A SD Chantada conseguiu alzar a Copa Deputación tras gañar ao Taboada nun encontro no que a loita chegou ata a prórroga. Cando os penaltis xa petaban á porta co empate a dous no marcador, a falta de catro minutos para o final do encontro, Kadete foi quen de romper a igualada cun gran remate de cabeza que fixo que el coma capitán levantara o trofeo de campión. Unha data que non poderá esquecer un xogador que xa é historia do fútbol na Ribeira Sacra con tres copas na súa estantería e seis finales disputadas.
Futbolinlugo: Como viviches o encontro que vos deu o título?
Kadete: «As finais sempre se pasan con máis nervios do normal e máis si comezas o encontro mal perdendo por dous goles. Nunca perdemos a fe na remontada e puidemos chegar a prórroga. Notabamos que tiñamos máis folgos porque eles sufrían o cansancio. Non queriamos perder despois de lograr esta gran remontada».
FIL: Existe a sensación de que tiñas que ser ti quen marcara o gol da vitoria. Que sentiches unha vez entrou o balón na rede despois do teu espectacular remate?


Kadete: «Eu non fun consciente no momento do que pasou. Non sabía o minuto exacto, pero moitas das mensaxes que recibín eran sobre que tiña que ser eu quen marcara o gol da vitoria. Non sei se están as cousas escritas, pero os veciños do Taboada que fixeron unha gran temporada e teñen unha afección de dez. Houbo unha final preciosa entre dous equipos que somos moi semellantes que confían na xente da casa. O ano pasado rompera o xeonllo ante eles e este ano marco o gol para gañar a Copa. O fútbol dá e quita cousas, pero son moitas as alegrías».
FIL: Canta importancia lle das a levantar este título?
Kadete: «Eu teño a gran sorte de que sexa a sexta final co Chantada e ter tres gañadas, pero as tres anteriores remataran todas con derrota. Sempre tiñamos esa espiña e moitos non gañaran ningunha. Levamos anos xerando ilusión na vila con moi bon xogo, pero non o pechábamos cun ascenso ou cun título. É bonito desfrutar estos momentos de celebración co Chantada, e xusto antes da cea de fin de tempada».

«No Chantada somos máis felices canto máis xogamos»
FIL: Nesta tempada fixéstedes un gran papel na Primeira Futgal. Como viviches este curso?
Kadete: «Loitamos ata o final polo play off e sempre queda esa espiña, pero coma no Chantada somos os amigos de toda a vida e gústanos adestrar e competir sempre temos moita ilusión e nunca queremos que remate. Canto máis xoguemos durante a tempada, máis felices seremos todos os membros do club».
FIL: E, naturalmente, a Copa foi o colofón. Pensabades ao comezo do curso en que podiades ser campións?
Kadete: «Sempre tes a ilusión. Como este ano se xogou ao final da tempada e coa loita pola promoción non pensamos neso moito. Eu non sei cantos anos levo xogando, pero nunca vivin a sensación de pasar da Copa, aquí sempre nos ilusiona e que nos gusta desfrutar».
FIL: Xa coa tempada rematada, chega o momento de pensar no futuro. Que será de Kadete a vindeira campaña?
Kadete: «Aínda non sei, coa lesión este ano tiven a dúbida e tiven a sorte de que non tiven pegas no traballo. Non é o mesmo cando es novo que agora que tes responsabilidades, traballo e fillos. Eu probei este ano e non tiven ningunha dor, o que me permitiu manter a capacidade de competición. Se estou ben vou seguir porque desconectas, encántame convivir cos compañeiros e adestrar».