, alcanzou a elite co Salamanca e xogou en clubes como Logroñés, Eibar, Almería ou CD Ourense. En todos deixouo seu traballo e encheu os corazóns das afeccións ata darlle agora nome ao estadio de Cantarrana.
Futbolinlugo: Como viviches a xornada da túa homenaxe en Viveiro?
Kiko Rey: «Foi un día moi emotivo porque ao final é difícil que che fagan un recoñecemento deste tipo. Que lle poñan o teu nome ao estadio da túa vida ao final é un orgullo e faime sentir unha satisfacción enorme por acadar tal fito. A xente non se dá conta, pero para min foi algo realmente especial. Ademais, estamos falando dun campo mítico da provincia e dun dos equipos máis antigos de toda Galicia».
FIL: Centrándonos na túa carreira, cal foi o mellor recordo que tes do fútbol?



Kiko Rey: «Os mellores son os ascensos co Salamanca ata chegar a Primeira. Eses foron os mellores momentos da miña carreira polos grandes fitos deportivos que conseguimos, xa que en só dúas tempadas conseguimos pasar da Segunda B á máxima categoría do fútbol español».
FIL: Es das poucas persoas que acadou marcar goles desde a Preferente ata a Primeira División, iso é moi forte.
Kiko Rey: «Eso pode ser anecdótico porque non acostuma a que os xogadores cheguen a disputar e marcar en todas as categorías. Creo recordar que tamén Changui, que xogou no Compostela, acadou ese fito. Pódeste facer unha idea da cantidade de xogadores en Galicia que hai e que é un dato que non está ao alcance de todos.».
Kiko Rey: «Era impensable para min estar nos estadios de Primeira»
FIL: Fai exactamente 30 anos que debutaches na Primeira División. Como a recordas?
Kiko Rey: «Tremendamente emocionado tamén. Nunca imaxinei que ía xogar na elite e centreime en desfrutar todos e cada un dos partidos, xogase ou non, porque ir por eses estadios para unha persoa de Viveiro coma min era impensable. Foi o máis grande que fixen na miña vida».
FIL: Tamén quería recordar a túa época en Ourense porque vin moita xente nas redes sociais que se alegrou moito pola homenaxe. Que recordo tes?
KR: «Moi ben porque foi a miña volta a Galicia e tiven a miña primeira filla alí. Queríamos voltar e estiven tres anos no clube. Marcar máis de 50 goles ao longo desas tempadas foi un plus para min á hora de continuar a xogar ao fútbol».

FIL: Pasando á vida fóra dos terreos de xogo, estiven lendo que seguiches adestrando. Como ves ao Viveiro na actualidade?
KR: «Eu adestro na SD Viveiro, que son clubes da mesma casa pero con directivas diferentes. No Viveiro da Terceira RFEF estanse a facer as cousas moi ben cunha gran loita para manterse na categoría ano tras ano, que non é para nada sinxelo. Polo noso lado, queremos que máis xente de Viveiro chegue ao primeiro equipo. É unha labor dura na que buscamos adestrar cada día. Os rapaces teñen moitas cousas e agora o fútbol xa non é o que era antes porque é máis doado chegar a outros deportes. Temos que seguir traballando ben».
FIL: É unha situación que se pode ver en toda a Mariña con moitos equipos traballando moi ben. Cres que voltaremos ver a alguén da Mariña no fútbol profesional?
KR: «Ogallá que si, todos os equipos da Mariña traballan para que calquera xogador chegue ao máis alto posible. Temos moito potencial e bos xogadores, pero hoxe en día é necesario ter a sorte de estar no lugar e no momento preciso para ter a oportunidade. O que hai que ter é oportunidades, que é o máis difícil ao non depender dun mesmo».
Foto cedida por Kiko Rey.